Archives

Rexeitamento no sector a que se destinen fondos do Plan Apícola a loitar contra a velutina

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas no congreso celebrado en outono en Chantada Hai evidente malestar entre as asociacións apícolas galegas porque a Xunta incluíu dentro das axudas do Plan Apícola publicadas esta semana como primeira liña de subvención (100% do gasto) a adquisición de trampas e atraíntes para a velutina, relegando outras necesidades dos colmeares, como o tratamento contra a varroa, o alimento das colmeas ou a renovación de ceras. As asociacións, que remitiron antes da publicación da orde de axudas no DOG un escrito conxunto, que non foi atendido pola Administración galega, acusan á Xunta de estar deste xeito detraendo fondos do sector para loitar contra a praga da vespa velutina, que aínda que afecta de xeito moi importante ao sector apícola, non é un problema exclusivo dos abelleiros nin é, din, responsabilidade exclusiva deles ter que controlar a praga, senón que se trata dun problema social e medioambiental que corresponde atender á Administración.
A da velutina é unha praga que vai en aumento e que non afecta só ao sector apícola
A Xunta desatende deste xeito unha das peticións unánimes que as 5 principais asociacións de apicultores existentes en Galicia –Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente– fixeron o pasado outono á Administración galega, para que sacara a loita contra a velutina do Plan Apícola e dotase o combate desta praga que vai en aumento dun orzamento aparte dentro das partidas da Consellería de Medioambiente, ao tratarse dunha especie invasora.  Desta maneira, coa inclusión das medidas antivelutina como liña de axuda preferente dentro do Plan Apícola deste ano, desde as asociacións de abelleiros temen que non cheguen os cartos do Plan Apícola, 1,5 millóns de euros, para outras necesidades, como financiar unha parte do custo da alimentación das colmeas ou a renovación de ceras.
A Consellería adiantou este ano dous meses a convocatoria do Plan Apícola
Do mesmo xeito, xa que a Xunta decidiu adiantar este ano dous meses a convocatoria do Plan Apícola (saía normalmente en marzo), o prazo de solicitude remata desta volta o vindeiro 8 de febreiro, antes mesmo de que finalice o prazo para facer a actualización obrigatoria anual do Censo Apícola por parte dos produtores, que achacan esta premura á convocatoria electoral e piden á Consellería que adiante na mesma medida a resolución e pago das axudas, que non se produce normalmente até o último trimestre do ano. 

Como está afectando a velutina ao sector do viño?

Luis Sande, Pablo González e Roberto Rivas contaron en Chantada a súa loita contra a velutina nos seus viñedos Desde a súa chegada a Galicia hai 12 anos, os produtores de mel foron os máis prexudicados pola presenza da vespa velutina, pero sectores como a fruticultura e a viticultura están empezando a notar tamén con forza os seus efectos. A maior carga da vespa invasora prodúcese no mes de setembro, xusto cando as uvas se achegan ao momento da vendima. No eido agrario a presenza da velutina afecta de maneira xeral á polinización dos cultivos, pero tamén polos ataques na época de maduración dos froitos.
A maior carga de velutina e os seus maiores estragos coinciden co momento da vendima debido ao proceso biolóxico dos niños e o grado de maduración da uva
As vides non requiren de polinización, pero é esencial que os acios cheguen á adega nun estado sanitario axeitado. “Hai unha afectación por perda de rendemento na explotación, porque o que come a velutina non vai para a adega, pero hay tamén unha perda de calidade por problemas posteriores de oxidación nas uvas comidas”, asegura Roberto Rivas, adegueiro do Salnés e presidente da Asociación Galega de Viticultura, que reúne a pequenos colleiteiros e adegueiros de todas as denominacións de orixe.
Súmanse tres problemas: un problema de baixa en quilos, problemas de perda de calidade e un problema de seguridade na vendima
Roberto participou, xunto a viticultores de distintas zonas, nas recentes xornadas sobre a velutina organizadas en Chantada e nas que se fixo patente a globalización dun problema, o da falta de control da praga, tanto desde o punto de vista económico para sectores como o apícola ou o do viño, como desde a óptica da seguridade cidadá. Preferencia polas variedades de maduración temperá Aínda que a rápida expansión da velutina fixo que estea xa presente en todo o territorio galego, a nivel vitivinícola a súa incidencia está a ser moi forte nas IXPs Terra do Barbanza e Viño de Betanzos, pero tamén en zonas interiores como pode ser a Ribeira Sacra ou o val do Navia. “Este año xa houbo problemas importantes na zona de Negueira de Muñiz”, explicou o presidente da Asociación Galega de Viticultores. “En viticultura non está medida cal é a perda pola incidencia da velutina, pero o que si sabemos é que incide máis nunhas variedades ca noutras. Á que máis afecta é á branca lexítima, por iso afecta máis á comarca do Barbanza, á de Betanzos e este ano tamén ao val do Navia”, explica Roberto.
A branca lexítima e a mencía son dúas das uvas máis afectadas
A velutina ten preferencia polas variedades de maduración temperá e altos niveis de azucre, por iso nos tintos afecta máis ao mencía. “Nas Rías Baixas deixamos as cepas de mencía que temos polo medio como cebo, porque mentres van ao mencía non van ao resto de variedades”, conta. Pola contra, di, “no caíño tinto nunca vimos unha velutina arredor dela. Algo ten esa uva, que é moi ácida, que non lles gusta nada”, razoa.    “Castiga máis ao pequeno produtor” Ningunha das cinco denominacións de orixe se libra xa neste momento da velutina, que avanzou nos últimos anos cara o sur de Lugo e o interior de Ourense, pero unha serie de factores, ademais da variedade plantada, fan que a incidencia da vespa (e as súas consecuencias económicas) se noten máis en zonas onde non é predominante o monocultivo de viñedo.
Non é o mesmo o problema da velutina para quen ten 1 hectárea en 50 parcelas que para quen ten 50 hectáreas nunha parcela
Os 45 millóns de quilos que se recollen en Rías Baixas non o dan comido todo, pero pensade en zonas como Betanzos, o Barbanza ou Negueira de Muñiz, onde quedan moi poucos viticultores e onde as vides están rodeadas de mato e de zonas forestais, o que favorece a presenza de niños de velutina e dificulta a súa localización”, argumenta. Por iso, afirma, “non é o mesmo o problema da velutina para quen ten 1 hectárea en 50 parcelas que para quen ten 50 hectáreas nunha parcela”. “Se tes 50 hectáreas nunha peza única é moito máis doado tratar de controlar a velutina, pero eu xestiono 3 hectáreas en 52 parcelas que están en 7 parroquias de 3 concellos distintos. Imaxinádevos o que sería poñer mallas nesas 52 parcelas, iso é inviable económicamente”, asegura.
Topámonos con algo contra o que non sabemos loitar e que vai a máis
Por iso Roberto optou por un sistema máis rudimentario (un spray das moscas nas horas de máis calor e maior concentración de velutinas), porque “se as molestas 3 ou 4 días seguidos nunha parcela marchan e van a outras”, di. Pero matiza, “eu non dou visitado no día as 52 parcelas que teño na época de máximo apoxeo da velutina”, polo que prioriza a defensa daquelas uvas “especiais”. Son tres parcelas cunha variedade, a ratiño, que estamos tratando de recuperar pero que é unha uva que tamén lles encanta e é á primeira que van”, explica.
A velutina impide facer vinificacións experimentais: en Betanzos cada vez se está facendo menos viño doce pola presión da velutina e en Rías Baixas menos vendimas tardías
Por iso, conta Roberto, a velutina ten unha afectación importante nas vinificacións experimentais, “que son importantes nas contas de resultado das bodegas porque multiplican por 2 ou por 3 o valor dos viños, e tamén para o prestixio da Denominación de Orixe, porque son viños dunha calidade superior”. Pero asegura que “os viños doces de Betanzos ou vendimas tardías das Rías Baixas estanse deixando de facer porque esas uvas teñen que quedar colgadas un mes máis desde que retiras o resto da uva, e iso fai que se concentre toda a presión de velutina neses racimos que quedan”, indica.   Risco de picaduras durante a vendima A velutina xera ademais un maior custo á hora de vendimar, dado que hai que escoller moito máis para tratar de levar para a adega a menor cantidade posible de uva comida. “Hai que ir seleccionando, cortando só a metade do racimo, polo que é un traballo máis laborioso que leva máis tempo”, explica.
Todos os viticultores de Rías Baixas durante a vendima temos unha colección de picaduras importante; iso tamén fai que cada vez sexa máis difícil atopar man de obra
A velutina xera ademais un problema de seguridade na vendima. “Estás sacando racimos rodeado de vespas e prodúcense picaduras. Todos os viticultores de Rías Baixas temos unha colección importante de picaduras durante a vendima e iso fai tamén que cada vez sexa máis difícil atopar man de obra”, relata. “Primeiro sacáronnos aos estudantes porque lles adiantaron o comezo do curso e agora hai xente que ten medo de ir a meterse a vendimar no medio da velutina. Temos veces de chegar a vendimar ás 9 da mañá e ás 11 ter que marchar porque aquilo se enche de velutinas”, describe. A maiores, di Roberto, “é moi complicado e perigoso tamén facer os desbroces nas parcelas”. Perdas entre o 30% e o 50% da produción este ano en Betanzos Nas comarcas do Barbanza e de Betanzos foi onde primeiro comezaron a padecer os problemas coa velutina, que está a poñer en serio risco a viabilidade do sector nestes lugares. “En Betanzos unha adega pequena este ano xa non vendimou por culpa do bicho; con eses cartos eran cos que iba pagar a poda e os tratamentos do ano que vén”, evidencia o presidente da Asociación Galega de Viticultura. Luis Sande puxo en marcha fai 6 anos Pagos de Brigante, a maior adega da IXP Viño de Betanzos. “Temos 5 hectáreas das 10-12 que hai en Betanzos, onde a velutina é un gran problema”, asegura.
Perdemos uns 5.000 kg por hectárea de rendemento, iso son uns 15.000 euros. O problema é moi grave; é unha situación insostible
“Perdemos o 50% da produción de branco lexítimo na parcela máis importante, dunha hectárea”, describe. Iso supón unha perda de rendemento duns 5.000 kg por hectárea, que a 3€/kg terían un valor duns 15.000 euros. E engade: “perdemos produción pero incrementouse o custo da vendima, porque ademais da selección en campo hai tamén que facer unha selección da uva á entrada en bodega e iso incrementa os gastos. No caso do branco lexítimo o custo da vendima multiplicouse por tres este ano”, cuantifica Luis.
Temos 20 fincas espalladas en 8 parroquias de 3 concellos. É difícil de manexar e de controlar toda esa superficie tan dispersa
Pero a afectación non se limita á uva branca lexítima. “Como a vendima é escalonada, cando se acaba a branca lexítima van ao resto de variedades a medida que van madurando. No godello perdemos un 10% da produción pola velutina este ano”, conta. Otra adega de Betanzos, Casa Beade, ten unha plantación de roibal (merenzao), unha variedade tinta de maduración temperá, que, igual que a branca lexítima, tamén é moi atacada pola velutina e algúns expertos indican que a razón podería estar no limadol, un composto común a todas as variedades afectadas. “Pido que se destinen medios a investigación, para min iso é a solución”, considera Luis.
Todas as variedades afectadas compartirían un composto aromático, o limadol
Con todo, o nivel de afectación nas parcelas é dispar. “Non afectan a todos os viñedos por igual e non sabemos por que. Nalgunhas fincas temos problemas cos paxaros e pensamos que pode ser que disuadan ás velutinas”, di.  As velutinas teñen dúas necesidades, proteína e alimento azucarado. Se no momento da vendima os niños próximos están criando as larvas necesitan sobre todo proteína, polo que as velutinas irán menos ás uvas e máis aos colmeares a cazar abellas, pero ese estado do niño cambia en 10-12 días e, se en vez de proteína necesita azucre, irán ás uvas.
Poñer redes custa uns 10.000 euros por hectárea, máis que o que valen as uvas
Pagos de Brigante xa probou todos os métodos de barreira e defensa disponibles, como as redes antigranizo, que resultan efectivas pero moi caras. “O custo é duns 10.000 euros por hectárea, é un custo superior ao valor das uvas”, compara Luis. A través da Reserva de Biosfera de As Mariñas estase estudando algún tipo de subvención aos produtores de viño para paliar os danos da velutina e a fauna salvaxe. “En Betanzos aféctanos tamén o xabaril e os paxaros”, conta Luis.

“Ao paso que imos a velutina vai ser un problema catastrófico para todo o sector”

Pablo González, durante a súa intervención no congreso sobre a velutina celebrado en Chantada A subzona Quiroga-Bibei é unha das zonas máis “castigadas pola velutina” dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, asegura Pablo González, enólogo e director técnico da adega EDV Vitucultores, que conta que este foi o ano “cunha maior incidencia sobre os viñedos”. “Empezamos a notar unha presión máis forte o ano pasado, pero non se lle deu demasiada importancia, pero este ano si que xa vimos que había un problema importante”, recoñece. “Temos unha vendima minguada nun 15% este ano; non sabemos o que vai pasar o ano que vén, pero isto a menos non vai”, opina.
Este foi o ano no que tivemos unha incidencia maior de velutina na Ribeira Sacra
“A velutina vainos ocasionar unhas perdas económicas brutais no sector do viño. É un problema que xa temos agora mesmo pero que se vai agravar moitísimo nos vindeiros anos. Ao paso que imos vai ser un problema catastrófico para todo o sector. En Galicia estamos xogando con 258 millóns de euros que aporta o sector do viño e temos 3.000 postos de traballo directos vivindo disto; non é unha broma”, afirma. Presión sobre a viticultura heroica Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra elabóranse perto de 7 millóns de quilos entre 95 adegas. “Hai 7 delas que son o G-7 da Denominación de Orixe, que estarían entre os 700.000 e os 2,5 millóns de quilos, logo 4 ou 5 adegas sitúanse entre 80.000 e 120.000 quilos, pero despois hai outras 60 por debaixo de 25.000 e dentro desas unhas 20 ou 25 con producións de 4.000 ou 5.000 kg pero que teñen entre 65 e 75 viticultores que as provén de uva, con pequenas parcelas de entre 300 e 500 metros cadrados difíciles de traballar”, describe. “Se eses pequenos produtores abandonan a actividade por culpa da velutina empezarán a subir as silveiras dos montes do redor e perderanse os bancais que caracterizan a paisaxe da Ribeira Sacra e que atraen ao turismo, que representa o 43% do PIB da comarca. É un problema en cadea”, di. Elaboracións especiais Entre os produtores da Ribeira Sacra a velutina afecta tanto a castes brancas como á súa variedade predominante, a mencía. “As variedades máis castigadas que tivemos nós foron as brancas, empezou polo godello, pola branca lexítima e pola treixadura. Pero despois das brancas, a velutina pasa ás tintas e afecta á mencía e á garnacha”, explica.
Nós metemos 3.000 kg dunha variedade branca a secar para facer viño doce e obtivemos unha produción ínfima polo que comeu a velutina
Nos acios que se deixan para recoller máis tarde multiplícase o problema. “Nós temos unha finca duns 5.000 kg que deixamos sempre para unha vendima tardía, onde facemos unha vendima nocturna e sacamos un dos viños de máis nivel que temos. Empezamos a vendima este ano polo 25 de agosto e polo 12 de setembro fixemos un paseo pola parcela e vimos que estaba perfecta, polo que decidimos deixala unha semana máis para que collera unha pouca máis de graduación alcólica, pero cando volvemos uns días despois a vela outra vez xa vimos que tiñamos un 70% da uva tocada pola velutina e tres días despois o fungo da botrite metido dentro”, conta. Perda de calidade “A velutina pica, crea unha ferida, saen os zumes, empézase a condensar a humidade da noite e a meterse o fungo da botrite dentro, o que fai que haxa que vendimar de xeito inmediato, porque cada día podemos estar perdendo un 2 ou un 3% da produción. Ese é un problema, pero aínda é maior cando metemos esa uva aos depósitos. Parece todo normal e as acideces son correctas, pensas que libras pero cando fas as primeiras analíticas ao viño ves parámetros como 1 miligramo por litro de ácido acético. En Ribeira Sacra non se poden embotellar viños xóvenes por enriba de 0,65 miligramos por litro. Na nosa Denominación de Orixe imos ter viños que non se van poder sacar ao mercado ou que imos ter que homoxeneizar con outros castigando calidades, e isto é algo do que non se está falando”, relata Pablo. Meter abellas no viñedo EDV xestiona en total unhas 13 hectáreas de viñedos en 2 municipios, pero ten a súa base de operacións en Margaride, unha aldea da parroquia de Quintá de Lor, no concello de Quiroga, onde está ubicada a adega. Alí decidiron este ano poñer 10 colmeas. “O viñedo non necesita polinización, pero na miña casa houbo abellas toda a vida. Temos unha hectárea ao lado da adega e agora imos plantar outras 5. Seguramente haxa quen pense que é arriscado poñer as abellas no medio das vides polo tema dos tratamentos, pero é unha aposta que queremos facer”, di.
Eu xa sei que é arriscado meter abellas no medio de 5 hectáreas de viñedo pero é un indicativo de que se están facendo as cousas ben
“O que tratamos de vender as adegas é un pack de naturismo. Nós temos tamén oliveiras, e as abellas son un indicativo de que se están a facer as cousas ben e a diferenza nos viños moitas veces está en detalles moi pequenos”, asegura Pablo, que ademais de enólogo é tamén catador en concursos internacionais. Contra a opinión moitas veces xeralizada, defende que “os viticultores tratamos de usar os mínimos produtos fitosanitarios posibles, xa non só polo medio ambiente, senón porque nos vai ao peto, porque canto menos tratamento poidamos usar, máis aforraremos niso e maior rendibilidade obteremos ao final”, argumenta.
Os viticultores tratamos de usar os mínimos produtos fitosanitarios posibles, xa non só polo medio ambiente, senón porque nos vai ao peto
“Nós levamos 22 anos sen usar glifosato nin ningún tipo de herbicidas e 16 anos nos que para usar unha materia activa sistémica ten que ser moi grave o ataque de mildiu, por exemplo. Tratamos de facer medidas culturais no viñedo, como podas tardías para loitar contra as xeadas”, enumera. En canto ao sulfato de cobre, Pablo conta o seu uso como tratamento antibotrítico. “Nós acabamos este ano a vendima o 14 de outubro. O que nos interesa do cobre a doses baixas é que endurecera a pel da uva para evitar o efecto das choivas que veñen antes da vendima. Pode ser que teña algún componente repelente, non o sei. Este ano non tratei con cobre e a incidencia en brancos situouse entre un 45 e un 50%”, describe.  “É un problema urxente, non para a Axenda 2030” O responsable da adega EDV pide á Administración que actúe, igual que fixo coa avispiña do castiñeiro, pero esixe que o faga con celeridade. “É triste que quen nos dirixe e quen nos controla vaia por detrás de quen traballa. É a realidade en moitas cousas e pasa claramente nisto da velutina. A Administración normalmente xa vai despacio, pero xa se lle cambias o paso, tropeza. Por iso cando xorde un problema novo, sempre reacciona tarde”, asegura.  
É moi triste que quen nos dirixe vaia por detrás de quen traballa
Pablo non quere que o problema da velutina corra a mesma sorte que o do lobo. “Non temos que convivir coa velutina como din que temos que convivir co lobo, nin se pode achacar ao cambio climático para non facer nada. Porque sempre que hai un problema que non se soluciona enseguida o meten na Axenda 2030 e nos din que é un efecto do cambio climático e temos que convivir co problema”, argumenta. E reclama tanto medidas de choque urxentes, como outras de máis longo percorrido. “O que fagamos nós no campo vai ser algo para saír do paso; o que faga a investigación vai ser algo definitivo. Pero a investigación require financiamento, porque os investigadores teñen que comer aínda que sexa un bocadillo ao día”, di, lembrando a precariedade de moitos investigadores. A falta de xestión do monte dificulta o control da praga Pablo é tamén presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Carballo de Lor e Marxe Esquerda, que foi a máis afectada polo lume de hai tres anos en Quiroga. “Ardéronnos as 600 hectáreas e, a partir diso, tentamos darlle unha volta por completo á xestión forestal que se estaba a facer, que pensamos que non é viable socialmente e secundariamente tampouco a nivel económico”, asegura.
Temos os montes abandonados e aí é onde radica un dos problemas para localizar os niños
Por iso, conta, “tentamos darlle un xiro á xestión forestal da comunidade de montes, tratamos de erradicar o piñeiro, que era o que tiñamos no 90% da superficie, e plantar especies frondosas. Temos xa 90 hectáreas plantadas con castiñeiros arredor das casas para poder liberar os núcleos rurais. Iso serve para alonxar os lumes das casas, pero tamén a velutina. Porque se temos os montes abandonados aí é onde radica un dos problemas para localizar os niños”, afirma.

“Temos unha guerra coa velutina xa por todo o territorio”

Luisa Piñeiro, directora xerente da empresa pública Seaga, durante o congreso sobre velutina celebrado en Chantada Seaga recibiu fai 4 anos a encomenda por parte da Xunta de Galicia para a retirada dos niños de velutina comunicados a través do teléfono 012, un período no que a praga seguiu avanzando con rapidez até instalarse na práctica totalidade do territorio da comunidade autónoma. “No ano 2020 a actuación estaba centrada nas provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo; no ano 2021 os datos melloraron; no 2022 houbo de novo un aumento; pero este ano tivemos un incremento moi elevado”, recoñece Luisa, que participou nas xornadas sobre a velutina celebradas en Chantada.
A empresa pública Seaga recibiu no ano 2020 da encomenda da retirada de niños por parte da Xunta
O número de avisos recibidos polo 012 corrobora o empeoramento da situación: 33.003 avisos no ano 2020; 29.538 no 2021; 34.509 no 2022 e 45.463 este ano (ata o 31 de outubro), o que equivale a case un terzo máis de comunicacións respecto das recibidas en todo o ano pasado.   “No ano 2023 a presenza de velutina na provincia de Lugo é brutal e a zona noroeste de Ourense tamén incrementou considerablemente os avisos. Nos meses de xullo e agosto tivemos case o dobre de avisos con respecto ao ano 2022 en Galicia, pero na provincia de Lugo triplicáronse. Co frío e a chuvia destes días están a baixar pero non á velocidade doutros anos”, recoñeceu a directora de Seaga.  
O sector apícola reclama que os datos de Seaga sexan públicos para poder coñecer as zonas máis afectadas e tomar decisións ao respecto
“A situación é preocupante”, admitiu Luisa Piñeiro, que agradeceu o gran esforzo e colaboración dos cidadáns e dos apicultores “loitando nesta auténtica guerra que temos aquí no territorio”. Clasificación e asignación de prioridades Expansión da praga da vespa velutina en Galicia nos últimos 4 anos tomando como referencia os datos do número de avisos recibidos no teléfono 012 sobre presenza de niños Nos orzamentos da Xunta para 2023, e tamén nos que están en tramitación para 2024, hai unha partida de 1,2 millóns de euros para retirada de niños por toda Galicia a través dun convenio coa Fegamp ao que están adheridos 311 dos 313 concellos galegos, todos agás a Illa de Arousa e Meis, que xestionan a retirada a través da mancomunidade do Salnés. Os niños son retirados tanto por Seaga como polos servizos de bombeiros comarcais e das ciudades e os efectivos de protección civil municipais. Cando se produce un aviso cidadán a través do teléfono 012 para alertar da presenza dun niño, valórase se se considera unha emerxencia ou non e, en función diso, asígnaselle a uns equipos ou aos outros.
Aos 45.500 avisos atendidos por Seaga habería que engadir outros 8.000 avisos atendidos polos servizos do 112, por ser considerados situacións de emerxencia
Son consideradas situacións de risco ou emerxencia os niños en edificios de concorrencia pública (centros educativos, centros de saúde, pavillóns de deporte, igrexas, auditorios, edificios administrativos, etc); se están en vivendas habitadas (balcóns, cornixas, caixas das persianas, paredes, cubertas, etc) ou se a persoa que dá o aviso é alérxica ás picaduras e o niño se atopa na súa vivenda habitual.   “Se se valora como unha emerxencia avísase aos bombeiros para a súa retirada; en caso contrario asígnaselle un código de preferencia para a retirada por parte de Seaga”, explicou a súa directora. “Estamos retirando niños en todas as situacións (núcleos de poboación, casas illadas, terreos urbanos e terreos rústicos), pero temos marcadas prioridades: niños considerados de emerxencia que non puidesen ser atendidos polos servizos do 112 por falta de medios ou persoal; niños en lugares concorridos ou de paso de poboación (parques públicos, parques infantís, paseos peonís, avenidas); e niños situados en establos, galiñeiros ou cortellos con presenza de animais por canto implica a necesidade de entrada para alimentar aos animais“, detallou. Retrasos de máis de 15 días na retirada de niños Este verán disparouse a presenza de niños de velutina, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense “Este ano vímonos na necesidade de duplicar o persoal, chegando a ter case un cento de equipos en campo retirando niños no verán, traballando mesmo en fins de semana e festivos”, destacou Luisa Piñeiro. Malia o reforzo de traballadores, acumuláronse esperas de máis de 15 días. “No mes de agosto si que houbo un retraso na retirada dos niños”, recoñeceu. Segundo as estatísticas de Seaga, o tempo medio de resposta foi de 8,5 días hábiles en agosto, o que equivale a dúas semanas de espera. “Pero neste momento o tempo medio de resposta é de 5 días hábiles”, insistiu.
Houbo días en agosto de máis de 600 avisos e tivemos que duplicar o persoal
“Si que pode haber niños que poden estar 2 ou 3 semanas, pero hai que ter en conta a tipoloxía de cada niño. Nalgúns necesitamos permisos doutras administracións, contactar co propietario para que nos facilite o acceso por tratarse dunha propiedade privada ou casos nos que para entrar é necesario un desbroce previo”, detallou.  Problemas en zonas de ríos e regatos Dos 45.500 niños dos que se recibiron avisos no que vai de ano, un total de 13.191 foron eliminados (retirados do emprazamento no que se atopaban) e outros 14.663 foron neutralizados (actuación sobre o niño, pero mantense no lugar). Nestes casos, o procedemento habitual é o de dispararlles bolas con veleno, aínda que moitas veces non se fai un seguemento posterior da efectividade do tratamento para ver se seguen activos transcorridos uns días.
No 25% dos avisos non procede actuar, ben porque os niños están inactivos ou por atopárense en lugares de acceso imposible ou excesiva altura
Ademais, algúns dos velenos empregados, como o Diptron e o Ikebana, son productos biocidas (insecticidas) muy peligrosos para a fauna acuática, o que limita o seu uso no caso de niños situados sobre cursos de auga. “Aí temos un problema. Nos cauces fluviais temos que pedir un permiso de Augas, polo que neses casos tratamos de retirar sempre os niños, porque eses permisos teñen algunha dificultade”, admitiu. A velutina achégase ás casas A velutina gosta dos entornos humanos. Os niños situados en árbores son os que máis abundan, pero perto dun tercio dos avisos comunicados ao 012 este ano referíronse a niños que se atopaban nalgún tipo de construción. “Os niños en vivendas foron os que máis se incrementaron en 2023. A velutina está cada vez máis presente nas nosas casas; cada vez atopámonos con máis niños en construcións”, explicou a directora xerente de Seaga.
Os niños situados en construcións practicamente se duplicaron este ano
O número de niños localizados en árbores (19.121) ou no chan (1.612) practicamente non variou con respecto ao 2022, pero os situados en construcións pasaron de 7.418 de xaneiro a decembro de 2022 a 13.594 de xaneiro a outubro deste ano.

"Estou dacordo en que hai que actuar máis en prevención"

A retirada de niños supón un desembolso económico importante para a Administración. Tendo en conta o orzamento dispoñible (1,2 millóns de euros) e o número de avisos recibidos (45.400) a eliminación de cada niño costa á Xunta unha media de case 30 euros. “Non temos aínda valorados os custos totais, ata que se peche o ano, pero desde a Consellería dixéronnos que se había que ampliar orzamento faríase, que a prioridade era actuar”, asegurou Luisa Piñeiro.
Tendo en conta o orzamento dispoñible e o número de avisos, o custo medio sería duns 30€ por niño
Unha das queixas dos colectivos de apicultores en relación á xestión que se está a facer para o control da praga é precisamente que se centre a totalidade dos fondos na eliminación dos niños, no canto de incorporar actuacións preventivas, como o trampeo primaveral para a captura de raíñas, que eviten a súa proliferación. “Eu estou dacordo con vós en que hai que actuar en prevención”, afirmou a directora xerente de Seaga no congreso organizado pola Asociación Galega de Apicultura.

Estas son as medidas que reclaman os apicultores á Xunta para un control efectivo da vespa velutina

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas consensuaron un documento de propostas conxunto Os apicultores galegos piden a Xunta que tome en serio o problema da velutina e adopte medidas efectivas para loitar contra unha praga que leva máis de 10 anos instalada en Galicia pero que se multiplicou este ano, segundo denuncian os produtores de mel e recoñece tamén Seaga, a empresa pública encargada de xestionar os avisos para a retirada de niños na comunidade.  Logo do desenvolvemento de distintos métodos, desde arpas eléctricas, pértegas ou escopetas de balíns, hoxe o sector aposta polo trampeo primaveral para a captura de raíñas e o control remoto de niños primarios por medio de troianos para aminorar a praga. A velutina colonizou xa a práctica totalidade do territorio galego, ameazando a viabilidade das explotacións apícolas e afectando tamén a outros sectores como o do viño ou o da froita. O congreso celebrado esta fin de semana en Chantada, coa presenza de máis de 250 asistentes, serviu para xuntar a todas as asociacións apícolas de Galicia cun obxectivo común: esixir á Xunta un plan coordinado que vaia moito máis aló do que se está a facer neste momento.
Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores
Representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente quixeron facer patente o seu malestar e descontento coa xestión levada a cabo até o de agora por parte da Administración galega, que adica 1,2 millóns de euros ao ano á retirada de niños e nin un só recurso a campañas oficiais de trampeo e captura de raíñas. Unidade do sector “Queremos ir da man e que as Administracións implicadas, que son todas, sexan conscientes do problema que temos e actúen poñendo en marcha os mecanismos que poidan ter unha posibilidade real de cambiar o rumbo da continua e preocupante sangría que estamos a padecer”, afirman desde AGA, organizadora do congreso.   O resto de asociacións tamén destacaron a importancia desa “busca de unidade y de colaboración entre todos os actores (todos os niveis da Administración, cidadanía e por suposto os apicultores) para combater a praga”.
Isto é unha auténtica guerra na que se necesita unha estratexia, non podemos seguir facendo guerra de guerrillas
Esther Ordóñez, representante da Agrupación Apícola de Galicia, e presidenta da IXP Mel de Galicia, defendeu que “sen a unión do sector non podemos loitar contra a vespa velutina nin contra os meles que veñen de fóra”, outro dos graves problemas que atravesa o sector, con tres anos consecutivos de descenso no prezo de venda da produción a granel. Cambiar as prioridades Os reproches cara a Administración galega foron continuos, tanto pola súa inacción en todos estes anos como polo destino dos fondos asignados a loitar contra a praga pero, sobre todo, por non escoitar e ter en conta a opinión do sector. Pablo Piñeiro, de APLA insistiu en que  “aquí non estamos para buscar culpables, aínda que non hai que esquecelos; estamos para aportar solucións”, mentres Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente lembrou que os apicultores levan “12 anos pelexando coa velutina e facendo propostas á Administración pero nunca nos escoitaron”, queixouse.
Abellas Nais, APLA, Agrupación Apícola de Galicia, Casa do Mel de Goente e AGA farán chegar á Xunta un documento conxunto con propostas
Unha das conclusións do congreso é que o sistema actual de retirada de niños é “só un parche” que se demostrou inútil para frear o avance da velutina, porque "só se actúa sobre os niños que se ven, que son unha pequena parte dos existentes na realidade", polo que é necesario, din, mudar as prioridades. “Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores. Esperemos que este congreso sirva para que os apicultores empecemos a ver a luz porque o que se fixo ata agora por parte da Xunta foi un tiracartos”, asegurou José María Bello, de AGA. Trampeo masivo a vindeira primavera José María Bello, durante unha das ponencias do congreso Sen deixar de actuar sobre os niños secundarios que se detectan de xeito masivo nos meses de xullo, agosto e setembro, os apicultores e expertos participantes piden á Xunta que atalle o problema moito antes, cunha campaña de trampeo para capturar raíñas á saída do inverno e comezos da primavera e a eliminación dos niños primarios que estas fundadoras crean. Os apicultores esixen que, á vista do alto número de niños que houbo este ano, a campaña de trampeo da vindeira primavera sexa “masiva e coordinada”, coa implicación directa dos Concellos e da cidadanía para cubrir a maior extensión de territorio posible.
O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente porque non podemos cubrir todo o territorio, os Concellos teñen que implicarse
“O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente, porque colocando trampas só nós nos colmeares non reducimos a poboación de velutinas, ese ten que ser un lugar máis de trampeo doutros moitos”, asegura José María Bello.  “É necesario un trampeo en base a datos e cunha campaña xeralizada e organizada que ten que estar dirixida pola Administración. Se tomamos os datos que ten Seaga de retirada de niños deste ano, podemos trampear 300 metros á redonda, que é o radio de pecoreo inicial das raíñas fundadoras. Dese xeito redúcese de xeito considerable a zona de trampeo”, explicou. “Os apicultores non podemos estar trampeando todo o territorio. Sempre mostramos a nosa disconformidade coa inclusión do trampeo no Plan Apicola, sendo unha carga máis para o sector e detraendo recursos para o que é realmente a nosa actividade”, insistiu.   O exemplo de Asturias Ademais de abelleiros galegos, o congreso xuntou tamén a expertos e produtores chegados doutras comunidades onde a vespa velutina tamén está a facer estragos, como Asturias, Cantabria ou Castela e León. “A nós chegounos máis tarde; levamos un par de anos pelexando con ela pero este ano foi bestial”, recoñeceu Luis López, vicepresidente da Asociación Berciana de Apicultores, que insistiu en que, dada a súa expansión, “cada ano que non se fai nada son 10 anos perdidos para eliminar a praga”.
En Galicia estamos moi por detrás da ferramenta informática que usan en Asturias, é necesario implementala aquí
O exemplo de Asturias, onde hai creado un Comité Asesor que coordina as actuacións a levar a cabo contra a velutina, estivo presente durante todo o congreso. O éxito asturiano radica na implicación de todas as Administracións e en facer partícipe a toda a sociedade da estratexia de loita contra a vespa a través dunha aplicación informática (avisAP) na que se poden notificar os avisos e facer un seguemento das actuacións levadas a cabo, dentro das que se están a probar distintos métodos.
A solución pasa polo envío de troianos para matar os niños que non se ven
O Goberno do Principado e a Asociación Asturiana de Apicultores puxeron en marcha este ano un proxecto piloto para a inactivación de niños a través do seu control remoto por medio da captura e envío de vespas pintadas no abdome con Fipronil, un biocida empregado para combater as pulgas en cans e gatos e que se mostrou moi efectivo para matar as larvas da velutina. Os resultados deste ensaio son “prometedores”, explicaron os seus responsables. Os apicultores galegos apostan tamén por este novo método para combater a praga. “A solución pasa polo control remoto, pasa por matar o que non se ve, porque un punto clave é atallar os niños que hai nos montes e sobre os que non se fai nada. Hoxe en día Seaga está atendendo só á punta dun iceberg, porque se está priorizando un problema de seguridade cidadá. Pero iso aos apicultores non nos soluciona nada”, insistiu José María Bello.

Busca de sinerxias con outros sectores e apoio na investigación

Público asistente ao congreso sobre a vespa velutina celebrado a fin de semana en Chantada Trala celebración do congreso esta fin de semana en Chantada, as 5 principais asociacións apícolas existentes en Galicia remitirán un documento conxunto á Xunta de Galicia coas súas propostas, entre as que está a creación, de maneira inminente, dun Comité Asesor con presenza de todas as Administracións, entidades e sectores afectados (Xunta, Concellos, Seaga, bombeiros, asociacións apícolas, etc). Seguindo o exemplo asturiano, ese Comité Asesor sería o órgano encargado de fixar a estratexia e as prioridades de gasto na loita contra a praga. Os produtores de mel insisten en que se trata dun “problema global” que afecta á biodiversidade medioambiental e á seguridade cidadá e que está a producir perdas económicas tamén noutros sectores, como o do viño ou o da froita.
Os abelleiros sempre mantivemos unha actitude de colaboración e de facer propostas, pero sempre caeron en saco roto
Ao mesmo tempo, considérase necesaria a adopción por parte da Xunta dunha ferramenta informática semellante á avisAP asturiana onde ademais de poder notificar a presenza de niños se poida facer un seguemento do seu estado, así como o rexistro da colocación de tampas. Nese sentido, pídese a implicación directa dos Concellos no trampeo masivo a vindeira primavera coa intención de cubrir o máximo de territorio posible, priorizando lugares con maior presenza de niños retirados e zonas onde quedaron niños sen retirar ou neutralizar (por estaren a gran altura, sobre cauces fluviais, etc), tomando para iso os datos dos que dispón Seaga. A investigación, solución ou enredo? As asociacións apícolas piden priorizar os fondos dispoñibles en accións que vaian encamiñadas a previr a aparición de niños secundarios, o que evitaría a súa retirada posterior nos meses de xullo, agosto e setembro. Trataríase, seguindo o símil dos lumes forestais, de “destinar máis a prevención para ter que gastar menos en extinción”.
Toda Francia está xa colonizada e en España a praga avanza cara a Meseta logo de estar xa presente en toda a cornixa cantábrica
Outra das controversias vividas durante o congreso estivo protagonizada polo debate xerado arredor dos escasos avances que se produciron até o de agora na investigación científica. Os apicultores queixáronse da pouca utilidade práctica dalgúns dos traballos levados a cabo, mentres os investigadores presentes revelaron a precariedade e a escaseza de recursos coa que traballan. No escrito de conclusións, as asociación apícolas defenden que debe haber unha dotación económica suficiente pero que esta debe ir destinada a investigación aplicada para o descubrimento de feromonas, parásitos ou fungos que sirvan para a loita biolóxica contra a vespa invasora, seguindo o exemplo do que se fixo co Torymus  sinensis fronte á avispiña do castiñeiro.

Moeche organiza este sábado unha charla sobre os trampeos de primavera contra a velutina

Para falar dos métodos de loita contra a Vespa velutina nigrithorax, o Concello de Moeche organiza este sábado ás 12:00h na nave do Mercado unha charla na que se explicará  o ciclo reprodutivo desta especie invasora, como facer un trampeo efectivo -e selectivo- e como actuar no caso de que máis adiante se atope un niño embrionario, primario ou secundario. Da primeira parte da sesión encargarase Vanesa López Basanta, que é veciña de Moeche, técnica ambiental, abelleira e promotora en Balocos da iniciativa Abellariza Apicultura. Ela explicará como diferenzar a velutina das avespas autóctonas -e doutros insectos beneficiosos- e tamén cal é o ciclo anual da especie, que reinicia a súa actividade neste tempo coa saída dos seus tobos das raíñas fundadoras de novas colonias. Nun primeiro momento as raíñas fecundadas antes do letargo invernal construirán un niño embrionario onde criarán a primeira xeración de obreiras. O intre en que se encontran fabricando ese niño -algo máis pequeno ca un puño- é o máis crítico para elas: están soas traballando e teñen a obriga de facerlles casa ás larvas o antes posible. De aí que se se captura unha raíña neste tempo, acabouse, xa non hai posibilidade de que a nova familia prospere e no futuro haberá un problema menos do que preocuparse. O habitual é que as raíñas se movan nas proximidades de onde houbo niños a temporada pasada e que empecen a criar en lugares abrigosos, como son cabanas, cortes e debaixo de uralitas. Por iso os trampeos deben concentrarse nesas zonas e, sobre todo, nos arredores das árbores e arbustos de floración temperá onde se alimentan, nomeadamente camelias e outras especies con flor vermella ou de cores vivas. As trampas máis axeitadas son as que se fabrican con botellas de plástico onde logo se bota unha mestura atraente. Hai múltiples fórmulas caseiras moi efectivas: levadura disolta en auga, cervexa con algún licor aromático, viño tinto mesturado con auga azucrada, etc.  É importante, iso si, que as trampas sexan selectivas, de maneira que cumpran a función de capturar velutinas pero tamén a de facilitar a saída doutros insectos necesarios para o ecosistema. É fundamental, ademais, renovar o atraente cada 20 ou 25 días e procurar que as trampas estean situadas nun lugar soleado e a uns 2 metros de altura. Na charla explicarase como confeccionar trampas e onde colocalas, para o que Vanesa López contará con apoio de Moisés García, bombeiro de profesión e novo concelleiro da Corporación municipal. Tamén se tratará a maneira de proceder no caso de que máis adiante se descubra un niño primario (o que constrúe a raíña con axuda dun pequeno exército de obreiras, de tamaño similar a un balón de fútbol) ou un niño secundario (o definitivo, que pode superar o metro de envergadura). Moeche adheriuse ao protocolo autonómico de contención da velutina e, neste sentido, se se bate cun niño nun lugar que supoña un perigo haberá que chamar ao 012 (ou ao 981 900 643 para evitar cargos na factura do móbil) para que os servizos autonómicos acudan retiralo ou neutralizalo. Ademais, se se van facer traballos en zonas con maleza ou montes débese facer unha inspección previa do chan e do bico das árbores. Se ben as velutinas non son unha especie moito máis agresiva que calquera outro tipo de avespa, si supoñen un grande perigo no caso de que se esnaquice un niño accidentalmente ou se vaia remexer a el sen protección adecuada. A charla na que se tratarán todas estas cuestións arredor da avespa asiática desenvolverase este sábado 19 de febreiro a partir das 12:00h na nave do Mercado de San Ramón. Non fai falla inscrición previa, aínda que desde o Concello se recorda a obriga de usar mascarilla e de non asistir se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19.

Recomendacións para a colocación de arpas no apiario

As arpas eléctricas son unhas das trampas que se están a empregar na loita contra a vespa velutina para conseguir reducir a incidencia destes insectos sobre os apiarios. Para incrementar a eficacia dende a firma Sanve, especializada en sistemas anti velutina, inciden nalgúns aspectos cos que conseguir reducir a presenza de velutina sobre as colmeas. A empresa desenvolve tanto distintos modelos de arpas como desinsectadores, en seco ou con atraíntes, cos que combater a presenza da velutina no apiario. Para conseguir mellorar a efectividade dos equipos e polo tanto os resultados cómpre empregar diferentes estratexias en función da época do ano (primavera, verán e outono), que coinciden con distintas fases do ciclo vital da velutina. Detallamos a continuación cada unha delas e como colocar as arpas:

Primavera

A saída de hibernación das vespas fundadoras prodúcese na primavera. Por iso, nesta época o máis recomendable é colocar os desinsectadores con atraíntes no apiario, pero afastados das piqueiras, co fin de atrapar aquelas velutinas que poidan estar construíndo os niños nas proximidades do apiario. Tamén se poden empregar as trampas de botella con atraíntes. Este tipo de trampas pódense colocar algo máis afastadas do apiario, nun radio duns 500 metros. Nesta época abonda con colocar unha trampa no apiario e outra nas proximidades. Non é preciso poñer máis, pero si que é importante mantelas toda a primavera e revisalas cada semana para baleiralas e repoñer atraínte.

Verán

A mediados de verán, no mes de xullo (aínda que pode haber variacións dependendo do clima e a altitude), as vespas velutinas entran na fase de desenvolvemento dos niños primario e secundario. Neste etapa, en Sanve recomendan eliminar calquera atraínte do apiario e modificar a colocación das arpas, situándoas en paralelo coas piqueiras das colmeas. “É moi habitual ver botellas con atraíntes xunto coas arpas e outros sistemas para cazar velutinas durante toda a tempada, nós desaconsellamos totalmente este procedemento, xa que o único que conseguimos co atraínte no verán é facer do noso apiario un auténtico campo de batalla”, indican dende a firma especializada na fabricación de trampas.
Recomendan retirar as trampas con atraíntes no verán e optar pola utilización de arpas para eliminar as velutinas sen fomentar que se acheguen ó apiario
Manter o atraínte no apiario só congrega ás velutinas nesa zona, aínda que inicialmente non foran cazar ás abellas, xa que do mesmo xeito que nas colmeas das abellas, as velutinas teñen distintos roles. Mentres unhas saen á procura de proteína mediante a caza de abellas e insectos para alimentar á cría, outras saen na procura de néctar para alimentar ás que traballan no niño e outras transportan materiais de construción do niño. Recomendan colocar as arpas moito antes de ver as primeiras velutinas cazando fronte as piqueiras. “A comezos de verán, os niños son aínda incipientes. É unha época vulnerable para o desenvolvemento da velutina, polo que se se consigue reducir as vespas nestes momentos reducirase o crecemento do niño e mesmo podemos obrigar á raíña a ter que saír a buscar alimento e pode caer nunha trampa, eliminando o niño por completo”, indican. Para complementar a eficacia das arpas, dende Sanve recomendan empregar elementos que interrompan a libre circulación das vespas velutinas diante das colmeas obrigándoas a pasar polas arpas. Un xeito de cambiarlles a traxectoria de voo ás vespas velutinas pode ser a colocación de palets diante da colmea, xa que as velutinas adoitan moverse nun voo rasante e circular ó redor da colmea e entre piqueiras. Mentres as abellas acostuman a entrar e saír da colmea cun voo ascendente ou descendente duns 35 graos, polo que a colocación destes elementos non debera de molestarlles a súa traxectoria. “Cunha boa disposición dos palets obligaremos ás velutinas a que elixan a apertura das arpas para acceder á piqueira e tamén para saír, especialmente cando saen co sobrepeso da abella cazada”, detallan dende Sanve. Colocación de obstáculos fronte da colmea para interromper o voo das velutinas. // Fonte: Sanve. Tamén cómpre fixarse na traxectoria de entrada e saída das vespas velutinas no apiario e dispoñer os elementos acorde a dita situación. Ademais, recomendan situar os dispositivos para atrapar as velutinas, ben sexan arpas ou desinsectadores a unha distancia de entre 30 e 40 centímetros entre a piqueira da colmea. Recomendan que estas trampas sobrepasen no lateral da colmea uns 10 centímetros.

Outono

No outono prodúcese o colapso dos niños da vespa velutina e saen as novas raíñas, que pasarán o inverno e fundarán unha nova xeración de vespas ó ano seguinte. Esta é, de novo, unha fase clave para conseguir reducir a incidencia da praga, xa que coa eliminación destas vespas redúcense as raíñas da vindeira tempada. “Nós cremos que a mellor época para cazar raíñas de velutina é o outono, xa que agora estarán activas e famentas co que a súa captura pode ser masiva”, apuntan en Sanve.
"A mellor época para cazar raíñas de velutina é o outono, xa que agora estarán activas e famentas co que a súa captura pode ser masiva”
Neste momento poden retirarse as arpas do apiario e de novo recomendan colocar atraínte nos desinsectadores, que deberán colocarse afastados das piqueiras. Señalan que resulta eficaz poñer cera de opérculo procedente da esmelga nos desinsectadores secos, de modo que ó tempo que se alimenta ás abellas elimínanse as vespas velutinas. En canto deixe de haber zánganos na colmea recomendan reducir as piqueiras para evitar a entrada de velutinas nas colmea. “Debemos ser moi coidadosos con esta práctica e asegurarnos que non quedan zánganos, senón ademais de provocar a súa morte no interior produciríase unha situación de estrés na colonia”, concretan. Nesta época en Sanve tamén recomendan colocar aleatoriamente algunha trampa de piqueira, especialmente nas colmeas máis novas ou débiles, para impedir o saqueo e eliminar velutinas.

-Consulta aquí máis detalles sobre a colocación das arpas no apiario.