Corenta integrantes do proxecto europeo ‘Go Grass’ visitan en Lalín a Finca Mouriscade

O deputado de Reto Demográfico, Jorge Cubela, recibiu á delegación de persoas procedentes de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Romanía, Hungría e España, que seleccionaron a Finca Mouriscade como exemplo de boas prácticas na transformación do rural

Corenta integrantes do proxecto europeo ‘Go Grass’ visitan en Lalín a Finca Mouriscade

Un grupo de corenta integrantes do consorcio do proxecto europeo Go-Grass procedentes de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Romanía, Hungría e España, vén de visitar as instalacións da Finca Mouriscade, en Lalín. A Finca, dependente da Deputación de Pontevedra, foi seleccionada como exemplo de boa práctica na transformación do rural.

Na recepción dos visitantes, o deputado de Reto Demográfico, Jorge Cubela, remarcou o compromiso do goberno de Luis López co “impulso, modernización e revalorización do sector primario, un dos motores económicos fundamentais do interior da provincia”.

“Mouriscade é, para nós, manifestación viva da importancia que ten para esta institución, para este goberno, a contorna rural e o sector primario desta provincia”, asegurou o deputado provincial. “Sabemos -subliñou o responsable de Reto Demográfico da Deputación- que a loita contra o despoboamento do rural vai da man, entre outras moitas iniciativas, da aposta polo sector primario e neste sentido imos traballar, tendendo pontes co tecido privado e outras entidades públicas para xerar oportunidades na provincia”.

Cubela tamén recordou que o orzamento da Deputación de Pontevedra para o 2024 contempla un incremento do 1,4% na partida destinada á Finca Mouriscade, para seguir avanzando na transformación do sector primario.

A Finca Mouriscade foi elixida a través da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, membro do consorcio do proxecto europeo Go-Grass, como centro demostrativo pola súa implementación de tecnoloxías de circularidade na cadea de valor levadas a cabo na planta de biogás.

O grupo representante do consorcio, que agrupa universidades, centros de investigación, empresas e gandeiros fixo un percorrido pola gandería, o laboratorio e a planta de biogás de Mouriscade.

Go-Grass trátase dunha iniciativa para transformar o panorama rural europeo que traballará nos próximos catro anos para desenvolver modelos de negocio efectivos e circulares na contorna rural europea. O seu obxectivo é dinamizar as comunidades rurais desenvolvendo solucións de base biolóxica a pequena escala para desbloquear o potencial dos pastos de Europa e crear novas oportunidades de negocio nas zonas rurais do continente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información