Archives

Sae a información pública o proxecto para regular os créditos de carbono forestais en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se acorda someter a información pública o proxecto de decreto polo que se crea e regula o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta. O prazo polo que se someterá a norma a información pública será de vinte días hábiles contados desde hoxe. O texto do proxecto de decreto poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta na seguinte localización: Normativa en tramitación - En prazo de envío de suxestións. O proxecto de decreto Este proxecto de decreto permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural, esta última a través da Axencia Galega da Industria Forestal. O decreto busca crear un sistema voluntario de carbono, así como a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes. Tamén se establecen os requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das eliminacións de dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros. A Xunta subliña que farase todo a través dun sistema auditado, transparente e co aval da administración autonómica, ofrecendo garantía e lexitimidade aos compradores. O mercado diríxese e organizacións públicas e privadas que aposten por compensar a súa pegada climática e camiñar cara a neutralidade, coa participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono. Entre os obxectivos que se perseguen están o de contribuír á mitigación de gases de efecto invernadoiro, á descarbonización da economía no territorio autonómico e ao cumprimento dos compromisos nacionais e internacionais asumidos por Galicia. Trátase de incidir na sustentabilidade da xestión forestal, nas prácticas agrogandeiras ou na construción, de forma que este novo mercado desenvolverá metodoloxías pioneiras en España.

Bases do sistema: comité técnico, metodoloxías e Plataforma de Créditos de Carbono

Comité técnico O decreto dispón a creación dun comité técnico, que será o encargado de deseñar as metodoloxías para a posta en marcha do sistema voluntario de créditos de carbono. Metodoloxías Será nas metodoloxías onde se concrete que proxectos poderán certificarse no sistema, que requisitos deberán cumprir e como se medirá o carbono adicional que ou ben secuestren da atmósfera ou ben se deixe de emitir pola execución do proxecto. Cada metodoloxía que defina o comité técnico estará a exposición pública antes da súa aprobación. Unha vez aprobadas as metodoloxías, será cando poderán presentarse proxectos que encaixen nunha metodoloxía concreta, de cara a comercializar os créditos de carbono xerados. Pode consultarse unha relación preliminar de metodoloxías previstas nesta páxina do proxecto de decreto. Como xa se anunciara, un dos obxectivos principais é o de lograr a xeración de créditos de carbono voluntarios mediante prácticas de xestión forestal sustentable e de agricultura e gandería rexenerativa.
Os sectores que poderán xerar créditos de carbono voluntario son amplos, incluída a industria enerxética, xestores de residuos urbanos ou cultivadores de algas
En ambos casos, enténdese que eses créditos de carbono redundarán tanto en impulsar mellores prácticas ambientais como en complementar a renda de silvicultores, agricultores e gandeiros. Tamén se prevé que a construción en madeira poida acceder a créditos de carbono, así como a industria enerxética que opte por modelos de produción de enerxía con menores emisións, en concreto co uso de biomasa, enerxía solar, xeotermia, riotermia ou biocarbón. En total, polo de agora a Xunta prevé un total de 26 metodoloxías, con cabida para numerosos sectores, como a xestión e reciclaxe de residuos urbanos ou mesmo o cultivo de algas mariñas. Plataforma de créditos de carbono A Xunta creará para a comercialización unha Plataforma de Créditos de Carbono de Galicia, á que poderán acudir as empresas e institucións interesadas en mercar créditos de carbono de xeito voluntario para compensar as súas emisións.
https://www.campogalego.gal/o-futuro-mercado-de-carbono-de-galicia-dara-entrada-proxectos-agrogandeiros-e-constructoras/

Os solos galegos, o gran almacén de carbono da Península

Concentración de carbono orgánico no chan nos solos agrícolas españois Galicia, e en xeral a cornixa cantábrica, acumula nos seus solos a principal reserva de carbono orgánico en España. Pero, cantas toneladas de CO2 hai almacenadas neste momento e cal é o potencial de incremento aplicando prácticas de agricultura e gandería rexenerativas? O Ministerio de Agricultura fixo unha primeira estimación dos stocks actuais de carbono nos solos españoles con carácter previo á aprobación do Plan Estratéxico da PAC en base aos datos recollidos polo INIA en 2015, pero ten en marcha neste momento un mostreo moito máis amplo, en 16.000 parcelas de toda España, para coñecer de forma exhaustiva cales son os niveis de materia orgánica que presentan os solos agrarios e que marxe de mellora existe coa aplicación das medidas favorecedoras establecidas nos ecorreximes da PAC. 
O Ministerio de Agricultura levará a cabo un mostreo en 16.000 parcelas de toda España para determinar os stocks actuais de carbono no solo e a súa evolución
Estas 16.000 parcelas testigo serán analizadas cada dous anos para ter datos de evolución e seguemento. A primeira fase remata en marzo deste ano. O obxectivo é avaliar se as novas prácticas agrícolas e gandeiras contribúen a mellorar o contido en carbono dos solos, a reducir a erosión e a mellorar a súa fertilidade e capacidade de retención de auga. Esta mostraxe determinará tamén a capacidade de secuestro de CO2 en función do tipo de solo e as prácticas agrogandeiras implementadas para establecer as bases do futuro sistema de certificación de créditos no que traballa a Comisión Europea.
A Comisión Europea está traballando nun sistema estandarizado para a toda a UE para a medición e comercialización do carbono orgánico do solo
Desde Bruxelas estase a avanzar nun sistema estandarizado para toda a UE de medición e comercialización do carbono contido nos solos agrarios, pero está por ver se o cómputo ten en conta só o CO2 retido no chan ou a totalidade de medidas postas en marcha pola explotación (enerxías renovables, dietas do gando, etc) para reducir a súa pegada de CO2. “O contido en carbono nos solos en España é o máis baixo de Europa” Materia orgánica do solo nas terras de cultivo da UE “O contido en carbono nos chans en España é o máis baixo de Europa”, recoñece o Ministerio de Agricultura. A cuantificación do contido de carbono orgánico no solo por países, realizada pola UE en 2015, sería para España de 944 mega toneladas, fronte ás 2.178 de Francia, por exemplo. No total da UE os chans agrarios albergarían 14.065 mega toneladas.
Estímase que ao redor do 75% de todas as terras de cultivo da UE están por baixo do 2% de carbono orgánico
En canto ao contido orgánico para cada categoría de uso da terra, os pasteiros rexistraron o maior contido de carbono orgánico da UE-27, con 9.019 mega toneladas; seguidos das terras de cultivo, con 4.393,2 mega toneladas; mentres que os cultivos permanentes tiveron o menor valor, con 652,3 mega toneladas. O predominio dos pasteiros en termos de contido de carbono orgánico en comparación con outros usos do chan obsérvase xeralmente en todos os Estados membros.
En comparación co resto de Estados membros, España presenta unha media de carbono orgánico no chan por baixo de moitos outros países da UE
Se atendemos aos datos do contido medio de carbono orgánico en g/kg, o valor medio para a UE é de 43,1 g/kg, pero as diferenzas son grandes entre Estados membros: España, con 14,9 g/kg; Portugal, con 15,6 g/kg; Italia, con 18,6 g/kg; Francia, con 23,2 g/kg; fronte aos 82,4 g/kg en Irlanda. "España presenta o valor máis baixo, inferior tamén ao doutros países mediterráneos e que claramente compromete a nosa calidade do chan", recoñece a documentación complementaria que acompaña o Plan Estratéxico da PAC en España.
Os chans de cultivo españois, fundamentalmente os da área mediterránea, teñen un baixo contido en materia orgánica
Dentro de España, as comunidades da cornixa cantábrica son as que presentan porcentaxes de materia orgánica no chan maiores: 7,64% de Galicia; 7,39% de Asturias ou 7,3% de Cantabria fronte ao 1,55% de Andalucía; ao 1,84% de Estremadura ou ao 2,41% de Cataluña. Estímase que o contido medio de carbono orgánico do chan en España é de 58,65 t/ha (3% de contido de materia orgánica). Esta concentración varía ao longo da superficie española, situándose os chans con maiores niveis de carbono orgánico do solo no noroeste peninsular, concretamente en Galicia, con contidos que en ocasións puntuais chegan a 150 t C/ha e porcentaxes medias de materia orgánica de ata o 8%.
Dentro de España, as comunidades da cornixa cantábrica son as que presentan porcentaxes de materia orgánica no solo maiores
No caso contrario sitúanse a conca do Ebro ou comunidades autónomas como Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Murcia, Madrid ou Estremadura, as cales conteñen áreas con climas semiáridos. Segundo o Informe do INIA Metais pesados, materia orgánica e outros parámetros da capa superficial dos chans agrícolas e de pastos da España peninsular, 26 provincias teñen unha porcentaxe de materia orgánica por baixo do 2%, polo que estarían en risco de perdas importantes na calidade dos seus solos. "A teor dos datos achegados polos diferentes estudos analizados, é posible constatar que os chans de uso agrícola son os que máis cantidade de carbono orgánico perderon historicamente e os que, por tanto, posúen un gran potencial para secuestrar o carbono atmosférico", aseguran os documentos de análise de situación incluídos nos ecorreximes da PAC. Factores que inflúen na perda de carbono nos solos A temperaturas altas a materia orgánica descomponse máis rapidamente, polo que os chans en climas máis cálidos tenden a conter menos materia orgánica. Os incrementos de temperatura xeran unha maior actividade microbiana co resultado dunha maior mineralización da materia orgánica e un maior desenvolvemento dalgúns procesos asociados, tal como a desnitrificación. A actividade microbiana do chan normalmente responde de maneira exponencial á temperatura duplicando aproximadamente a actividade por cada 10 graos de incremento da temperatura. Este proceso verase incrementado co cambio climático. Algúns factores que inflúen na perda de carbono nos chans son:
  • O aumento da velocidade de mineralización da materia orgánica do chan, que provoca a oxidación dos compostos carbonados e devolve CO2 á atmosfera, diminúe o carbono orgánico do chan. Esta taxa de mineralización, nas nosas condicións climáticas, estímase entre o 1 e o 3%, dependendo dos tipos de solo e manexo, da natureza dos cultivos, da intensidade da actividade biolóxica, do clima, do tipo de humus etc.
  • Prácticas inadecuadas como un mal laboreo aumentan a exposición da materia orgánica á descomposición microbiana na capa superior do chan, contribuíndo así a unha maior taxa de descomposición.
  • Os chans ben drenados xeralmente conteñen menos materia orgánica que os chans máis húmidos, onde hai menos osíxeno dispoñible para a súa descomposición.
  • Como consecuencia da erosión que afecta á capa superior do chan elimínanse os sedimentos enriquecidos en carbono orgánico.
Iniciativa 4 por mil A iniciativa 4 por mil, lanzada na COP 21 de París, persegue un incremento dos niveis de carbono orgánico do chan como ferramenta de mitigación e adaptación ao cambio climático. Pero a implantación de prácticas de manexo agrarias orientadas a incrementar a concentración do carbono orgánico no solo, non só ten un interese desde o punto de vista da mitigación do cambio climático, senón que ademais supón unha aposta pola mellora do resto das propiedades do chan, redundando de maneira positiva na súa calidade, potencial produtivo e na sustentabilidade dos ecosistemas agrarios. Agricultura de conservación e gandería rexenerativa Na coñecida como agricultura de conservación, o conxunto de prácticas agrícolas buscan reter e aumentar a cantidade de carbono orgánico presente no solo. Fundaméntase en tres piares básicos:
  • Mínima alteración mecánica do chan: no caso de cultivos anuais a sementeira realizarase a través da cobertura orgánica do chan, en cultivos perennes e en presembra dos anuais a herba manexarase mediante segas ou herbicidas.
  • Cobertura orgánica permanente do chan (un 30% como mínimo): con residuos de cultivos, cultivos de cobertura ou manexo da vexetación espontánea nos períodos intercultivos.
  • Programar rotacións ou diversificación de cultivos en cultivos anuais: mediante asociacións e secuencias de cultivos variadas que comprendan cultivos de familias botánicas diferentes.
  • A combinación destes tres principios achega beneficios ambientais cando se materializan nas dúas prácticas básicas deste tipo de agricultura: sementeira directa en cultivos herbáceos e as cubertas vexetais en cultivos leñosos.
En xeral, e coas lóxicas variacións en función do tipo de chan e as condicións locais, a sementeira directa e as cubertas vexetais poden reducir a erosión entre un 60 e un 90% respecto a calquera outro modelo agrícola que altere fisicamente o solo. Os beneficios da sementeira directa O manexo do chan mediante as técnicas de sementeira directa e cubertas vexetais pode contribuír por unha dobre vía a reducir os niveis de CO2 atmosférico: en primeiro lugar, pola redución no consumo de combustibles fósiles derivado dos menores requirimentos no uso dos tractores; por outra banda, os incrementos de materia orgánica e a acumulación de restos vexetais na superficie do chan constitúen un sumidoiro para fixar carbono en forma de restos orgánicos. A contía do carbono fixado no solo variará en función das condicións edafoclimáticas e do manexo dos cultivos.
A sementeira directa é capaz de fixar ata 0,85 toneladas máis de carbono por hectárea e ano que o laboreo convencional
Diversos estudos indican que a sementeira directa é capaz de fixar ata 0,85 toneladas máis de carbono por hectárea e ano que o laboreo convencional, e que as cubertas vexetais son capaces de fixar ata 1,54 toneladas máis de carbono por hectárea e ano que a labra convencional. A redución ou supresión do laboreo e o reparto na superficie dos restos de herbas e cultivos propician unha nova dinámica da materia orgánica. En poucos anos, e en función da cantidade de residuos vexetais distribuídos, da textura do chan e das condicións climáticas, pódese alcanzar un novo equilibrio cun incremento substancial, respecto ao status inicial, do nivel de materia orgánica edáfica. Dependencia do glifosato En sementeira directa, a diferenza fundamental respecto á agricultura baseada no laboreo radica en que cando é necesario controlar a herba, xusto antes de sementar, recórrese á aplicación de herbicidas. Unha vez establecido o cultivo, o uso de fitosanitarios segue as mesmas pautas que un cultivo convencional. A aprobación ou non do uso da única materia activa que actualmente se utiliza neste tipo de xestión do chan é un elemento que pode condicionar no futuro o desenvolvemento deste sistema de cultivo. A alternativa actual ao glifosato pasaría polo uso dun cóctel de materias activas. Pero o proceso de autorización de materias activas por parte da EFSA fai supoñer que nos próximos anos non haberá unha materia sustitutiva do glifosato.

Nestlé leva a cabo un proxecto piloto en España no que participa unha granxa galega

Juanjo Fraga, xunto á unidade de análise do solo chegada desde Inglaterra que tomou mostras de carbono nas fincas de Gandería Barbeiro en Alfoz Gandería Barbeiro decidiu nos últimos anos facer un cambio no xeito de traballar as súas terras, apostando pola agricultura de conservación, con menos laboreo e redución no uso de fertilizantes de síntese química. Juanjo Fraga agarda ver resultados en pouco tempo, tanto a nivel de mellora produtiva como de aforro de insumos. Pero ao mesmo tempo, este cambio de modelo pode aportarlle ingresos extra, pola vía da retención de CO2 no chan. Por un lado están os pagos dos ecorreximes da PAC que fomentan este tipo de prácticas (sementeira directa, rotación de cultivos con especies mellorantes, etc) e doutra banda as primas que a industria que lle recolle o leite, a multinacional suiza Nestlé, está comezando a aplicar nas súas granxas. De feito, as dúas explotacións coas que conta Gandería Casa Barbeiro na Mariña, a de Arante (Ribadeo)  e a de Lagoa (Alfoz), forman parte dun programa piloto de Nestlé en España. Son as dúas únicas granxas incluídas nel en Galicia (en Asturias hai unha gandería en ecolóxico). A iniciativa, de carácter pioneiro, consiste en medir o carbono actual contido no solo e volver facelo dentro de 5 anos para comprobar o efecto das prácticas de manexo aplicadas.
Pasamos de arar a terra todos os anos a non levantar nunca a capa superficial para conservar o CO2 almacenado
O cambio principal que Juanjo está a acometer na súa explotación a nivel agrario é a eliminación do laboreo. “Antes arabamos a terra unha vez ao ano, para botar o millo, e a pradeira sementabámola con grada rápida; agora facémolo todo con sementeira directa”, conta. Das 200 hectáreas de terras de cultivo que manexan, 170 xa foron labradas este ano con mínimo laboreo, mentres que as 30 restantes foron traballadas de xeito convencional en función das características das parcelas (superficie de monte transformada en terras de cultivo, por exemplo). Entre o 2 e o 5% de materia orgánica O contido actual en materia orgánica dos solos de Casa Barbeiro varía en función das fincas e o seu uso. No monte roturado este ano acadaron un 5,2% unha vez incorporada ao chan a biomasa. “Tiña moita broza e moita silveira e o que fixemos foi fresar todo e enterrar”, explica Juanjo. No resto de parcelas as analíticas amosan porcentaxes máis baixas. Por exemplo: 2,4% nunha terra de cultivo de solo areoso ao lado do río ou 3,9% nunha finca en rotación que levaba anos a pradeira permanente.
Para manter niveis por enriba do 4% de materia orgánica nunha terra con cultivo intensivo hai que facer moi boas labores
“Para manter niveis por enriba do 4% nunha terra con cultivo intensivo hai que facer moi boas labores. Nós empregamos moito purín, que é algo que queda no chan e aumenta a materia orgánica, pero usando só abonos químicos esas porcentaxes baixan moito”, recoñece. Juanjo agarda que en tres anos, co cambio nas prácticas culturais aplicadas na súa explotación (enterrado do xurro e sementeira directa) poidan comezar a verse os resultados. “En Italia con este mesmo sistema pasaron dun 1% de materia orgánica no chan a estar entre o 4 e o 5%”, explica.
En poucos anos este tipo de prácticas estarán instauradas en todas as granxas; tamén estaba lonxe o dos puríns e xa está aquí
Para determinar o punto de partida, até a Mariña desprazouse desde Inglaterra unha empresa especializada cos seus equipos, que permiten tomar, nunha serie de parcelas testemuña, unha mostra de terra a un metro de profundidade en tubos xeorreferenciados que gardan a localización exacta dos lugares de mostraxe para volver analizar dentro de 5 anos o solo nestes mesmos puntos e ver a diferenza. Aínda que este tipo de iniciativas son polo de agora pouco habituais, Juanjo está convencido de que nos vindeiros anos serán prácticas comúns na maioría das explotacións. “Penso que en pouco tempo estarán instauradas en forma de normativa e nós queremos ir por diante. Tamén estaba lonxe o dos puríns e xa está aquí”, razoa.

O futuro mercado de carbono de Galicia dará entrada a proxectos agrogandeiros e a constructoras

O Consello da Xunta avanzou esta semana as liñas do mercado voluntario de carbono que quere crear o Goberno autonómico no 2024. O sistema consistirá nunha plataforma na que se poderán rexistrar proxectos que garantan un secuestro adicional de carbono da atmósfera. O obxectivo é que comunidades de montes, silvicultores, gandeiros e mesmo constructores poidan vender esas toneladas de carbono nun mercado voluntario. Os compradores do carbono serán principalmente empresas e entidades que queiran compensar a súa pegada de carbono de xeito voluntario. A cerna do sistema enfócase a iniciativas forestais baseadas nunha silvicultura que garanta un secuestro adicional de carbono, principalmente montes ordenados suxeitos a podas e rareos. Unha segunda liña serán proxectos de agricultura e gandería rexenerativa que demostren un secuestro de carbono adicional, en comparación coas explotacións convencionais. É dicir, en ambos casos, as toneladas que se poderán comercializar no mercado voluntario non serán todas as que capten da atmósfera árbores e cultivos, senón só as adicionais, as que o sistema poida certificar que se capturaron a maiores, en función de prácticas silvícolas ou agrícolas beneficiosas para o clima. En calquera caso, a normativa do sistema está aínda sen concretar. Construción en madeira estrutural O mercado voluntario de carbono que promove a Xunta anúnciase cunha terceira pata, xa non para premiar a captura adicional de carbono da atmósfera, senón o almacenamento a longo prazo do carbono capturado. É o caso dos edificios que se constrúan en madeira estrutural, que poderán comprometer unha permanencia prolongada dese carbono fóra da atmósfera, superior ó ciclo natural que terían as árbores en monte ou esa mesma madeira noutros usos. A posibilidade de que as promotoras inmobiliarias poñan no mercado créditos de carbono dos edificios con madeira estrutural (CLT, madeira laminada) sería un xeito de incentivalas a cambiar os materiais tradicionais (ladrillo, formigón, cemento, aceiro) pola madeira. Por cada tonelada de madeira estrutural en construción, en substitución de formigón e cemento, calcúlase que se reduce en 4 toneladas de CO2 equivalente a pegada climática do edificio. A introdución dos edificios en madeira no mercado de carbono permitiría ademais compensar parte dos sobrecustos que enfrontan promotores e compradores, en comparación cos edificios en materiais tradicionais. A idea dun mercado voluntario de carbono con proxectos de construción xa está en marcha noutros países europeos, como os escandinavos, onde segundo a Xunta, a tonelada de carbono procedente dos edificios se comercializa a arredor de 26 euros / tonelada. Cómpre lembrar que a Administración autonómica anunciou recentemente que a partir do 2024, polo menos un 20% dos edificios públicos faranse en madeira, unha tendencia que se espera que se extenda á iniciativa privada. Créditos estándar e eco Tralo Consello da Xunta de onte, o presidente, Alfonso Rueda, explicou que a idea do mercado voluntario de carbono de Galicia é que haxa dous tipos de crédito, os estándar, que contabilizarán só as toneladas de carbono equivalentes reducidas, e os eco, que identificarán ós proxectos que xeren outros beneficios ambientais, como a conservación da biodiversidade ou a prevención de lumes. O obxectivo é que este último tipo de créditos acade máis valor no mercado. Como referencia, os créditos de carbono agrícolas e forestais nos mercados europeos rondan os 20 euros por tonelada, se ben en Galicia os proxectos xa en marcha, en base ó Rexistro de absorción de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, adoitan moverse en cifras superiores, no entorno dos 25 euros por hectárea.

A iniciativa da Xunta preséntase como unha alternativa ó Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica

En Galicia, ata o de agora os proxectos que podían comercializar carbono eran só os que se inscribían no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, que admite dous tipos de iniciativas: a restauración de montes afectadas por incendios forestais e a forestación de superficies que estivesen desarboradas desde 1989. O Rexistro, que naceu no 2014, tivo uns primeiros anos con escasos proxectos, pero nos dous últimos anos foron máis dun cento as iniciativas galegas que se inscribiron, a maioría de montes forestados con piñeiros, acompañados de franxas de frondosas caducifolias. A diferencia do mercado voluntario de carbono da Xunta, os proxectos inscritos no Ministerio computan todo o carbono absorbido da atmósfera. Se se ten en conta que cada hectárea de piñeiros pode capturar durante o seu ciclo ata 250 – 300 toneladas de CO2, os beneficios para as comunidades de montes e silvicultores eran claros. A pega do Rexistro do Ministerio é que os proxectos que teñen cabida son moi limitados. Con todo, durante os últimos anos sucedéronse os acordos de compra venda de créditos voluntarios de carbono, protagonizados por unha parte por comunidades de montes, e por outra por empresas que querían compensar a súa pegada. En paralelo, tamén xurdiu un mercado de empresas intermediarias deses créditos, se ben a Xunta tratou de regular a cuestión para evitar prácticas especulativas que prexudicasen ós propietarios forestais.

O Goberno analizará o contido en carbono dos solos agrícolas para avaliar se se cumpren os obxectivos da PAC

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación analizará o contido de carbono nos solos agrícolas do territorio español para determinar a súa capacidade de secuestro, e establecer as bases do futuro sistema de certificación de créditos, cuxa nova lexislación foi presentada pola Comisión Europea. Os traballos prolongaranse, na súa primeira fase, até marzo de 2024. O contido en carbono nos solos en España é o máis baixo de Europa, especialmente nas rexións do centro e sur, e non tanto en Galicia e na Cornixa Cantábrica. Recoñecer as súas características e parámetros é importante para contribuír ao futuro desenvolvemento da actividade agraria. As análises permitirán coñecer a súa fertilidade, a súa capacidade de retención de auga, e favorecerán a loita contra o cambio climático. O ministerio ampliou o ámbito da Enquisa de Superficies e Rendementos de Cultivo de España (ESYRCE) co fin de darlle máis valor engadido, pois xa non só terá información sobre rendementos e superficies, senón que incorporará datos de calidade do chan. Esta enquisa proporciona información precisa sobre as superficies cultivadas en España, os rendementos obtidos, e variables descritivas da actividade agraria como as técnicas de manexo do solo ou a tipoloxía de rega coa que se conta, para comparar os rendementos por cultivos e zonas. Agora, ademais, permitirá coñecer o contido en carbono dos chans, e incorporará a información á ferramenta dixital. Debido ao amplo tamaño de mostras desta enquisa, analizaranse cada dous anos os solos de 16.000 leiras agrícolas repartidas por todo o territorio. Esta mostra permitirá ter datos significativos e robustos para todas as rexións, usos do chan ou técnicas de manexo deste, entre outros. Ademais, ao estar incluída en ESYRCE permitirá coñecer aspectos como a relación entre técnicas de manexo da terra, contido en carbono e rendementos obtidos.

Avaliar a efectividade dos ecoesquemas da nova PAC

Con iso, o proxecto ten como obxectivo avaliar se as novas prácticas agrícolas e gandeiras como a agricultura de conservación, as cubertas vexetais nos cultivos, as rotacións con especies mellorantes ou o pastoreo extensivo, contribúen a mellorar o contido en carbono dos solos agrícolas, e a reducir a erosión e mellorar a súa fertilidade. Desde o Ministerio de Agricultura destacan que “os traballos proporcionarán unha información moi valiosa para todos os agricultores no exercicio da súa actividade nun ámbito tan importante como é a agricultura de carbono. Por iso, a finalidade dos traballos que agora se inician non é só proporcionar a fotografía máis completa que se poida ter sobre o estado actual dos solos agrícolas, senón repetilos cada dous anos para analizar a súa evolución”. O operativo de recollida de mostras involucra a máis de 200 axentes de campo especialistas. Os agricultores cuxas parcelas vaian ser mostreadas recibirán nos próximos días unha notificación informativa sobre os traballos, por se queren acudir durante os mesmos. A toma de mostras non ocasionará ningunha molestia nin afección á actividade, dado o pequeno volume de terra que se extrae (ao redor de 1,5 kg de terra por parcela). Os agricultores recibirán gratuitamente os resultados correspondentes ás súas parcelas. O proxecto forma parte dos traballos de avaliación dos resultados da aplicación da nova Política Agraria Común (PAC), que comezou a aplicarse este ano.

O Proxecto BiomáisCO2 analiza o potencial de secuestro de carbono de piñeiros, eucaliptos e carballos

A produción madeireira pode xerar valores engadidos até o momento pouco ou nada apreciados. Un deles é a absorción do CO2, axudando así á mitigación do cambio climático. É por iso que a investigación sobre todas as posibilidades que ofrece a madeira convértese en necesaria para a maior rendibilidade das masas forestais. O proxecto BiomáisCO2, que impulsa desde o ano 2022 o Grupo Operativo formado por Asefor, Bioeco2, o Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, Ramón Lourido e a Universidade de Santiago de Compostela, avanza nesa liña. Durante estes meses, traballouse na metodoloxía de estimación das absorcións de carbono nas masas forestais de cinco especies forestais de interese en Galicia: Pinus pinaster, Pinus radiata, Eucalyptus globulus, Eucalyptus nitens e Quercus robur. Esta metodoloxía cuantifica o carbono almacenado nas árbores en pé e no chan, as emisións deducidas pola diminución do risco de incendios, o carbono almacenado nos produtos obtidos, así como a mitigación polo uso da madeira en lugar doutros produtos con máis pegada de carbono. El objetivo es ofrecer nuevas posibilidades para la comercialización del carbono almacenado en las masas forestales, si bien es preciso esperar a que evolucione la normativa en la materia, pues actualmente sólo se puede comercializar el carbono de montes que hayan sufrido un incendio o de aquellos que se planten y que previamente estuviesen desarbolados desde 1989. Para iso, realízanse unha serie de cálculos previos (Ex Ante) e unha validación posterior efectuada cada 5 anos sobre o terreo (Ex post), coincidente coa periodicidade na presentación de información sobre o estado dos proxectos de absorción segundo a metodoloxía do Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO), para comprobar os valores e reaxustar as previsións Ex Ante. Todos os algoritmos e ecuacións de cálculo empregadas nesta metodoloxía extraéronse do modelo CO2FIX e adaptáronse ás especies e ás condicións bioclimáticas de Galicia. Para o procesado e realización dos cálculos utilizaranse os datos achegados polo xestor da masa e as predicións desenvolvidas polos modelos da Universidade, a través dunha API. Esta permite o uso de funcións para estimar o volume, a biomasa e o contido en carbono dos bosques regulares obxecto do proxecto, así como realizar unha avaliación económica dos programas de xestión silvícola. Proxecto BiomáisCO2 O proxecto BiomáisCO2 pretende promover uns montes con vexetación sa, diversos e resistentes, a través dunha xestión forestal sostible e a obtención de produtos de longa duración que fomenten a absorción de CO2. Preténdese mostrar a posibilidade do cálculo e compensación de carbono das actividades relacionadas coa xestión forestal, así como da madeira que chega ao seu destino na entrada en fábrica. A través da compensación con proxectos de sumidoiros, obterase unha fonte de ingresos na xestión das masas forestais que achegan recursos á contorna rural. O proxecto conta co financiamento da Xunta de Galicia, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e o Ministerio de Agricultura.