O Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña, continúa desenvolvendo o proxecto A Despensa de Ancares-Terras de Burón, unha iniciativa que pretende incorporar os alimentos que se producen no noso territorio aos establecementos turísticos da zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos e bebidas, entre outros moitos.
Esta iniciativa foi presentada o mes de xuño pasado en dúas xornadas celebradas na Fonsagrada e en Navia de Suarna. O seguinte paso é lanzar unha serie de proxectos piloto para os que se están buscando os primeiros establecementos interesados en contar cunha despensa de pratos e produtos locais nas súas instalacións. Tamén continúa a busca de novos produtores interesados en incorporarse como provedores desta despensa e ampliar as formas de darlle saída á súa produción.
O obxectivo é tender pontes entre o sector turístico e o agroalimentario, para establecer circuítos curtos de comercialización que contribúan ao desenvolvemento da economía local en Ancares e Terras de Burón. Para conseguilo vanse realizar “tres sesións de traballo nas que produtores e establecementos interesados acabarán de definir os protocolos loxísticos e de traballo necesarios para implementar a rede local ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón”, explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais.
Primeira sesión
A primeira xornada de traballo desenvolverase este vindeiro xoves, día 28 de setembro, en Baleira, a partir das 18 horas. A participar nela están convidados “os xerentes de casas rurais, hoteis, albergues e outros establecementos turísticos que non contan cun servizo de restaurante propio, así como produtores e produtoras do territorio que busquen novas canles de comercializar os seus produtos alimentarios. Poden anotarse a través de whatsapp no número 659275743 ou cubrindo o formulario aloxado no seguinte enlace.
Fe Álvarez lembra que son “varios os albergues e casas rurais que xa solicitaron incorporar os produtos desta despensa para ofrecerlle ás persoas que nos visitan un servizo complementario ao aloxamento”, ao tempo que se mostra moi confiada nunha iniciativa que “está espertando un grande interese entre estes establecementos turísticos do territorio, que eran moi conscientes desta necesidade”, apunta.
Sempre buscamos establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos
A xerente do GDR Montes e Vales Orientais está convencida da importancia que vai ter este proxecto, que encaixa á perfección na filosofía de traballo do colectivo. “Sempre buscamos establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos. O obxectivo principal con esta iniciativa é xuntar a diferentes sectores económicos que contan con necesidades, barreiras e problemáticas aparentemente diferentes e poñer en marcha solucións conxuntas que redunden nun beneficio para todos e, en consecuencia, colaborar no desenvolvemento do territorio”, comenta.
Con esta unión na despensa entenden que se vai atallar “o desequilibrio entre a oferta de aloxamentos e a oferta de restauración, xa que neste territorio hai moitos máis aloxamentos que establecementos que sirvan comidas ou ceas aos visitantes; e pola outra banda, hai un sector agroalimentario que está poñendo no mercado produtos de gran calidade e que están buscando darlles saída e ampliar as súas canles de venda”, conclúe Fe Álvarez.