Convocan as axudas para repoñer explotacións agrícolas, gandeiras e forestais danadas polos incendios deste mes de xullo

A orde publícase hoxe no DOG e conta cun orzamento de 4 millóns de euros, dos que 2 millóns destinaranse para as explotacións forestais e outros 2 para as agrícolas e gandeiras, a distribuír entre os anos 2022 e 2023. As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes dende este sábado

Publicidade
Convocan as axudas para repoñer explotacións agrícolas, gandeiras e forestais danadas polos incendios deste mes de xullo

Colmeas afectadas polos lumes.

Administración convocante: Consellería de Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220729/AnuncioG0426-280722-0005_gl.html

Prazo: Ata 31/08/2022

Resumo:

A Consellería do Medio Rural destina un total de 4 millóns de euros ás axudas de apoio para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos incendios deste mes de xullo. A orde, coas bases e convocatoria, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

No caso das explotacións forestais, subvencionarase a reposición das infraestruturas privadas situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Ademais, tamén haberá axudas para sufragar as perdas de madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial xunto aos traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública nas zonas afectadas polos lumes.

Presentación de solicitudes

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes).

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día de mañá, 30 de xullo. No relativo á xustificación das axudas, o prazo para executar e xustificar as achegas concedidas para a reposición de explotacións forestais remata o 15 de novembro de 2022 para os gastos e investimentos deste ano, e o 31 de xullo de 2023 para os correspondentes ao ano próximo. Mentres, o prazo para executar e xustificar as axudas concedidas para a reposición de explotacións agrícolas e gandeiras remata o 15 de novembro de 2022 para os gastos e investimentos deste ano, e o 28 de abril de 2023 para os correspondentes ao ano que vén.

Orzamento

O orzamento total para estas axudas será de 4 millóns de euros, 2 millóns para as explotacións forestais e outros 2 millóns para as agrícolas e gandeiras. No relativo ás primeiras, destinaranse 750.000 euros neste ano 2022 e 1.250.000 euros no 2023, mentres que nas segundas o presuposto será de 1.500.000 euros neste ano e 500.000 euros no 2023.

Esta liña de axudas forma parte do paquete de 9 millóns de euros anunciado esta semana no Consello da Xunta para facilitar a reparación dos danos orixinados polos lumes.

-Consulta aquí a orde das axudas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información