Os prezos das materias primas continuarán a súa fase ascendente os próximos meses e os cereais non serán unha excepción. Así o cren os expertos que se reuniron esta mañá en Santiago de Compostela, no marco do XI Foro Galis, e que prognostican tempos complicados.
Unha subida desmesurada dos custos de produción e a guerra en Ucraína son dúas das principais causas dunha situación que para a maioría dos expertos non ten visos de solucionarse nin a curto nin a medio prazo. Ese é tamén o prognóstico do catedrático en Economía Santiago Niño Becerra, que participou no foro e onde pronunciou o relatorio “2022-2023. Tendencias”.
O experto foi un dos participantes da IX Edición do Foro Galis, organizado no hotel Oca Porta do Camiño pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). Ao encontro asistiron máis de 100 representantes do sector e o acto de clausura presidiuno o conselleiro do Medio Rural, José González. A apertura do acto correu a cargo do presidente de Agafac, José Luís Rey.
Na súa intervención, Niño Becerra asegurou que a situación é moi complicada e que o próximo outono e inverno será peor.”Poida que entrásemos nunha fase, que durará décadas, de prezos das materias primas tendencialmente á alza”, indicou para apuntar que este novo escenario “é malo”. Asegurou que o salario frecuente en España -que non soldo medio- rolda os 18.600 euros, polo que os fogares sufrirán de forma importante esa situación adversa que se acentuará tras este verán “de carpe diem, de aproveita o momento”.
“A xente está a saír, as terrazas e restaurantes están cheos, as estradas repletas de vehículos coa gasolina polas nubes. E dicimos: xa pensaremos no mañá, e no outono chegará todo”, vaticinou.
Así mesmo, o economista, un dos poucos que prognosticou a crise de 2008, mostrouse convencido de que a capacidade de produción alimentaria “é a que é”, as colleitas de trigo ou millo “son as que son”, e lembrou que, ademais dun previsible aumento de prezos, en China a demanda de cereais está a aumentar.
Situación insustentable
Pola súa banda, Lola Herrera, xerente de Rogah e consultora de USSEC, acrónimo en inglés do Consello de Exportación de Soia de Estados Unidos, pronunciou a conferencia “As materias primas agrícolas na presente conxuntura xeopolítica global” e na súa intervención asegurou que a situación dos prezos “é insustentable”.
A experta indicou que o contexto mundial está marcado pola guerra e prognosticou que a curto prazo non se esperan grandes cambios. “O futuro é incerto e talvez en 2023 asistamos a unha nova normalidade”, dixo.
O XI Foro Galis reuniu en Santiago a provedores e representantes das principais fábricas de pensos de Galicia. O presidente de Agafac, José Luís Rey, abriu o acto e no seu discurso apelou á unidade do colectivo para afrontar con éxito “estes tempos complicados” e os retos en materia de sustentabilidade e dixitalización, dous factores que cualificou de fundamentais para ser competitivos nun mercado cada vez máis globalizado.
O sector da alimentación animal en Galicia aproveitou o encontro para render unha emotiva homenaxe a Javier Barcia, anterior director de Agafac, con motivo da súa xubilación e ao durante o evento fíxose entrega da insignia de Agafac.
O conselleiro de Medio Rural, José González, foi o encargado de pechar o acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia do sector para a economía galega tras encomiar a traxectoria de Galis, o sistema de control de materias primas impulsado por Agafac e que se converteu nun referente a nivel nacional.