O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou as obras levadas a cabo no centro de formación agroforestal de Sergude. José González estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. Ademais, estiveron nesta visita ao centro, situado en Quián, os arquitectos do proxecto -deseñado por César Portela, Magdalena-Arousa Portela, Jorge Salgado e Celso López- e o propio director do CFEA, Juan Carlos Ferreras.
Nesta primeira fase do proxecto de Sergude, dotado con 3,4 millóns de euros, o titular do Medio Rural resaltou a importancia de avanzar nunhas obras enfocadas na mellora das actuais instalacións e a construción dun novo edificio para os estudantes, permitindo ampliar o número de prazas da residencia -de 52 a 82- .
González recalcou que con esta actuación búscase que o alumnado deste CFEA, “futuros traballadores do rural galego”, poidan formarse nunhas instalacións modernas, sustentables e que atendan a criterios de eficiencia enerxética.
Tanto o novo edificio en construción como as instalacións reformadas contarán cunha fachada ventilada en madeira. “Estas dúas envolventes amosan, con feitos, a nosa aposta por impulsar o emprego de madeira estrutural como ferramenta de sustentabilidade, ademais de contribuír á potenciación do noso sector forestal”, dixo José González.
Ata un 20% das edificacións impulsadas pola Xunta contarán con madeira estrutural
Nesta mesma liña, ata o 20% das edificacións impulsadas polo goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que irá medrando gradualmente a partir do ano que ven. E dentro desta aposta, o Consello da Xunta avaliou hoxe a Guía para fomentar a madeira na contratación pública de edificacións sustentables, co fin de facilitarlle ás administracións que así o desexen o uso deste material na licitación pública de edificios sustentables.
O uso da madeira estrutural na construción constitúe un eixo clave nas políticas de descarbonización e, ademais de por razóns técnicas e sociais, ten un potente retorno económico: cada euro investido neste material supón outro euro no circuíto rexional, nun efecto que se multiplica co emprego de madeira local.
En paralelo ao fomento da demanda pública, e dentro do mesmo compromiso co sector forestal, a Xunta de Galicia habilitará en 2024 unha liña de dous millóns para seguir promovendo o emprego de madeira estrutural en edificacións de particulares e empresas.
Obras realizadas en Sergude
A renovación destas instalacións estase a facer atendendo aos criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Ademais, servirá para responder á demanda existente para a residencia do centro, en consonancia coa oferta do CFEA. O centro conta actualmente con máis de 130 alumnos de ciclos formativos, cursando o grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal e o grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambos en réxime ordinario presencial. Tamén o grao medio de Produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e o grao medio en Produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).
Con respecto ao conxunto do proxecto, o conselleiro recordou que o obxectivo é crear o “Espello do rural galego”, un espazo que propicie unha visión global do que é o noso medio rural, dende o punto de vista agropecuario, forestal e hortofrutícola, comezando nunha primeira fase pola mellora das instalacións formativas e residencias.
Así, o pazo de Quián e a súa contorna converteranse no futuro nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos seus tres usos fundamentais: forestal, agrícola e gandeiro.