Estes son os 14 proxectos de emprendemento que aspiran a innovar no sector alimentario galego

BFFood, a aceleradora do sector alimentario dinamizada por Clusaga, vén de seleccionar estas iniciativas dun total de 33 candidaturas para resolver algún dos grandes retos aos que se enfronta a industria dos alimentos e as bebidas

Estes son os 14 proxectos de emprendemento que aspiran a innovar no sector alimentario galego

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria galega, vén de seleccionar os 14 proxectos que participarán na súa V Edición. Dos seleccionados, 4 accederán ao programa de consolidación e 10 ao de aceleración.

A gran maioría deles proceden de startups galegas, pero tamén están presentes iniciativas de País Vasco e Canarias. Todos eles recibirán apoio integral e especializado, durante nove meses no caso del programa de aceleración, e doce no de consolidación, con acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento. O obxectivo é impulsar a súa idea innovadora para facer fronte a los retos do sector alimentario.

Ademais, cada startup do programa de consolidación terá a oportunidade de recibir apoio económico, a través dun préstamo participativo por parte da Xunta a través de XesGalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€.

No caso no programa de aceleración, os proxectos poderán acceder a financiamento do Goberno galego a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de 25.000€ a fondo perdido, e de XesGalicia, a través de un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata 50.000€.

Esta V Edición recibiu un total de 33 candidaturas, tanto a nivel nacional como internacional, e contou co apoio de 22 empresas líderes do sector alimentario galego. Estas buscan, entre as propostas, recibidas solucións innovadoras para os retos plantexados, ao tempo que as apoian e acompañan na súa chegada ao mercado, xerando oportunidades de negocio para ambas partes.

Destas empresas, as encargadas do proceso de mentoría dos proxectos seleccionados na V Edición de BFFood serán Grupo Lence, Innolact, Grupo Nueva Pescanova, Grupo Pereira, Viña Costeira, Hijos de Rivera, Bodegas Martín Códax, Congalsa e GADISA. Xunto a estas, as entidades AGACA e Clusaga tamén participan como mentoras nesta edición da aceleradora.

Proxectos seleccionados no programa de Aceleración

YOWUPMILK: Este proxecto propón o desenvolvemento de leite e iogures para cans e para gatos en formatos adaptados ao mercado, cunha vida útil de 18 meses, sen frío e cunha formula adaptada ás súas necesidades nutricionais.

GRABITVISION: Esta iniciativa desenvolve solucións de visión artificial para o sector agroalimentario, a través dunha plataforma propietaria baseada en Deep Learning que permite desenvolver de xeito rápido e flexible diversos casos de uso nun hardware de custo reducido.

SALMOIRA: Desenvolve produtos semiconservados para o seu consumo directo, produtos de quinta gama ou a salazón de alimentos coma método de conservación para o seu posterior consumo desalado. Tamén desenvolve de xeito industrializado dun novo produto envasado e conservado, destinado a canle HORECA ou alimentación gourmet.

ANFOOD: Este proxecto desenvolve un produto plug & play que aprenda de xeito automático a detectar anomalías en imaxes de comida, de tal forma que calquera persoa sen coñecementos en Intelixencia Artificial poda levar a cabo un sistema de detección de corpos estraños de xeito autónomo.

GRADHOC: Desenvolve unha plataforma multiprotocolo de intelixencia artificial para a monitorización, optimización e automatización de instalacións e alarmas, con análise preventivo e preditivo. Os principais beneficios para as empresas alimentarias serán a xestión e a optimización da enerxía en instalacións frigoríficas.

NIGAL: Proxecto que realiza a xestión de stocks de xeito automatizado e facer predicións de ventas a partir de datos históricos mediante algoritmos de intelixencia artificial para diminuír o impacto da situación actual de incremento do prezo de materias primas e o grao de incerteza nos prazos de entrega

TOFU LANDEIRA: Proxecto que fabrica tofu ecolóxico en base soia cunhas calidades organolépticas moi diferenciadas ao existente no mercado, elaborando, ademais, os produtos a partir de cultivo ecolóxico certificado propio.

RECARBO: Proxecto que, mediante tecnoloxía blockchain asegura a rastrexabilidade de emisións GEI (gases de efecto invernadoiro) do produto desde a súa orixe, avaliando e acreditando a veracidade das emisións xeradas en toda a cadea de valor a fin de poder certificar un produto neutro en carbono baixo un estándar recoñecido internacionalmente (PAS 2050).

BIOCROPS: iniciativa enfocada a desenvolver fertilizantes ecolóxicos a partir de subprodutos da cría de larvas de Tenebrio Molitor, xerando un abono orgánico 100% natural, previndo a degradación do solo de xeito sostible e obtendo quitina como biofortificante, en favor do Urban Farming.

SEA 4.0: A proposta de valor de SEA 4.0 é sensorizar os cultivos mariños para poder comprender, con tecnoloxías avanzadas de tratamento de datos, os principais factores que inflúen na obtención de produtos de calidade óptima.

Proxectos seleccionados no programa de consolidación

NSF 4.0: Néboda é unha startup enmarcada no ámbito da agricultura vertical de interior, que ten como misión a produción de vexetais da máis alta calidade, de proximidade, cultivados preto dos puntos de venda e dos consumidores, dun modo sostible, minimizando ao máximo a pegada ecolóxica e independente da estacionalidade.

BUFFET WASTE: Proxecto que conta cun sistema intelixente de medición do desperdicio alimentario xerado nos buffets e puntos de restauración dun establecemento hoteleiro. Este aplicativo permitirá cuantificar os residuos de comida do buffet diferenciándoos por tipoloxía, e vinculados ao perfil do tipo de cliente aloxado.

ENZICAS: Empresa que levará ao mercado un aditivo alimentario natural que reduce os tempos de maduración de queixos e embutidos conseguindo unha optimización dos custos operativos, reducindo a adición en sales no produto final e as emisións de CO2 producidas ao longo do proceso produtivo.

PROVIDE: Servizo de diagnóstico e asesoramento personalizado ao sector vitivinícola para o desenvolvemento de solucións biotecnolóxicas de control de enfermidades e valorización de subprodutos.

Sobre Business Factory Food 

Business Factory Food é a aceleradora do sector alimentario de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia e empresas de referencia na industria alimentaria. Busca atraer e impulsar proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, para facer fronte aos retos do sector nunha contorna global.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información