Atópase nestes días en período de exposición pública o Borrador do Decreto polo que se vai a desenvolver a obriga de reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais (só polos montes veciñais ), en actuacións de posta en valor e multifuncionalidade. Mediante o tal Decreto será obriga da veciñanza comuneira investir o 40% de todos os ingresos obtidos polo monte veciñal na posta en valor e na multifuncionalidade. E se hai algunha comunidade de montes rebelde, será castigada sen ser beneficiaria de ningún tipo de axuda, nen pública, nen privada.
Chama a atención, por parte da Consellaria do Medio Rural e do Mar, do Partido Popular, o uso da palabra multifuncionalidade. Palabra maldita ,non fai moito tempo , mais na actualidade palabra máxica para esta Consellaria. É dicir , desas palabras que non din o que realmente queren dicir ; que din o que un queira que digan. De feito, a multifuncionalidade do que fala este Decreto, é soamente a forestal. Quedan fora desta multifuncionalidade a posta en valor dos montes dende o punto de vista social , cultural , patrimonial e medioambiental. Xa que logo, é multifuncionalidade daquela maneira .
En termos xerais e dende unha análise superficial , calquera pode dicir que a obriga de investir o 40% de todos os ingresos do monte na súa posta en valor e na sua multifuncionalidade non é mala (de feito , moitas comunidades de montes invisten mais do 40%). Mais, debullemos a cuestión.
Cal é a razón fundamental deste Decreto, ideado pola Consellaria do Medio Rural e do Mar? É para beneficio da veciñanza comuneira , única e lexítima titular de estas terras ? Ou é para negocio das empresas forestais privadas?
Analizando con detemento o Decreto , fica claro que a razón fundamental do mesmo é asegurarlles ás empresas forestais privadas o negocio , ou como se di agora , un nicho de traballo. Nun momento na que as axudas públicas para o monte veciñal van desaparecendo. Nun momento no que a obra pública no medio rural vai a menos , a Consellaría do Medio Rural e do Mar cede á presión das empresas forestais privadas e entregarlle en bandexa da prata , o monte veciñal (unha titularidade que non é sua) ás empresas forestais privadas para que manteñan os seus beneficios. E logo o Partido Popular vende a burra de que non é intervencionista .
Se a razón fundamental do Decreto , fose para mellorar o monte veciñal e para beneficio da veciñanza comuneira, a Consellaría do Medio Rural e do Mar non deixaría fora de esta obriga a aqueles montes veciñais que ,mediante os mal chamados contratos de xestión ,serán xestionados por empresas forestais privadas. Por que os deixa fora se son tan montes veciñais como os outros? .Precisamente déixaos fora porque serán negocio para as empresas forestais privadas e porque a sua posta en valor soamente será forestal. Non hai puntada sen fío.
“Por qué deixa fora da obriga aos montes veciñais xestionados por empresas privadas?”
Se o Decreto non fora para beneficio das empresas forestais privadas , a Consellaría do Medio Rural e do Mar , aceptaría a achega da Organización Galega de montes veciñais en mán común (Orgaccmm) ,que di que o investimento obrigado na posta en valor do monte e na súa multifuncionalidade será aquel que veña marcado no plano de ordenación do monte e nos acordos asemblearios da veciñanza comuneira .Téñase en conta que os planos de ordenación dos montes son documentos técnicos baseados na sustentabilidade do monte e ademais aprobados polos titulares das terras. Como tamén aceptaría outra achega da mesma organización que di que nos montes veciñais de zonas deprimidas ou con pouca poboación , a porcentaxe da obriga debería reducirse substancialmente. Nestas zonas os ingresos do monte veciñal deben xerar rendas para os seus titulares co fin de evitar a despoboación do medio rural. Nun medio rural vivo, os montes arden menos .
O Decreto polo que vai a desenvolver a obriga de reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en actuacións de posta en valor e na multifuncionalidade tamén dita que ,no caso de que un monte padeza un lume forestal , o investimento obrigado ,non será do 40% , senón que será do 100%. Esto é unha filosofía perigosa e de fomento do negocio.
Perigosa para o territorio e as poboacións que van ter lumes cíclicos. Fomento de negocio para as empresas forestais privadas que tamén terán seguridade de traballo cíclico. Quen nos ía a dicir que o lume sería un elemento de sustentabilidade cíclica!
O Decreto de reinvestimento obrigado dos ingresos do monte e bo para a veciñanza comuneira ou para as empresas forestais privadas?A resposta é doada de contestar .