O Libro Branco dos montes veciñais: perspectivas da nova regulación

Debullamos as principais propostas incluídas no primeiro borrador deste documento presentado pola Consellería de Medio Rural que serve de paso inicial de cara á modificación da Lei que regula os montes veciñais en man común

O Libro Branco dos montes veciñais: perspectivas da nova regulación

Monte veciñal en man común con mandas de cabalos de pura raza galega e cruzados. // Imaxe de arquivo.

Un dos primeiros pasos da Consellería de Medio Rural para renovar a actual Lei de montes veciñais en man común, aprobada no 1989, foi a elaboración dun borrador de Libro Branco sobre a regulación deste tipo de montes. Este documento incorpora as achegas recibidas no proceso de participación pública que a Consellería levou a cabo o ano pasado, así como a consulta que realizou entre os membros do Consello Forestal de Galicia para afrontar a revisión da Lei. Precisamente, as comunidades de montes veciñais levaban anos reclamando esta modificación da normativa, dados os cambios rexistrados na xestión do monte nestes últimos 30 anos.

O prazo para presentar achegas a este documento mantense aberto ata o próximo día 8 de setembro

Como se sinala no propio Libro Branco, este “é un documento de traballo, a modo de punto de encontro, que sirva para aliñar esforzos das Administracións Públicas cos doutros sectores involucrados que comparten os mesmos obxectivos de posta en valor dos montes veciñais en man común”. Así, a Consellería mantén ata o vindeiro 8 de setembro aberto o prazo para presentar achegas a este documento, como paso previo a iniciar a modificación da Lei.

Os montes veciñais ocupan a cuarta parte do territorio galego e case a metade da superficie forestal con arborado

Á hora de analizar esta reforma da Lei cómpre ter presente que en Galicia hai 3.371 montes veciñais en man común (MVMC), que ocupan unha superficie dunhas 665.000 hectáreas, o que supón a cuarta parte do territorio galego e case a metade da superficie forestal con árbores. A maioría destes montes atópanse na provincia de Ourense e Lugo, seguida de Pontevedra e por último A Coruña.

A continuación recollemos algúns dos aspectos que se inclúen neste primeiro borrador de Libro Branco sobre os montes veciñais en man común:

  • O concepto de monte veciñal

Unha das primeiras cuestións que se abordan é o propio concepto de montes veciñais, no que se alude á posesión deste monte baseado no costume e sen que figure unha asignación de cotas por un grupo de veciños, senón como colectividade. Así, cada comuneiro ten o dereito de propiedade completo pero limitado, xa que os demais teñen igual dereito total.
Tamén se fai referencia a que se trata de montes cunha fonda tradición e en réxime de propiedade xermánica, un tipo de titularidade singular en Galicia. Así, concrétase que os montes veciñais en man común teñen unha propiedade privada e colectiva. Precisamente, preservar a orixe xermánica desta figura foi unha das reclamacións que fixeron dende distintos colectivos.

  • A condición de comuneiro

Definir a condición de comuneiro destes montes veciñais é un dos retos que tamén coincidían en pedir dende distintos colectivos, xa que estaba a ser un dos problemas ós que facer fronte nas comunidades. O Libro Branco aborda esta cuestión e mantén vinculada a condición de comuneiro cunha casa aberta que sexa a residencia habitual e que estea situada na área xeográfica á que pertencen os montes veciñais en man común. Ademais, recolle que os comuneiros deberán exercer algún uso, costume ou actividade relacionada con eses montes.

Ó mesmo tempo ábrese a porta a flexibilizar a condición de comuneiro co obxectivo de evitar o abandono e a desaparición dalgunhas comunidades veciñais. Valórase que poida eximirse temporalmente de ter que residir de forma habitual nesa poboación e estaría pendente se é preciso pedir xustificación legal e a duración pola cal se pode residir noutra área xeográfica. Esta excepción proponse pensando naquelas persoas que naceron no seo da comunidade veciñal e manteñen tanto a casa como vínculos coa comunidade, pero non viven na aldea. Ábrese a posibilidade de nomealos comuneiros con voz, pero sen voto.

Ademais, a vinculación dos comuneiros co monte veciñal non sempre ten que estar circunscrita só á parroquia, posto que a concepción de parroquia é posterior a esta titularidade de monte veciñal en man común.

  • Aproveitamento do monte

Abórdase tamén o aproveitamento que se fai do monte, decisións que deben acordarse en asemblea e debe ter o apoio de alomenos a metade dos comuneiros en primeira convocatoria e do 30% en segunda. Tamén se recoñece que nos montes veciñais en man común poden realizarse permutas, cesións temporais, arrendamentos ou dereitos de superficie.

Asimesmo, este tipo de montes tamén poden ser obxecto de expropiación forzosa ou de imposición de servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes ós do propio monte. Ademais, tamén poden incluírse en procesos de reestruturación parcelaria.

  • Adquisición de terreos

As comunidades de montes veciñais tamén poderán adquirir novos terreos, sempre que redunden no beneficio da comunidade veciñal, de maneira que con esta adquisición se procure o interese xeral das persoas comuneiras. Na actual normativa esta compra debe ser autorizada pola Administración forestal e este é un dos aspectos sobre os que tamén se abre reflexión, poñendo sobre a mesa a posibilidade de manter ou suprimir esta autorización.

  • Ordenación e xestión dos montes veciñais

Para a xestión forestal e ordenación deste tipo de montes, a actual normativa recolle que no caso daqueles montes que teñan unha superficie superior ás 25 hectáreas en coto redondo deberán contar cun proxecto de ordenación. Mentres, aqueles cunha superficie inferior abonda con que dispoñan dun documento simple de xestión. Neste senso, inicialmente non se contemplan modificacións específicas.

  • Gobernanza do monte veciñal

Como se recoñece no Libro Branco, a regulación dos montes veciñais e a súa gobernanza é unha cuestión complexa, polo que se propón estruturar un modelo con alto grao de autonomía interna das comunidades que poida facilitar o funcionamento das comunidades.

Tamén se recolle que as comunidades de montes veciñais en man común teñan unha maior participación e representación na propiedade forestal. Neste senso apúntanse varias posibilidades:

-A creación dun Consello Galego de Comunidades de Montes Veciñais en man común.

-Modificar a composición do actual Consello Forestal de Galicia para que haxa un maior número de representantes tanto das comunidades de montes veciñais en man común como de mancomunidades.

-A creación dunha Mesa da propiedade forestal dependente do Consello Forestal con representación das CMVMC proporcional á superficie deste tipo de propiedade.

-A revisión da regulación da representación das CMVMC nos xurados provinciais.

No tocante á gobernanza tamén se abordan os órganos que deben integrar estas comunidades, así como o funcionamento dos estatutos e o voto ou a documentación da que deben dispoñer.

  • Outros aspectos incluídos

No Libro Branco tamén se atende a outros aspectos que afectan directamente ós montes veciñais como son os deslindes ou os convenios de explotación, nos que se inclúen os contratos temporais de xestión pública que veñen substituír ós consorcios e convenios.

Ademais, hai outras cuestións que tamén afectan á xestión deste tipo de montes e que se recollen para abordar na futura Lei como son a pervivencia ou eliminación dos xurados provinciais dos montes veciñais en man común, así como os trámites de rexistro destes montes.

Tamén se fai referencia a distintos aproveitamentos coma o cinexético, coa correspondente regulación que precisaría para levarse a cabo, así como a función social e recreativa que teñen sobre todo daqueles montes veciñais que se atopan en zonas periurbanas ou a xestión dos residuos abandonados nestes montes. Ademais, mesmo se aborda a propia desaparición ou abandono dos montes veciñais en man común.

Una idea sobre “O Libro Branco dos montes veciñais: perspectivas da nova regulación

  1. Manuel González abril

    Esperó una resolución con acuerdos a los más botos existente cracias y buen fin 👍 😉

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información