A primeira colleitadora con sistema de desprazamento mediante orugas xa está traballando en Galicia. Trátase dunha Claas Lexion 5500 Terra Trac que adquiriu a empresa de servizos agrícolas Agro Maroñas SL, de Mazaricos, a Agrícola Curtis.
“Levamos con ela 11 días colleitando o millo para facer grao húmido nas comarcas do Xallas e a Barcala e os resultados son moi bos: Ten un maior rendemento que outras colleitadoras , o millo sae máis limpo. Ademáis, esta máquina móvese ben polo asfalto, ten moita máis estabilidade e, sobre todo, pode traballar en fincas que estean húmidas nas que con outra máquina quedarías antes espetado, mentres que con esta vas algo máis confiado, aínda que non te podes fiar do terreo mollado en Galicia, que todo ten un límite “, explica Ángel París, integrante do equipo de Agro Maroñas SL.
Claas Lexion 5500 Terra Trac está deseñada tanto para colleita de cereal como de millo e conta dun depósito de 8000 kilogramos. “Esta máquina non só non compacta tanto o terreo, e prácticamente non deixa rodeiras, senón que non precisa traballar cun tractor con remolque ao lado. A colleitadora pode desprazarse ata un camiño ao lado da finca para descargar alí no remolque, sen risco de que o tractor se espete”, engade.
A gran colleita de millo que hai este ano en Galicia permite que se destine unha maior superficie para a elaboración de grao húmido, unha forma de reducir os custos de alimentación e de incrementar a produción de leite.
Neste sentido, Ángel París estima que “os rendementos de grao húmido están este ano entre as 12 e as 14 toneladas por hectárea, unha produción moi boa”.