A granxa da Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra e situada en Lalín, acolleu esta mañá a Primeira Poxa de Gando Frisón, con animais de gran valor xenético e pertencentes á propia granxa.
A iniciativa congregou un elevado número de gandeiros procedentes tanto do Deza, como das principais zonas gandeiras da Coruña, así como da provincia de Lugo. Pese a que o acceso era libre, para poder participar na poxa e mercar os animais era preciso realizar unha inscrición previa, que formalizaron un total de 26 ganderías.
Saíron a poxa un total de 17 vacas, na maior parte animais de segundo parto, aínda que tamén houbo algunha de primeiro e un exemplar de terceiro parto. O prezo de saída foi de 1.750 euros, agás no animal de máis idade, que partiu de 850 euros. O prezo medio situouse nos 2.600 euros e acadouse un importe total de 44.450 euros.
O prezo máximo da poxa logrouno a vaca Mouriscade Neutrón Petri, que partiu de 1.750 euros e, tras unha áxil e disputada poxa, acadou os 3.800 euros, pagados pola gandería Pena Guisande, do Páramo (Lugo). É un animal cunha cualificación de 85 puntos e que xa conta cunha produción de 14.000 quilos de leite. Ademais, pertence a unha das familias de gran traxectoria na Finca.
O segundo mellor prezo foi para a vaca Mouriscade Sálvame Malva, que foi adquirida pola gandería de José Ramón Carballeiro Becerra, de Tordoia (A Coruña), por 3.250 euros.
Tódalas vacas acadaron un prezo superior ó de partida nunha poxa que se desenvolveu de forma áxil e rápida, en pouco máis dunha hora. O prezo máis baixo da sesión situouse nos 2.050 euros e non quedou ningún animal sen adxudicar dos que saíron á poxa.

Unha das actividades celebradas na Escola de novos gandeiros, celebrada esta semana na granxa da Finca Mouriscade.
Xornada de clausura da Escola de Iniciación de futuros gandeiros
A poxa coincidiu coa xornada de clausura da segunda edición da Escola de Iniciación de futuros gandeiros, organizada pola Federación Frisoa Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros e que tamén contou coas instalacións da Granxa da Finca Mouriscade. Ó longo desta semana un total de 35 rapaces de entre 8 e 17 anos iniciáronse no manexo do gando, dispoñendo para iso dos animais máis novos da gandería de Mouriscade.
Recibiron formación sobre cuestións como a morfoloxía dos animais, a alimentación do gando, a importancia dun bo encamado, así como do pelado, limpeza, doma e preparación para os certames morfolóxicos. Ademais, cuestións como o sistema de muxido robotizado, que se emprega na granxa, tamén suscitaron gran interese entre o alumnado.
Os rapaces abordaron cuestións como a morfoloxía, a alimentación e manexo do gando ou a preparación para os concursos
Na xornada de clausura, os rapaces fixeron unha exhibición das destrezas na doma e o paseo dos tenreiros. O curso concluíu cunha comida de confraternidade e unha entrega de premios e diplomas ós asistentes, un acto que contou coa intervención do director xeral de gandería, José Balseiros.
Plan estratéxico de Mouriscade
Tanto a celebración da primeira poxa de gando frisón como acoller a escola de novos gandeiros son dous exemplos das actividades contempladas no Plan estratéxico de Mouriscade. Con este plan búscase, entre outros obxectivos, volver situar á Finca como referente no sector gandeiro, ofrecer servizos directos de mellora xenética para as ganderías galegas e, en especial, da provincia; así como dar a coñecer as instalacións e o traballo desenvolvido no centro á sociedade.
A gandería de Mouriscade, que conta cunha granxa experimental en selección xenética, atópase entre as 12 mellores de España. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás granxas, cooperativas e empresas do sector.