Tres localidades asturianas limítrofes con Galicia, Vegadeo, Castropol e Taramundi, presentan afección da banda marrón do piñeiro, unha enfermidade de cuarentena que está a diezmar os montes do País Vasco. O problema, que xera preocupación entre os propietarios forestais, chegou a Asturias procedente de Galicia, segundo aseguran medios de comunicación na comunidade veciña. A Xunta, sen embargo, nega que a banda marrón estea a afectar a piñeirais galegos.
Os problemas ligados coa banda marrón e a banda vermella do piñeiro desencadeáronse esta primavera – verán no País Vasco de xeito explosivo, ata o punto de que un terzo das masas de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) da comunidade foral están afectadas. O calor e a humidade da primavera semella que foron un factor determinante na propagación virulenta dos fungos, ao entender dos investigadores. A enfermidade fúnxica xa era coñecida no País Vasco desde hai décadas, pero sen derivar nunha praga incontrolable como a deste ano.
Cómpre evitar o alarmismo, pois aínda no caso de declararse en Galicia, a enfermidade fúnxica podería actuar con menor virulencia ó sucedido no País Vasco
A banda marrón e a banda vermella actúan secando parte das follas dos piñeiros, provocando a súa caída temperá. Esa situación deriva nun debilitamento das árbores e nun retraso do seu crecemento. Estas enfermidades fúnxicas non teñen porque ser necesariamente mortais para o piñeiro, se ben hai consenso en que na situación na que se atopan os piñeirais do País Vasco, cunha afección extrema da enfermidade, a situación será dificilmente recuperable para parte das masas.
O problema preocupa en extremo ós propietarios forestais e ás institucións no País Vasco. O Goberno vasco solicitará autorización para executar tratamentos aéreos de óxido cuproso na próxima primavera e xa se traballa en alternativas de futuro, como a busca de familias de piñeiro radiata menos susceptibles a estes fungos ou a plantación de especies alternativas, coma o piñeiro marítimo (Pinus pinaster), a ‘Criptomeria japonica’ ou o eucalipto.
En Asturias, a praga de corentena foi detectada este outono en tres localidades limítrofes con Galicia, Vegadeo, Castropol e Taramundi. Na comunidade veciña, asegúrase que a enfermidade chegou a Asturiras procedente de Galicia, se ben a Consellería do Medio Rural, consultada por ‘Campo Galego’, nega a existencia da enfermidade nos piñeirais galegos.
A principal especie dos piñeirais galegos é o piñeiro marítimo, tamén chamado piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), que é pouco susceptible á praga, pero na provincia de Lugo a conífera dominante en parte das comarcas do interior é o piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), unha situación que xera preocupación entre os propietarios forestais, dada a virulencia coa que se manifestou no último ano en Euskadi a enfermidade da banda marrón.
Desde o sector forestal advírtese tamén de que aínda que a enfermidade estivese presente en Galicia, podería manifestarse dun xeito menos virulento ó sucedido no País Vasco, polo que cómpre evitar o alarmismo. A próxima primavera – verán, época propicia para o desenvolvemento do fungo, será clave para analizar a situación nos montes galegos.
Máis información
– Ficha da banda marrón e da banda vermella do piñeiro (Pdf). Fonte: Neiker Tecnalia.