O Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras estará presente na XXIV Edición de Xantar en Ourense

O GDR contará cunha caseta propia para poñer en valor os inmensos atractivos gastronómicos, vitivinícolas e turísticos da comarca.

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras estará presente na XXIV Edición de Xantar en Ourense

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras participará na XXIV edición de Xantar, o Salón Internacional do Turismo Gastronómico, que se celebrará do 2 ao 5 de novembro en Ourense. A Xunta Directiva do GDR aprobou esta mañá a contratación dunha caseta propia, de 7×4 metros, co que estará presente por primeira vez neste importante evento que se celebra anualmente no recinto feiral de Expourense.

A presidenta do grupo, María Carmen González, destacou que “un dos obxectivos básicos dos Grupos de Desenvolvemento Rural é a execución de proxectos de animación e de promoción do territorio. Para iso, unha das accións recollidas na nosa estratexia é a participación en feiras que permitan poñer en valor e difundir as riquezas da nosa comarca. E eventos como Xantar, a través do cal Ourense convértese durante 4 días na capital gastronómica de Galicia e do Noroeste de España, ofrécennos unha oportunidade perfecta”.

Destino turístico

O GDR promocionará na 23ª edición deste prestixioso salón os principais atractivos gastronómicos, vitivinícolas e turísticos da comarca. Durante os 4 días que dure a feira, do 2 ao 5 de novembro (en horario de 12:00 a 01:00 os 3 primeiros días e de 12:00 a 18:00 o domingo), os visitantes que se acheguen pola caseta poderán recibir información sobre os pratos máis típicos da comarca, sobre as materias primas que se usan na súa elaboración, que son cultivadas e criadas na súa maioría no propio territorio, e sobre os excelentes viños brancos e tintos que se elaboran baixo o selo do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Nun momento no que o turismo gastronómico e o enoturismo cada vez teñen máis forza a nivel nacional e internacional, quérese poñer en valor a Valdeorras como un dos destinos máis interesantes para os amantes da boa cociña e da vinicultura. Dous atractivos que se unen á riqueza paisaxística, histórica, patrimonial e ambiental da comarca.

Degustacións e catas maridadas

Ao longo das 4 xornadas de Xantar, o GDR Valdeorras ofrecerá aos visitantes a feira unha serie de degustacións de pratos típicos de cada un dos 9 concellos que compoñen o territorio. Ademais, o venres 3 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar unha cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras seleccionados polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, maridados por un selecto menú dalgunhas das elaboracións máis representativas da cociña valdeorresa.

As persoas que se acheguen pola caseta tamén poderán recibir información sobre os outros atractivos da comarca: os seus monumentos, a súa historia, a influencia romana, a Vía Nova, o Camiño de Inverno, o turismo industrial, as súas espectaculares praias fluviais ou as súas incribles paisaxes.

Sobre o GDR7

O GDR7, o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras, enmárcase no programa europeo Leader 2014-2020. É un dos seis que actualmente están en funcionamento na provincia de Ourense e o seu radio de acción abarca os municipios da Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín; cunha extensión de 969 quilómetros cadrados e 27.000 habitantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información