Dairylac inicia en Melide a construción dunha torre de secado de leite

A empresa, liderada polas cooperativas Icos e Codeira, mellorou a súa oferta polas queixerías de Lácteos Pérez, que se disputa coa firma catalana TGT. Negocia a incorporación de máis socios ó proxecto

Dairylac inicia en Melide a construción dunha torre de secado de leite

Imaxe virtual de como quedará o exterior da instalación da torre de secado de Dairylac.

Dairylac, a industria con sede en Melide que lideran as cooperativas Icos (Chantada) e Codeira (Portomarín), continúa a dar pasos para a súa consolidación. Nos próximos días iniciará a construción dunha torre de secado de leite, unha instalación que suporá un investimento duns 12 millóns de euros, e redobra tamén a súa aposta por adquirir as queixerías de Lácteos Pérez Olveira. Dairylac vén de aumentar a súa oferta polas dúas queixerías de Pérez ata 6,3 millóns de euros, o que supón superar á outra oferta presentada, correspondente ó grupo catalán TGT.

Ambas liñas de traballo, a construción da torre de secado de leite e a adquisición das queixerías, completarían a estratexia industrial deseñada nun inicio por Dairylac. O proxecto arrancou hai un ano sobre a base do traballo previo de Lasurgal, unha industria melidense que viña operando principalmente para clientes industriais. Dairylac constituiuse en setembro do ano pasado a tres bandas, coa cooperativa Icos como cabeza visible do proxecto; coa propia Lasurgal e con participación da Xunta a través de Xesgalicia. Pouco despois uniríase a cooperativa Codeira, de Portomarín.

A industria xa lanzou unha liña de produtos para hostelería e repostería que inclúe manteca, nata líquida e leite pasteurizado

O primeiro ano de traballo de Dairylac centrouse en sacar ó mercado unha liña de produtos dirixidos principalmente ó canal hosteleiro e de repostería. Baixo a marca Deleitar, a industria puxo no mercado nos últimos meses manteca cocida de vaca, nata líquida, leite pasteurizado e queixos crema e mascarpone.

Queixerías
A segunda pata do proxecto de Dairylac pasaba por emprender a produción a gran escala de queixos galegos con destino a mercados de toda España e á exportación. Para iso, nun primeiro intre a compañía tratou de chegar a unha alianza con Lácteos Pérez e, cando Lácteos Pérez entrou en concurso voluntario de acreedores, optou por presentar unha oferta de compra.

A venda de Lácteos Pérez, con queixerías en Santa Comba e no Pino (Alimentos Ruta Xacobea), está agora nas mans do xulgado que leva o proceso concursal. Á compra de Lácteos Pérez optan o grupo catalán TGT e a propia Dairylac. Nun inicio, TGT presentara unha oferta superior, pero agora Dairylac vén de elevar a súa proposta de compra ata os 6.346.000 euros, o que superaría a oferta de TGT (6.060.000 euros).

A nova proposta de Dairylac por Lácteos Pérez inclúe máis de 700.000 euros destinados a cubrir débedas cos gandeiros

A nova proposta de Dairylac inclúe unha aportación de máis de 700.000 euros destinada a facerlle fronte ás débedas que mantén Lácteos Pérez cos seus gandeiros proveedores. As melloras na oferta, introducidas durante a fase de alegacións do proceso, representan unha suba de preto do 25% sobre a cantidade inicial ofrecida pola industria galega.
De non facerse con Lácteos Pérez, a empresa tería que buscar outras alternativas para a produción de queixo.

Torre para secar leite e procesar soro
O proxecto inicial de Dairylac complétase coa posta en marcha dunha torre para o secado de leite. O consello de Administración da industria acordou iniciar nos próximos días a súa construción nunha parcela anexa a súa sede de Melide. A instalación requerirá dun investimento superior ós 12 millóns de euros, dos que a Consellería do Medio Rural aportará arredor de 5 millóns. Cando estea rematada, o conxunto da industria terá capacidade para procesar unhas 300.000 toneladas de leite ó ano.

“O proxecto busca ofrecerlles ós gandeiros maiores rendibilidades, xa que se socializarían os beneficios da industria”

A torre de secado de leite permitirá tanto a produción de leite en po como a elaboración de derivados lácteos a partir do soro procedente da fabricación de queixos. A infraestrutura, que se espera que estea operativa na primavera do 2018, considérase esencial para valorizar o solo lácteo, pois permitirá a separación de proteínas e a produción de alimentos infantís, entre outras cuestións.

O obxectivo último de Dairylac pasa por lograr un maior valor engadido para o leite galego nun proxecto de base cooperativa. Icos e Codeira, as coooperativas que lideran a empresa, agrupan a uns 1.400 socios, e na actualidade Dairylac negocia a incorporación de máis cooperativas ó proxecto. “A compañía busca consolidar o modelo industrial cooperativo galego, garantir a compra do leite das explotacións socias e permitirlles obter unha rendabilidade maior polo produto, xa que se socializarían os beneficios da industria”, resume Dairylac en nota de prensa.

Dairylac está constituida actualmente por Icos e Codeira (que suman un 67% da participación), por XesGalicia (25%) e por pequenos inversores minoritarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información