Os IX Premios Galicia Alimentación van parar a Granja Campomayor, Río de Galicia, CienPorCel, El Nogal e Bico de Xeado

Os IX Premios Galicia Alimentación van parar a  Granja Campomayor, Río de Galicia, CienPorCel, El Nogal e Bico de Xeado

A innovación e o compromiso co sector da alimentación volveron ser recoñecidos polo Clúster Alimentario de Galicia, Clusaga, que vén de entregar os IX Premios Galicia Alimentación. Nesta ocasión recaeron en mans de Granja Campomayor, Río de Galicia, CienPorCel, El Nogal e Bico de Xeado.

Como vén sendo habitual, a entrega dos premios foi o broche de ouro do VIII Foro Galicia Alimentación e o responsable do peche foi o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Por parte de Clusaga, interveu o actual presidente, Juan José de la Cerda, que agradeceu aos patrocinadores e a todos os candidatos a súa participación.

O Clúster bateu este ano un récord, con 99 candidaturas: 28 na de Produto Innovador, 36 na de Produto Excelente, 18 na de Estratexia de Mercado e 17 delas na categoría de Proxecto Sectorial.

Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:

1. Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Nesta categoría galardóanse produtos caracterizados pola súa innovación, potencial comercial, deseño, posibilidade de agregar valor aos produtores galegos e con especial atención á relación entre nutrición e saúde. Na presente edición resultaron premiadas as seguintes firmas ex aequo:

– Granja Campomayor, pola gama de produtos Wovo. Inclúe produtos sorprendentes e únicos no mercado procedentes da clara de ovo. Trátase dunha alternativa aos lácteos e ás bebidas de orixe vexetal, tanto pola súa textura e sabor como polas súas propiedades. De orixe 100% natural, é un alimento saudable e nutritivo.

– Río de Galicia, polo seu leite Opti+Plus. É o primeiro leite reducido en azucre do gran consumo nacional. A través do innovador e exclusivo proceso de ultrafiltración, conséguese concentrar en maior cantidade as proteínas e o calcio do leite, á vez que se reducen os seus azucres naturais.

2. Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Esta categoría recoñece a incorporación nos produtos de valores tradicionais adaptados ao momento actual, o deseño diferencial ou o uso de materias primas locais na súa elaboración. Resultou gañador:

– CienPorCel, polo seu Paté de Porco Celta “Cunca e Cortizo”. Elaborado con fígado e ingredientes de calidade diferenciada de orixe local e aderezado con viño Treixadura da D.O. Ribeiro de Adegas do Rexurdir e coa IXP Mel de Galicia de Doce de Bágoa, o Paté de Porco Celta “Cunca e Cortizo” é un produto sen conservantes nin colorantes engadidos, sen glute e sen lactosa.

3. Premio Galicia Alimentación á Estratexia de mercado. Unha categoría para poñer en valor e premiar o esforzo das organizacións da industria de alimentación e bebidas para acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Alzouse co galardón:

– El Nogal, pola creación da súa marca de exportación El Nogal Welleness Nuts. A empresa puxo en marcha un plan de exportación, centrado na creación de marca en EE.UU. e Canadá. Grazas á súa estratexia de creación da marca El Nogal Wellness Nuts, lograron entrar no mercado e estar presentes en importantes cadeas de distribución, así como en plataformas en liña dos principais importadores de produtos españois.

4. Premio Galicia Alimentación ao Proxecto sectorial. Esta categoría recoñece, dentro do sector da alimentación, aqueles proxectos destacados ou singulares que se caractericen pola súa innovación na organización, na produción e/ou no modelo de negocio, así como por estar aliñados cos ODS. Este ano resultou gañador:

– Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña, polo seu proxecto Bico de Xeado. Bico de Xeado merece este recoñecemento pola súa capacidade de engadir valor ao produto final, recuperando a elaboración tradicional do xeado, con leite procedente das granxas que conforman a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña como materia prima.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou a importancia dos Premios Galicia Alimentación, que serven de “agradecemento a un sector que move Galicia”. Rueda subliñou o compromiso da Goberno galego con esta actividade, así como coas empresas e produtores, incidindo en que se “a eles lles vai ben, a Galicia tamén lle irá ben”.

Pola súa parte, o presidente de Clusaga felicitou aos galardoados, aos que cualificou como proba “da potencialidade e da proxección” do sector da alimentación e das bebidas. De la Cerda incidiu en que esta actividade segue sendo “clave” en Galicia, tanto pola súa dimensión, como pola súa transcendencia económica e social. Unha afirmación que o presidente sustentou en varias cifras: nos 7.100 millóns de euros de valor engadido e nos 165.000 postos de traballo que xera o sector.

De la Cerda, por último, concluíu a súa intervención desexándolle “sorte e moitos éxitos” á nova directiva e, en particular, ao novo presidente, Andrés Rodríguez, logo de que fose elixido na Asemblea Xeral de socios de Clusaga esta mañá.

VIII Foro Galicia Alimentación
Antes da entrega dos galardóns celebrouse o VIII Foro Galicia Alimentación, que este ano se centraba na Alimentación sostible e resiliencia alimentaria: reflexións en torno a unha transición necesaria. Ao redor desta temática reuniuse a expertos e profesionais da industria para analizar e poñer en común as súas reflexións e ideas sobre os retos e o futuro do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información