Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (III): o chícharo

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou este ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Comezamos a serie de cultivos de inverno co chícharo.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (III): o chícharo

Chícharo

O chícharo é un dos cultivos alternativos para cumprir co pagamento verde que establece a PAC e pódese facer unha sementeira de inverno, cara os meses de outubro-novembro, ou de primavera, cara os meses de febreiro-marzo.

Esta é a guía de cultivo do chícharo para ensilar que elaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Requirimentos de solo e fertilización:

O chícharo (Pisum Sativum) precisa de solos francos e lixeiros que non se encharquen, xa que se trata dunha especie sensible ao alagamento.

A sementeira precisa dun laboreo para obter unha cama de sementeira de granulometría pequena e homoxénea, cunha superficie nivelada para unha boa eficiencia na aplicación de herbicidas de pre-emerxencia, e tamén para facilitar a colleita. Adáptase a solos cun PH de entre 5,5 e 8.

Para unha produción de 5 toneladas por hectárea de materia seca e un solo con niveis medios de fertilidade en fósforo e potasio recoméndase aplicar en fondo 30 kg por hectárea de Nitróxeno, 60 kg de óxido de fósforo e 130 kilos de Óxido de Potasio. O chícharo é un cultivo capaz de fixar nitróxeno atmosférico polo que non é necesario achegar nitróxeno de cobertoira. Ademais, reduce as necesidades de abonado de N para cultivos posteriores como o millo.

Recomendacións de herbicidas

Para a aplicación de herbicidas é moi importante que o solo se atope sen restos vexetais na superficie. Materias activas de aplicación en pre-emerxencia son a Pendimetalina, o Linuron ou o Aclonifen. Como materias activas de aplicación en post- emerxencia recoméndase a Bentazona. En ensaios realizados no CIAM, cunha dose de sementeira de 200 graos por metro cadrado, a presenza de malas herbas na forraxe colleitada non foi superior ao 6% sobre mostra seca.

Elección varietal:

As características máis importantes a ter en conta son a tolerancia ao frío e a precocidade para axustala ao tipo de aproveitamento (gran ou forraxe) e á data de colleita. Tamén se debe ter en consideración a tolerancia ao encamado, xa que se trata dunha especie moi sensible ao encamado, polo que é importante coñecer a altura e o tipo de folla.

Existen variedades con foliolos abundantes e zarzillos pouco desenvoltos, afilas (sen foliolos e con zarzillos moi desenvoltos) ou variedades semiafilas (intermedias entre as outras dúas). Xeralmente, a maior desenvolvemento dos zarzillos, a resistencia ao encamado é maior.

Sementeira e data de colleita

É conveniente facela de maneira precisa en cantidade e en profundidade para ter unha uniformidade na nacenza e implantación do cultivo. A dose de sementeira recomendada polo CIAM para forraxe é de 200-250 grans por metro cadrado e para gran de 90 a 100 grans. É moi importante ter en conta o peso de mil grans para o cálculo da dose de sementeira, xa que existe unha gran variabilidade do peso de mil grans entre as diferentes variedades de chícharos. En concreto de entre 110 a 275 gramos.

Para o cultivo do chícharo de inverno a sementeira debe facerse durante o mes de outubro e ata novembro. A colleita para ensilado realizaríase neste caso entre os meses de maio e xuño e se é para grao en xullo e ata mediados de agosto.

De optar polo cultivo de primavera, sementaríamos o chícharo entre Febreiro e ata mediados de marzo. Neste caso, o ensilado en verde realizaríamolo durante o mes de xuño e ata mediados de xullo. De optar por cultivalo para grao, a colleita sería dende mediados de xullo ata finais de agosto.

A data de colleita recomendada para forraxe é no estado fenolóxico: dende o inicio da floración á aparición das primeiras vainas. Para gran débese recoller no estado de madurez fisiolóxica: 14% de humidade do gran.

Colleita para gran

Actualmente non existen datos no CIAM sobre a produción de chícharo para gran., Os rangos de produción de gran de todas as variedades de chícharos avaliadas no marco do Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce), agrupados en zonas agroclimáticas son: 2,5 a 2,9 toneladas por hectárea en terreos secaños áridos e semiáridos e de 3,9 a 4,9 toneladas en secaños húmidos, caso de Galicia. O gran de chícharo caracterízase polo seu alto contido de proteína (do 18 ao 28% en función da variedade) e enerxético (do 35 ao 48% de almidón) e o seu baixo contido en fibra bruta (do 4 ao 8%).

Colleita para forraxe

Na seguinte táboa móstrase o rango dos parámetros de produción e valor nutritivo observados en diferentes ensaios levados a cabo no CIAM, nos cales a forraxe de chícharo foi colleitada en datas nas que o estado fenolóxico da planta foi desde inicio floración (mediados de maio) á aparición de vainas (mediados de xuño), nunha sementeira a finais de novembro, cunha dose de 200 sementes por metro cadrado.

CHICHARO_cultivo_CIAM_CADRO

Autor: CIAM

Débese ter en conta a baixa ensilabilidade que presenta esta forraxe; é dicir, ten dificultade para fermentar correctamente debido aos baixos contidos en materia seca e azucres, polo que se recomenda realizar un presecado para incrementar os niveis de materia seca ata un valor mínimo do 25-30% de materia seca.

Para isto, abondaría cun presecado de entre 24 e 48 horas, con condicións meteorolóxicas favorables. Por iso, compre planificar adecuadamente as tarefas de ensilado, prestando especial atención ás condicións climáticas.

Descarga aquí a ficha completa do cultivo do chícharo. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información