A Xunta mantén a aposta no que atinxe ao uso da madeira como material de construción destinado a vivenda. Así, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou hoxe en Lobios varias edificacións que recibiron axudas do goberno autonómico para a súa construción en madeira. Alí destacou a aposta da Xunta de Galicia polo fomento do uso en madeira como elemento estrutural, para a que destinará dous millóns de euros no 2024.
Nesta liña de apoio, estes complexos turísticos da Baixa Limia forman parte das 164 empresas e particulares que recibiron na última convocatoria resolta achegas para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. En total, as axudas concedidas ás catro edificacións visitadas hoxe ascenden a preto de 185.000 euros.
Segundo indicou o director, estas subvencións teñen como obxectivos principais loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian a habitar edificacións construídas en madeira. Uns obxectivos que, ademais, se enmarcan dentro dos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira.
Nesta liña, Jacobo Aboal lembrou o compromiso ambiental da Xunta na loita contra o cambio climático e na busca dun monte multifuncional e sustentable, polo cal a partir do vindeiro ano unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas polo Goberno autonómico terán que empregar madeira na súa estrutura.
Apoio ao sector forestal
Ademais de fomentar a construción en madeira, a Xunta seguirá centrando os seus esforzos na mellora da competitividade do sector forestal. Neste sentido, o director da Axencia Galega da Industria Forestal destacou diferentes convocatorias de achegas públicas como o os 2,5 millóns de euros para investimentos de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira; ou os 14,1 millóns de euros en investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, o maior importe dunha convocatoria deste tipo.
Con todo, a Axencia volverá incrementar o orzamento -ata chegar aos 2,4 millóns- para axudas ás actividades en materia de valorización e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, o director lembrou os 11 millóns de euros do seu orzamento a investimentos para a construción de tecnoloxías forestais, unha medida incluída nos orzamentos da Consellería do Medio Rural para 2024. Incrementarase esta partida en máis dun 100%. Ademais, unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas pola Xunta de Galicia utilizarán madeira estrutural, unha liña xa avanzada en proxectos como o da Base da Unidade Operativa (BUO) de Muíños.
A maiores, a Consellería do Medio Rural xa está a traballar nun novo paquete de axudas á industria forestal; con achegas, entre outras, á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas galegas e do contract ou subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
Crearase tamén unha nova liña específica para a dixitalización das empresas do sector forestal en Galicia e para realizar investimentos necesarios que lle permitan ás empresas acudir dun xeito máis sinxelo e económico aos seguros da súa maquinaria e instalación.