As ofertas de Dairylac e de TGT por Lácteos Pérez

A compañía catalá considera que a súa oferta supera nun millón de euros á de Dairylac e incide en que asumiría un 20% das débedas que mantén Pérez Olveira cos gandeiros. Dairylac destaca a oportunidade de crear un proxecto de transformación do leite en Galicia “por e para os gandeiros”

As ofertas de Dairylac e de TGT por Lácteos Pérez

Planta de Lácteos Pérez en Olveira (Santa Comba)

A venda do grupo Lácteos Pérez, con instalacións na Pereira (Santa Comba) e no concello do Pino (Alimentos Ruta Xacobea) , está xerando un tirapuxa entre as dúas ofertas que compiten por facerse con ela: o grupo catalán Teodoro García Trabadelo, SL (TGT) e Dairylac SL, sociedade conformada por Lasurgal e a cooperativa Icos.

Sen embargo, Lácteos Pérez atópase neste momento en concurso de acreedores, lastrada pola súa elevada débeda no entorno dos 10 millóns de euros, e o xulgado do Mercantil número 1 da Coruña, que administra o proceso concursal, terá que decidir ao longo deste mes de xullo cal das dúas ofertas resulta gañadora.

Neste sentido, segundo os escritos de alegacións aos que tivo acceso Campo Galego, estes son os detalles das dúas ofertas que se presentaron:

GRUPO TGT

DAIRYLAC

Oferta global

6.060.000 euros

5.141.252 euros

Importe en efectivo

694.613 ,,

500.000 ,,

Salarios pendentes de pago

151.116 ,,

283.729 ,,

Créditos privilexio especial

4.401.778 ,,

4.214.074 ,,

Créditos da Seguridade Social

159.677 ,,

143.449 ,,

20% dos créditos dos gandeiros

392.815 ,,

Crédito do grupo TGT

260.000 ,,

Antecedentes

O pasado 25 de Maio de 2016 Dairylac SL -sociedade na que no seu día chegou a participar Lácteos Pérez- realizou unha oferta de compra polas unidades produtivas de Lácteos Pérez (Alimentos Ruta Xabocea e Lácteos Pérez Olveira) por importe de 4.641.251,90 euros.

O 13 de Xuño o Grupo Teodoro García Trabadelo, S.L realizou unha oferta polas mesma unidades produtivas por importe 6.060.000 euros. TGT tamén chegou a ser socio de Pérez Olveira e vendeu no seu día a súa parte aos irmáns Pérez.

Á vista destas ofertas o 20 de Xuño o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña deu traslado a todas as partes acudidas das ofertas presentadas para que no prazo de tres días puidesen mellorar ditas ofertas.

Oferta de Dairylac

É nese momento cando Dairylac SC presenta unha mellora da súa oferta, incrementando o prezo en  500.000 Euros que serán entregados coa efectiva entrega das unidades produtivas. A súa oferta pasa a ser entón de 5,14 millóns de euros dos cales se entregarían en efectivo 500.000 euros, faríase cargo do pago dos créditos por importe de 4,21 millóns con privilexio especial, ao igual que aboaría tamén as débedas de Lácteos Pérez coa Seguridade Social e pagaría os salarios pendentes non cubertos co Fogasa, que cuantifica en 283.728 euros. O financiamento da contía entregada en efectivo realizarase a través da concesión dun préstamo participativo por parte de Xesgalicia.

Oferta de TGT

A oferta de TGT, pola súa banda, é de 6.060.000 euros dos cales se ingresan en efectivo 694.613 euros, páganse os salarios pendentes 151.115 euros, páganse os créditos con privilexio especial por importe de 4,40 millóns de euros, páganse o 20% dos créditos cos gandeiros e danse por cobrados 260.000 Euros que TGT ten no concurso de acredores.

A diferenza entre unha oferta e outra é de 918.748 euros. Por apartados a principal diferenza é que o grupo TGT comprométese a destinar 392.815 euros para o pago do 20% do importe nominal de cada unha das débedas que mantén Lácteos Pérez cos gandeiros que lle subministraban leite. Porén, o grupo catalán tamén aclara que non subrogará os contratos que poidan existir entre os gandeiros e Lácteos Pérez Olveira e Alimentos Ruta Xacobea, aínda que precisa que contará con eles.

A partir de agora será o Xulgado Mercantil número 1 da Coruña o que, unha vez valoradas as alegacións presentadas por TGT e Dairylac a cada unha das ofertas, tome unha decisión. En principio, o prazo para adxudicar o grupo Lácteos Pérez remata o 31 de xullo, aínda que o xuíz podería acordar unha nova prórroga se o ve necesario.

Dous proxectos centrados na exportación de queixos e derivados lácteos

En canto aos proxectos empresariais, o presentado por Dairylac céntrase na elaboración de queixos e de derivados lácteos, cunhas canles de distribución adaptadas ás diferentes rexións de Europa. Insiste a empresa formada por Icos e Lasurgal, que o seu proxecto para Lácteos Pérez “é por e para os gandeiros”, permitindo a entrada de cooperativas gandeiras no proxecto de Dairylac. Salientan ademais que a súa oferta “permite impulsar e preservar dende Galicia a industria da transformación do leite”. As queixerías de Lácteos Pérez crearían tamén sinerxias con Lasugal, ao proporcionarlle o soro que esta precisa.

Pola súa parte, o grupo TGT pon en valor como principal fortaleza a súa probada traxectoria empresarial, cunha facturación en 2014 de máis de 288 millóns de euros, dos que o 15% son no exterior, e case 16 millóns de beneficios. O seu proxecto pasa principalmente pola fabricación de queixos con denominación de orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información