Dezaoito restaurantes de nove concellos da montaña de Lugo únense para promocionar os alimentos de proximidade

O martes de Entroido desenvolverase en Baleira a Xornada do Cocido da Montaña, que inclúe unha gran degustación ao mediodía xunto con música, un desfile de disfraces, sorteos e inchables gratuítos durante toda a tarde no pavillón municipal da localidade

cocido4Máis de 15 establecementos hostaleiros do Xeodestino Ancares Terras de Burón participarán durante este Entroido e o que resta de inverno nas Xornadas do Cocido de Montaña. Todos estes restaurantes e casas de comidas están certificados co selo Cociña de Ancares Terras de Burón, unha distinción que garante que a totalidade dos ingredientes que se empregaron na elaboración deste prato son de proximidade e de produción local. Esta certificación lévaa a cabo un equipo técnico, que é o que confirma que todos os compoñentes deste cocido de montaña teñen a súa orixe na zona.

O Xeodestino busca con esta certificación dinamizar o consumo de produtos locais e de proximidade nos establecementos de restauración da zona. Na web do GDR Montes e Vales Orientais pódense consultar os locais adheridos a esta iniciativa e que xa recibiron a certificación de que ofrecen un verdadeiro cocido de montaña. Nos próximos días é posible que se engada aínda algún establecemento máis, xa que a iniciativa permanece aberta e pódense anotar chamando ao teléfono 659275743.

Todos os ingredientes son de proximidade e a súa elaboración ao estilo tradicional baixo o selo ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’

A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas habilitados. En Baleira ofrecen este saboroso cocido de montaña A Marronda, o Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen durante este Entroido a Navia de Suarna poderán desfrutar deste manxar na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o café bar Xegunde, no restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada participan O Piñeiral e o mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que completan as xornadas A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira).

Gran degustación en Baleira

Ademais de comer o cocido de montaña nestes establecementos, o vindeiro martes 13 de febreiro levarase a cabo en Baleira a Feira do Cocido de Montaña, que será unha xornada dedicada a este prato típico e que contará tamén con música, sorteos e o desfile de disfraces do Entroido.

Ás 10 da mañá abrirase a feira na praza do Concello e o pavillón Municipal acollerá, a partir das 13:45 horas, unha gran degustación de cocido de montaña.As entradas para a degustación de Baleira poden mercarse (15€) de xeito anticipado nos seguintes establecementos que forman parte da Asociación de Hostalaría de Baleira: A Marronda, O Moneda, O Neireo e O Recuncho D’Vane.

A xornada completarase ás 17:30 horas cando, unha vez rematada a degustación e co acceso xa libre e gratuíto para todo o mundo ao pavillón, arrincará o desfile de disfraces. Haberá música e festa durante o resto da tarde, con inchables gratuítos incluídos e un sorteo de dúas caixas de produtos de Ancares Terras de Burón entre todos os participantes na comida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información