Dúas vivendas, un estaleiro e unha peza para a Catedral de Santiago, premios de Arquitectura en madeira Cesuga – Pino de Galicia

O xurado destacou “as boas prácticas construtivas” e “a sensibilidade no uso da madeira” das obras gañadoras da primeira edición do certame

Dúas vivendas, un estaleiro e unha peza para a Catedral de Santiago, premios de Arquitectura en madeira Cesuga – Pino de Galicia

Instante da entrega do Premio Especial Pino de Galicia.

A primeira edición dos Premios Arquitectura en Madeira CESUGA | Pino de Galicia premiou dúas vivendas (de Culleredo e Barcelona), un estaleiro de Outes (A Coruña) e un confesionario para a Catedral de Santiago. As obras premiadas foron seleccionadas entre decenas de propostas que se presentaron a concurso, realizadas con madeira como material preferente, como recurso natural, renovable, reciclable e sostible, e executadas en España ou Portugal entre o 1 de xaneiro de 2021 e o pasado 30 de maio.

A entrega dos premios realizouse no marco de ‘O Encontro’, foro económico de referencia organizado por CESUGA na Toxa como espazo de conexión e cooperación entre o mundo empresarial, a universidade e o sector público de Galicia.

O xurado

Os membros do xurado, integrado por cualificados profesionais do sector, especialistas en arquitectura, sustentabilidade e o uso da madeira, destacaron no seu fallo “as boas prácticas construtivas, a adecuada elección do tipo de madeira e a sensibilidade no seu uso” por parte de todos os proxectos galardoados. O resultado, subliñan tamén, indica un aumento no número de actuacións arquitectónicas realizadas con madeira estrutural no conxunto da península ibérica.

Presidido polo profesor Venancio Salcines, presidente do consello reitor de CESUGA, formaron parte do tribunal Silvia Blanco Agüeira, directora do grao de Arquitectura de CESUGA, que actuou como vicepresidenta, e David Lorenzo, de márcaa Pino de Galicia, como secretario. O resto do xurado complétano os irmáns Óscar e Iván Andrés Quintela, do estudo compostelán Arrokabe Arquitectos; Juanjo Otero e Cecilia Muíños, de MOLArquitectura, con sede en Ourense; Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande, de Ezcurra e Ouzande, tamén en Santiago; e o arquitecto Alberto Alonso Oro, director do blogue Veredes Arquitectura e Divulgación.

As obras premiadas

Como sinalou o xurado, a elección do premio outorgado á mellor rehabilitación foi moi complexa, dada a calidade dos proxectos presentados. Finalmente, distinguiuse a vivenda reformada no lugar de Laxe, no concello coruñés de Culleredo, polo estudo Trespes Arquitectos, conformado por Alberte Pérez, Carlos Mosquera e Enrique Iglesias. Para o xurado foi clave o emprego da madeira “desde a estrutura, realizada con armazón lixeiro, ata o mobiliario, o que indica o oficio en todos estes ámbitos de traballo”. 

Nesta obra destacan, ademais, as comunicacións verticais da casa, que se resolven con escaleiras dun só tiro, en planta primeira encóstase a esta un gran escritorio e unha rede/hamaca ao final do percorrido “para o goce da lectura vendo o ceo a través da perforación da cuberta”.

Joan Casals e José Luis Cisneros, do estudo catalán Ágora Arquitectura, foron os gañadores na categoría de obra nova por unha casa construída preto de Barcelona sobre un zócalo de ladrillo. O seu interior luminoso e o emprego de materiais sinxelos foron moi ben valorados polo xurado.

A rigorosidade deste tribunal concrétase na selección do Premio Especial Pino de Galicia, que se outorga a aquelas obras realizadas fundamentalmente con madeira local e que estimulen a sustentabilidade e a redución da pegada de carbono. A recente rehabilitación do estaleiro tradicional Ciprián, no concello coruñés de Outes, realizada polo estudo Fortes Penedo, fundado polos arquitectos Óscar Fortes Dopico e Iago Fernández Penedo, fíxose con este galardón por combinar diferentes tipos de madeira local, entre elas o castiñeiro e o piñeiro de Galicia, e por “manter o carácter da construción orixinal, incorporando solucións enxeñosas como a descarga dos piares sobre a cimentación”. O estaleiro acondicionouse para converterse en centro de interpretación e museístico sobre a carpintería de ribeira.

Na categoría de deseño de propostas a pequena escala resultou vencedor o moble-confesionario proxectado polos arquitectos Luís Gil Pita e Cristina Nieto para a catedral de Santiago de Compostela durante o Xacobeo 2022-2023. O encargo, sinala o xurado, “era comprometido, ata o punto de que actualiza a liturxia e crea un impacto nos fieis pola súa imaxe escultórica”. Trátase dunha obra que emprega madeira local, como é o castiñeiro, e técnicas tradicionais de carpintería, integrando ademais iluminación e calefacción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información