Cursos sobre viños galegos e internacionais en Ribadavia

Contarán cunha programación de xornadas sobre a produción vitivinícola europea e seminarios do Wine & Spirit Education Trust (Wset), referente internacional na formación do mundo do viño

Publicidade
Cursos sobre viños galegos e internacionais en Ribadavia

Participantes no acto de presentación das xornadas no Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo, Ribadavia.

Ribadavia acollerá nos próximos meses de outubro e novembro un programa formativo centrado na vitivinicultura. Os cursos propostos abranguen desde nocións básicas ata certificacións internacionais de recoñecido prestixio. As sesións están organizadas polo Concello de Ribadavia e a entidade Galicia.wine, en colaboración co Museo do Viño de Galicia, a Asociación Amigos do Museo Etnolóxico e Conxunto Histórico de Ribadavia (Amechir) e a Uned en Ourense.

A programación de cursos arredor da cultura do viño busca achegar a posibilidade de coñecer mellor tanto os viños galegos coma os do resto do mundo. Así, as primeiras sesións serán unha aproximación ó mundo do viño para logo ofertar tamén os primeiros niveis de certificación da Wine & Spirit Education Trust (WSET), unha organización con sede en Londres, estendida por todo o mundo, e que conseguiu converterse na referencia internacional na formación do viño.

O primeiro dos cursos será de iniciación á cultura do viño e impartirase os días 8 e 15 de outubro. Tamén está programado un seminario para os días 12 e 19 de novembro sobre as zonas clásicas de produción de viño de Europa (Francia, Italia e España).

Nestes cursos combínanse ideas teóricas con catas e dinámicas prácticas, para conseguir que o seu seguimento resulte sinxelo e ameno. A duración destes cursos é de 6 horas repartidas en dúas sesións. O número de viños a catar en cada curso será de 18. Os alumnos recibirán á finalización do curso un diploma acreditativo da Uned. A matrícula para estes cursos estará dispoñible a partir do día 9 de setembro na web da Uned Ourense.

Cualificacións Wset

Tamén se impartirán os primeiros niveis de acreditación Wset. A sesión de cualificación Wset de nivel 1 terá lugar o 19 de outubro, mentres que a do segundo nivel será os días 23 e 24 de novembro.

Os cursos Wset caracterízanse por estar orientados a un enfoque internacional do viño. Os exames son enviados dende Londres e corrixidos tamén alí. Nesta cualificación estudarán as principais variedades de uva no mundo e nas rexións nas que se cultivan. Os participantes abordarán os diferentes estilos de viño e os termos que os identifican nas súas etiquetas. A matrícula para os cursos Wset xa está dispoñible na web de Galicia.wine. As sesións serán impartidas por Jorge Vila, director de Galicia.wine e formador de Wine & Spirit Education Trust.

A programación formativa foi presentada nun acto celebrado no Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo, no concello de Ribadavia, onde tamén se impartirán os cursos. No acto participou a concelleira de Facenda e alcaldesa accidental do Concello de Ribadavia, Mari Luz Expósito; o director de Galicia.wine, Jorge Vila; o director da Uned en Ourense, Jesús Manuel García; o director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo do Viño de Galicia, César Llana; e a secretaria de Amechir, Rosa Fernández.

 

Cartel-Ribadavia-2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información