Ekoalde, a plataforma ecolóxica que dá de comer a un terzo dos alumnos navarros

A decisión do Goberno de Navarra de esixir produtos ecolóxicos nos comedores escolares supuxo unha auténtica revolución para o sector bio na comunidade. A iniciativa serve para que 12.000 nenos e nenas menores de 12 anos coman ecolóxico e para que 69 produtores decidiran agruparse para vender en conxunto e satisfacer a demanda

Ekoalde es una asociación sin ánimo de lucro constituida por 69 productores ecológicos de Navarra

Ekoalde é unha asociación sen ánimo de lucro constituída por 69 produtores ecolóxicos de Navarra

O sector da agricultura ecolóxica vive un momento doce en Navarra. A decisión do Goberno foral, acordada cos produtores, de esixir menús elaborados con produtos ecolóxicos nos comedores escolares dos centros de educación infantil e primaria da comunidade disparou a demanda, incentivando os acordos entre agricultores para venda en conxunto dos seus produtos.

O proxecto Ekoalde, como un centro de xestión integral agroecológica para venda agrupada, nace no ano 2017 por iniciativa dun grupo de produtores. Tras constituírse como asociación sen ánimo de lucro e realizar unha análise de mercado, a plataforma de venda botou a andar en 2020, en plena pandemia, o que obrigou a afinar o proxecto.

Realizamos unha oferta combinada, que vai máis aló do que poida ofrecer cada produtor

Desde o seu centro de provisión en Noain, nos arredores de Pamplona, subminístrase a clientes repartidos por todo Navarra, o País Vasco e o sur de Francia. “Os produtores levan alí o seu produto e Ekoalde encárgase de todo o demais, cun servizo integral de almacenaxe, loxística, distribución, xestión de pedidos, cobro e facturación”, explica Jon Garai, coordinador do proxecto, e que detallou o seu funcionamento nunhas recentes xornadas organizadas polo Craega.

Apoio institucional

A Asociación de produtores e elaboradores de produtos ecolóxicos de Navarra está composta na actualidade por 69 operadores de todas as familias de produción en ecolóxico existentes. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 2017 a partir dunha axuda do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR).

Desde entón, o apoio institucional foi fundamental para o avance do sector, a partir de medidas coordinadas acordadas cos produtores. O salto cuantitativo chegou coa aprobación en 2019 dun Decreto do Goberno foral no que se establece a obrigatoriedade de ofrecer legumes, cereais, froitas e verduras ecolóxicas de tempada nos menús dos colexios.

No prego de contratación do servizo de comedores dependentes do Goberno foral esíxese un mínimo de froita, verdura, cereais e legumes de produción ecolóxica local

A comida elabórase in situ nos 42 centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria que dependen do Goberno navarro e a materia prima é subministrada polos produtores ecolóxicos da comunidade, unha simbiose que redunda nunha alimentación máis saudable dos alumnos e nunha maior concienciación das familias. “Con isto tamén queremos fomentar que nos fogares deses nenos tamén se empezo a comer ecolóxico”, explica Jon.

De 1.500 a 12.000 alumnos diarios en só 2 anos

Ekoalde productos ecologicos comedores escolares

Grazas a ese empurrón que supuxo a aprobación do Decreto para fomentar hábitos saudables no alumnado, en só 2 anos Ekoalde pasou de abastecer 5 escolas a facelo na actualidade en 32, cun total de 12.000 estudantes, o que equivale a un terzo do total de alumnos menores de 12 anos da comunidade foral, pechando 2021 cun volume de negocio de máis de 500.000 euros.

Na actualidade chegamos a un terzo do alumnado con produtos ecolóxicos

“O salto foi de xigante e puidémolo dar porque o Gobierno de Navarra implicouse e fixo un prego de contratación a 4 anos para que se consuma froita e verdura local de tempada. Con iso favorécense as canles curtas de distribución con prezos xustos para os produtores”, afirma Jon.

Para que o proxecto sexa viable, establécese unha porcentaxe variable sobre cada venda, en función do tipo de produto e o cliente ao que vai destinado, para cubrir os gastos de funcionamento da plataforma e os servizos que presta aos produtores, que son con todo os que establecen os prezos finais de venda.

Compasar oferta e demanda

Pero o labor de Ekoalde vai moito máis aló da mera xestión loxística para a distribución dos produtos. A asociación actúa como interlocutora coa Administración e intermediaria entre os produtores e os seus clientes, tratando de compasar oferta e demanda.

En Ekoalde o que facemos é estruturar a oferta e a demanda mediante acordos de compra a un ano vista para poder planificar as plantacións

“Temos unha política de abastecemento porque hai que dar garantías, en restauración colectiva non se pode fallar”, sentenza Jon. Tras falar cos clientes, fan unha planificación a seis meses vista dos produtos que deben producir e realizan unha repartición mensual de pedidos entre os distintos produtores asociados para que estes poidan executar as súas plantacións acorde á demanda que terán que satisfacer.

Este traballo de estruturación do mercado está a dar os seus froitos, animando a novos produtores a iniciarse na actividade e a outros xa existentes a realizar a conversión cara ao ecolóxico. “Os números agora son suficientes para que a xente nova se plantexe dar o salto porque hai demanda suficiente”, indica o coordinador de Ekoalde.

Obxectivo: ampliar superficie e gama de produto

lechuga ecologica Ekoalde Navarra

Actualmente o 7% da superficie agraria navarra produce baixo certificación ecolóxica e o obxectivo é o aumento paulatino a medida que se incrementa a demanda. Das súas tres canles de venda, os comedores colectivos representan neste momento o 65% da facturación de Ekoalde e onde pretenden seguir crecendo.

“Esta canle foi a que permitiu despegar ao sector, grazas a asociarse, porque individualmente, sen agruparse, non había unha oferta suficiente para o potencial de demanda que podía haber”, explica Jon.

Ekoalde fornece na actualidade a 32 escolas comarcais 400.000 quilos de alimento ecolóxico por curso, entre eles máis de 100.000 quilos de verdura e outros tantos de froita

“Todo isto acompañado dunha política de compra pública verde por parte do Gobierno de Navarra, porque se obriga aos comedores e cáterings que os serven a ter unha porcentaxe mínima de produtos en ecolóxico”, indica o coordinador de Ekoalde.

Fábricas e hospitais

Ademais de subministrar a colexios, a canle estrela na actualidade de Ekoalde, pretenden ir máis aló, chegando tamén cos seus produtos ecolóxicos a outro tipo de comedores colectivos, como poden ser hospitais ou fábricas.

“Son catro familias de produtos (verdura, froita, legumes e arroz) as que se viron beneficiadas ata este momento, porque son as que estaban incluídas no prego dos comedores escolares, pero non están a ser premiados outros produtos como a carne ou os lácteos ecolóxicos”, aclara Jon.

A carne, os produtos lácteos e o aceite de oliva non están incluídos no prego dos comedores escolares e non se están beneficiando

Por iso neste 2022 queren contactar con hospitais e fábricas, onde ven unha oportunidade para a carne e outros produtos como o aceite de oliva, que non teñen entrada nos colexios neste momento. “Vemos que hai demanda importante non só en Navarra, senón tamén no País Vasco ou o sur de Francia”, explica.

Venda a particulares e tenda en liña

Centro logístico de acopio de producto de Ekoalde en Noain

Centro loxístico de acopio de produto de Ekoalde en Noain

Aproveitando a implementación da loxística de distribución semanal aos comedores, queren chegar tamén co seu produto á canle minorista. “O reto é aumentar a comercialización en tendas, que xunto á canle Horeca representa o 30% das nosas vendas, ao que se suma a venda directa a particulares ou mediante a tenda en liña, que equivale a entre o 2 e o 5% restante”, detalla.

Nos orzamentos da Comunidade Foral de Navarra para este ano 2022 hai reservada unha partida de 100.000 euros para un convenio con Ekoalde para seguir profesionalizando o sector

A toma de decisións en Ekoalde corresponde aos produtores asociados e a súa execución a un equipo técnico formado neste momento por 8 persoas. “A forma de avanzar en ecolóxico é organizarnos os produtores e que despois a Administración nos acompañe para poder levar a cabo todos estes retos”, conclúe Jon Garai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información