A Asociación Forestal de Galicia faise eco das denuncias de comunidades de montes e propietarios forestais de toda Galicia polos constantes danos ao seu patrimonio natural por motos, quads e todoterreos. O último episodio do problema rexístrase nas comunidades de montes dos concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, que se uniron para denunciar a presenza masiva de motos, quads, todoterreos e outros vehículos nos seus montes, causando cuantiosos estragos no patrimonio natural e forestal.
Os propietarios forestais resaltan que é un problema que xa preocupaba con anterioridade, pero desde a entrada en vigor do estado de alarma, o aumento de vehículos no monte é exponencial. Debido aos peches perimetrais e, singularmente nesta comarca, á prohibición de desprazarse a Portugal, os comuneiros sinalan que os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección.
O problema, advirten, é que moitos circulan coma se se tratase dun circuíto de competición, sen ningún tipo de coidado nin respecto pola contorna. Habida conta das pegadas que deixan no monte, “vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre, senón actividades que en ocasións se achegan ó vandalismo”, cuestionan.
Dende a Asociación Forestal de Galicia constátase que non é a primeira vez que comunidades e propietarios forestais socios se atopan con este problemas nas súas propiedades. “Todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana, sen pedir permiso nin autorización, numerosos vehículos alleos á xestión do monte transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais, producindo danos máis que evidentes”, explican.
Lei de Montes de Galicia
A AFG expón que a Lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que estas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Ademais, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”.
No caso dos problemas que se rexistran en Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, os comuneiros e comuneiras mesmo teñen identificados motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné. A raíz dalgunhas das denuncias cursadas, os axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto varias sancións. Aínda así, demándase das autoridades, especialmente da Consellería do Medio Rural, e das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema.