Dez claves das axudas da nova PAC

O agro galego deberá cumprir novos requisitos para o cobro das subvencións europeas. Máis de 3.000 explotacións terán que cambiar o manexo dos seus cultivos, según estimacións do sector

Dez claves das axudas da nova PAC

As explotacións con máis de 10 hectáreas non poderán adicar máis do 75% da superficie a un so cultivo.

As axudas da Política Agraria Común (PAC), a principal vía de subvencións para as explotacións galegas, entran nunha nova fase no periodo 2015-2020, con novas normas e con cambios nos pagos que percibirán os gandeiros. Unha das principais novidades radica na introdución do chamado ‘pago verde’, que obrigará a unhas 3.000 explotacións galegas a cambios no manexo dos seus cultivos, según as estimacións de Medio Rural que manexa o sector.

A continuación desglosamos as principais claves das novas axudas, tanto para explotacións de leite como para gandeirías de vacún de carne. Esta información elaborouse principalmente coa colaboración do técnico de Gandeiría da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Carlos Ares, e do presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada.

1) Pago básico

A totalidade do pago único que percibían os produtores no anterior ciclo da PAC pasa agora a integrarse no pago básico. No caso dos gandeiros de carne con dereitos de vacas nutrices, o pago básico incorpora a maiores o 50% dos dereitos das vacas nutrices, dereitos que desaparecen, e tamén a prima complementaria.

O pago básico é concebido como unha axuda por superficie, xa que a cantidade total do pago básico divídese entre o número de hectáreas da explotación para dar lugar ós dereitos de pago básico, que serán dunha cantidade de cartos por hectárea. Para determinar o número de hectáreas da explotación analizaranse as declaracións do 2013 e do 2015 e escollerase a cifra menor.

2) Converxencia dos dereitos de pago básico

Coa nova PAC, Galicia queda dividida en 7 rexións que responden á heteroxeneidade da paisaxe agraria. Cada rexión terá un dereito de pago básico de referencia, que será unha media dos dereitos de pago básico que se abonan nesa rexión. No periodo 2016-2019, todos os dereitos de pago básico das explotacións de cada rexión terán que ir converxendo ano a ano cara ese valor de referencia.

É dicir, se unha explotación ten un dereito de pago básico por hectárea inferior á media da rexión, a cantidade que percibe irá mellorando de xeito progresivo. De igual modo, se a explotación ten un dereito de pago básico superior á media, terá que ir perdendo parte do dereito de pago básico, aínda que co límite de que en ningún caso se lle reducirá a cantidade que percibe en máis dun 30%.

As explotacións coñecerán a finais do 2015 os seus dereitos de pago básico e os importes dos mesmos. Do mesmo xeito, saberase entón cal é o dereito de pago básico medio na rexión. As rexións poderanse consultar na aplicación de solicitude da PAC.

Da cantidade que cobrarán as explotacións polas axudas da Política Agraria Común, arredor do 50% corresponderá ós dereitos de pago básico.

3) Os dereitos de pago básico son transmisibles

Desde finais do 2016, as explotacións poderán ceder, arrendar ou vender os dereitos de pago básico (con ou sen transmisión de terras). Eses dereitos poderán ser usados polas explotacións que amplíen a súa base territorial, pero a transferencia terá que producirse sempre entre explotacións da mesma rexión.

As transferencias terán unha retención do 30% salvo en determinadas circunstancias (se van acompañadas da venda ou arrendamento de terras, por transmisión a un agricultor que inicia a actividade ou por xubilación – cese da actividade).

4) Pago verde

A PAC abonaralle ós agricultores o chamado pago verde por prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente. Esas prácticas son de tres tipos: diversificación de cultivos, mantemento de superficies de interese ecolóxico e conservación de pastos permanentes.

4a) Diversificación de cultivos

Os produtores con menos de 10 hectáreas están exentos e cobran de xeito automático o pago verde. Tamén están exentas as explotacións que teñan alomenos un 75% das terras con pastos e pradeiras, sempre que o resto dos cultivos non exceda das 30 hectáreas, unha circunstancia que libera a boa parte das explotacións de vacún de carne en extensivo.

Os produtores con entre 10 e 30 hectáreas deberán ter dous cultivos e ningún deles poderá superar o 75% da superficie. No caso das explotacións lácteas cunha parte a millo e outra a herba, cumprirían co requisito sempre que presten atención ás porcentaxes de superficie de cada cultivo.

As explotacións que dispoñan de máis de 30 hectáreas deberán dispoñer de tres cultivos, o que nalgúns casos obrigará a buscar novos cultivos forraxeiros, como pode ser a veza, xirasol ou outros. Dos tres cultivos, ningún poderá superar o 75% e dous deles en conxunto non poderán sobrepasar o 95%.

O cultivo declarado para unha superficie deberá estar alomenos implantado durante dous meses ó ano. En caso de rotación de cultivos nunha mesma parcela, só se poderá sinalar un dos cultivos na parcela, polo que a rotación dentro da mesma parcela non conta como diversificación.

Ante estas esixencias, resulta conveniente unha axeitada planificación dos cultivos, xa que á hora de cubrir a axuda da PAC haberá que sinalar o cultivo que terá cada superficie. Se se incumpren as porcentaxes esixidas, a aplicación telemática da PAC emitirá unha alerta para advertir ó agricultor de que deberá modificar o seu plan se quere percibir o pago verde.

4b) Superficies de interese ecolóxico

Se o produtor declara máis de 15 hectáreas de superficie, deberá deixar alomenos un 5% para superficie de interese ecolóxico (barbeitos que estean alomenos 9 meses sen cultivos, ou cultivos fixadores de nitróxeno como a alfalfa, o chícharo ou a veza –sen avea-).

As explotacións extensivas de pastoreo, principalmente as de vacún de carne, tamén estarían exentas desta obriga nas mesmas condicións que no punto anterior (O 75% das súas terras deben estar a pastos e praderías).

4c) Mantemento de pastos permanentes

Os pastos catalogados como sensibles, que se marcarán no SIXPAC, non se poderán labrar.

Os datos de Medio Rural que manexa o sector indican que arredor de 3.000 explotacións deberán cambiar o manexo dos cultivos para cumplir coas esixencias do ‘pago verde’. Este pago será do 50% do pago básico. Por exemplo, se un produtor percibe 10.000 euros de pago básico, ingresará a maiores a metade desa cantidade (5.000 euros) en concepto de pago verde, sempre e cando cumpra cos requisitos anteriores.

5) Pagos acoplados á produción

En Galicia beneficiarán a explotacións de vacún de leite e de carne, así como ás gandeirías de ovino e cabrún.

5a) Pagos acoplados ó vacún de leite

Para estas axudas resérvanse algo máis de 90 millóns de euros ó ano, o que supón un avance en relación ós arredor de 60 millóns do periodo anterior. Os pagos faránselle ás vacas de máis de 24 meses. As 75 primeiras da explotación cobrarán o importe total da axuda, que se especula que poderá rondar os 140 euros por unidade; en tanto a vaca 76 e as seguintes cobrarán só o 50% da axuda. As explotacións que perciban estas axudas deberán ter entregas de leite.

5b) Pagos acoplados ó vacún de carne

Os dereitos por vacas nutrices desaparecen e xurden os pagos por vacas nutrices. Para optar a ese pago, as vacas deberon de parir nos 20 meses anteriores, en tanto que se admite ata un 15% de xovencas entre os 8 meses e o parto. Todos os animais suxeitos á axuda deberán estar presentes na explotación en catro datas de comprobación. Se se sacrifican ou venden antes da última comprobación, perderán a axuda. Estímase que a subvención rondará os 90 euros por animal.

En canto ás primas polo xato de cebo, estipúlase que os animais que vaian percibir a prima deberán pasar alomenos 3 meses na explotación. Se son vendidos a un tratante, non poden permanecer máis de 15 días no rexistro do tratante, xa que de ser así non serían primables na explotación de orixe.

Para as primas polo cebo de xatos, calcúlase un pago duns 33 euros por unidade no caso de xatos cebados na explotación de nacemento e de 11 euros por unidade para xatos cebados nunha explotación distinta á de nacemento.

6) Axudas para agricultores mozos

Os agricultores menores de 40 anos percibirán nos 5 anos seguintes ó da incorporación na actividade agraria un suplemento do 25% do pago básico. A axuda é válida tanto para os agricultores que se incorporen a partir de agora á actividade como para aqueles que o fixeron hai menos de 5 anos.

7) Réxime Simplificado para Pequenos Agricultores

O réxime simplificado é un sistema que se lle aplica ós produtores que perciben menos de 1.250 euros. Arredor dun terzo dos perceptores da PAC en Galicia entran de oficio no Réxime Simplicado de Pequenos Agricultores, uns 11.000-12.000 agricultores de entre algo máis de 30.000 perceptores.

Os agricultores en réxime simplificado teñen a vantaxe de menores trámites administrativos e inspeccións, así como de menores esixencias, xa que non se lles vai aplicar o pago verde nin lles vai afectar a converxencia do pago base. Tampouco terán penalizacións pola condicionalidade da PAC –un conxunto de requisitos que deben cumprir as explotacións-, aínda que si deben cumprir con esa condicionalidade.

Como desvantaxe, as explotacións en Réxime Simplificado non poderán optar ós pagos acoplados. As explotacións poden decidirse a saír do Réxime Simplificado, pero unha vez fóra xa non poderán volver a entrar.

8) Axudas polo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR)

8a) Axudas por manexo sostible de pastos (vacún de carne) e por extensificación en vacún de leite

Son as antigas axudas agroambientais, que últimamente se viñan chamando Contrato de Explotación Sustentable. Van dirixidas ás explotacións que fagan pastoreo, que deberán ter unha superficie mínima de 10 hectáreas e facer pastoreo alomenos no 75 % da súa superficie, entroutras condicións. Deberán estar asesoradas por unha entidade de aconsellamento para cumprir coas normas de condicionalidade da PAC.

8b) Indemnizacións Compensatorias

As indemnizacións compensatorias este ano permanecen como en anos anteriores, pero para anos próximos agárdanse cambios que en Galicia previsiblemente beneficien a parte das explotacións de leite.

9) Trámites da PAC

A PAC deberá solicitarse vía telemática a través dunha aplicación deseñada polo Ministerio de Agricultura. O prazo de solicitude este ano é do 1 de marzo ó 15 de maio. Poderá solicitarse a través de entidades financieiras, de entidades colaboradoras –caso por exemplo dalgunhas cooperativas-, e de entidades de aconsellamento. No caso de produtores con firma electrónica, tamén poderían optar por tramitar eles mesmos a solicitude.

10) A condición de agricultor activo e o mantemento da actividade agraria

Para cobrar a PAC, o agricultor deberá estar dado de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). No caso de percibir máis de 1.250 euros, deberá acreditar ademais que máis do 20% dos seus ingresos proveñen da actividade agraria.

A actividade agraria acreditarase mediante o cultivo de produtos agrarios ou o seu mantemento nun estado idóneo para o uso agrícola (por exemplo, executando rozas).

Máis información

A Xunta modifica o pago verde para que as ganderías aumenten a superficie a millo (1-II-2016)

Una idea sobre “Dez claves das axudas da nova PAC

  1. Eva Maria Alvarez Rodriguez

    Se quero poñer as vacas de carne o meu nome sen pagar o seguro agrario podese? Sempre e cando as poida poñer ,cantas como minimo teño que ter, e a que subencios teño dereito.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información