Esta tarde comezan a emitirse online as XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Seragro SCG comeza esta tarde a primeira emisión das súas XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Este primeiro módulo dará comezo ás 15:30 horas e poderá seguirse a través de www.xornadasseragro.com. O prazo de inscrición para poder velas online segue aberto e pode formalizarse a través da propia páxina web.

O módulo deste sábado dividirase en tres relatorios e centrarase na influencia que teñen as instalacións e o benestar na produción. O encargado de abrir a cita será Juan Luis Mosquera Gómez, veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro SCG, quen tratará as instalacións de vacas secas. Seguirao o veterinario especialista en recría do servizo técnico de MSD Animal Health Carlos Carbonell Baeza, o cal falará sobre o ABC nas instalacións de xatas. Por último, Carlos Romero Sala, responsable do Programa de Eficiencia Produtiva MID€S de Calidad Pascual, presentará o retorno económico do benestar animal.

Por primeira vez na súa historia Seragro cambia o formato presencial polo virtual, pero faino sen esquecer o espírito co que se crearon estas reunións: “Nesta edición seguiremos contando con relatores do máximo nivel e non deixaremos de presentar os temas que máis interese poidan suscitar entre os nosos asistentes”, destacaron.

As exposicións en liña continuarán os días 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro. Durante estas catro sesións, que completarán a celebración da maioría de idade das xornadas, poñeranse enriba da mesa outros temas de actualidade, tales como o uso responsable de antibióticos, a nutrición no gando vacún, a saúde da recría e a sustentabilidade da produción láctea.

Sigue as XVIII Xornadas Técnicas de Seragro en www.xornadasseragro.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información