A Deputación de Pontevedra vén de iniciar o procedemento para poñer en marcha un sistema de poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade (Lalín). Trátase do último dos compromisos adquiridos no marco do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade que arranca cunha primeira poxa de 21 vacas de raza frisoa de alto valor comercial. Este sistema utilizarase en vindeiras ocasións para poñer no mercado animais de gran valor xenético, cumprindo o compromiso adquirido pola institución provincial co sector gandeiro.
A poxa nace para dar resposta á demanda das e dos gandeiras/os da provincia que solicitaban ter no mercado animais de alto valor xenético. Deste xeito, o procedemento iníciase coa poxa de 21 vacas de raza frisoa que forman parte da gandaría da Finca Mouriscade e que contan cun gran valor comercial para continuar a súa vida produtiva nas explotacións lácteas. Os prezos de saída dos animais abranguen entre os 462 e os 1.925 euros e o prazo de presentación de solicitudes de participación na poxa será de 15 días naturais, unha vez que se publique o anuncio de licitación no Perfil do Contratante da Deputación de Pontevedra, integrado na Plataforma de Contratación do Sector Público.
A gandería de Mouriscade atópase entre as 12 mellores de España. A finca conta cunha granxa experimental en selección xenética, na procura da eficiencia produtiva das explotacións gandeiras da provincia, coidando o benestar animal e o respecto polo medio ambiente. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás explotacións gandeiras, cooperativas e empresas do sector na provincia.
Escola de iniciación de futuros/as gandeiros/as
A Escola de iniciación de futuros/as gandeiros/as, que terá lugar entre o 10 e o 14 de xullo nas instalacións de Mouriscade era, xunto á poxa, outro dos últimos compromisos do Plan Estratéxico de Reactivación da finca. Trátase da segunda edición desta escola, organizada pola Federación Frisoa Galega en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros, que esgotou, en menos de 24 horas as 30 prazas ofertadas.
As rapazas e rapaces que van participar nesta iniciativa, con idades comprendidas entre os 8 e 17 anos, recibirán nas instalacións da Deputación de Pontevedra en Lalín, durante cinco días, formación teórica e práctica e desenvolverán diferentes actividades relacionadas, entre outras, co encamado, a alimentación, doma de animais, morfoloxía das vacas, pelado, manexo, lacado e preparación para os concursos. Todo elo da man de gandeiras/os expertas/os.