Dúbidas sobre a situación legal da maquinaria agrícola que non puido pasar a ITV

Dúbidas sobre a situación legal da maquinaria agrícola que non puido pasar a ITV

A Delegación do Goberno en Galicia informaba este venres de que emitira unha directriz para que Tráfico non sancione aos propietarios dos tractores e maquinaria agraria que non puideron pasar a ITV e que circulen a partir do 10 de novembro de 2020 coa inspección técnica caducada se queda acreditado que non puideron pasar a inspección con anterioridade a esta data, de acordo co calendario de ITV móbiles.

O primeiro confinamento provocado pola pandemia motivou un considerable atraso no labor inspector da ITV´s móbiles, en Galicia competencia da Xunta, polo que o Goberno decidiu prorrogar a vixencia das mesmas até o 10 de novembro, prazo que non foi abondo para desatascar o considerable número de ITV´s agrícolas pendentes. Esta situación levou á Delegación do Goberno en Galicia a emitir -a petición de concellos como o de San Sadurniño- unha directriz a Tráfico para que non se sancione a estes vehículos coa ITV caducada e que non puideron pasala porque as estacións móbiles aínda non puideron desprazarse até o seu municipio.

Porén, xorden dúbidas sobre a legalidade e a seguridade xurídica desta medida da Delegación do Goberno en Galicia. E é que se na anterior prórroga esta publicouse o 16 de maio no Boletín Oficial do Estado (BOE), establecendo o goberno os novos prazos que daba a aqueles vehículos coa ITV caducada, nesta ocasión non se estableceu polo momento unha nova prolongación da ITV pasadas e, por tanto, unha nova extensión da validez das mesmas. Neste contexto, tampouco queda claro se os seguros cubrirán a estes vehículos agrícolas en caso de sinistros.

Neste contexto, o Parlamento de Galicia aprobou recentemente unha iniciativa presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), instando á Xunta a que “tome as medidas necesarias para que se axilice o calendario de inspeccións itinerantes para vehículos agrícolas”, pero tamén solicitando ao Goberno central que “amplíe a prórroga das inspeccións o tempo que faga falta, como única maneira de asegurar que tractores e outra maquinaria circulen dentro da legalidade mentres esperan por poder pasar a ITV”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información