Quen debe protexer aldeas e vivendas dos lumes?

Propietarios forestais e comunidades de montes emprazan á Xunta a asumir a xestión pública das faixas de seguranza. Consideran que o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais persiste en “criminalizar ó propietario”

Quen debe protexer aldeas e vivendas dos lumes?

Faixa de seguranza libre de biomasa arredor dunha aldea da Costa da Morte. / Arquivo.

O rural galego presenta unha vulnerabilidade crecente ante os incendios forestais por factores como a perda de poboación en amplas zonas do interior, o envellecemento e a redución da actividade agrogandeira. En definitiva, hai unha menor actividade sobre o territorio, o que leva a que se perda a protección natural que proporcionaban prados e terras de labor en torno aos máis de 30.000 núcleos de poboación que ten Galicia. Ante este escenario, colectivos como a Asociación Forestal de Galicia (AFG) ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) avogan por declarar de utilidade pública a intervención nas faixas de seguranza, como medida de protección civil fronte ós incendios forestais.

Ambos colectivos, que representan a propietarios forestais e comunidades de montes, entenden que a futura Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais de Galicia, da que a Xunta presentou un anteproxecto, é a ocasión para buscar unha solución realista de seguridade cidadá ante os lumes, que están a agravar os seus riscos polo cambio climático. Esa solución -entenden- pasa por que a Administración asuma a responsabilidade do mantemento das faixas de seguranza arredor de núcleos de poboación.

Situación lexislativa
A actual Lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais de Galicia e o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais manteñen un enfoque que os colectivos forestais consideran “errado”, pois cargan co custo do mantemento das faixas a comunidades de montes e propietarios forestais, “ós que se lles pide que financien do seu peto medidas de protección civil para garantir a seguridade colectiva”.

A Asociación Forestal de Galicia insiste en que non é de recibo que se lles pida a propietarios e comunidades de montes que financien a seguridade pública. “O anteproxecto da Lei afonda ademais na montaxe dun sistema punitivo orientado a culpabilizar a propietarios forestais e comunidades de montes, pois prevense multas coercitivas, multas punitivas, execución subsidiaria de traballos de prevención, repercusión de gastos de extinción en terreos afectados polo lume (con carga de biomasa) e mesmo expropiacións, no caso de que o valor dos traballos executados supere ós da propiedade”, enumeran.

Estas esixencias lexislativas e ameazas de sancións “pecan de falta de realismo” -ao entender da Asociación Forestal de Galicia-. “Pode comprobalo a propia Administración nas máis de 295.000 hectáreas de monte que xestiona en virtude de convenios ou consorcios con comunidades de montes e propietarios. De manterse esta liña lexislativa -afirman- a propia Xunta de Galicia estaría incorrendo en graves responsabilidades nas superficies forestais de xestión pública, ante calquera falla no cumprimento das disposicións preventivas de lumes”.

Ordenación do territorio
Os colectivos de propietarios advirten ademais de que a lexislación premia a desorde urbanística, “pois responsabiliza ós propietarios forestais da defensa de vivendas e construcións sen licencia que invaden zonas forestais ou o seu perímetro”.

Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia empraza á Administración a buscar solucións prácticas de consenso co conxunto do sector forestal.

A cuestión é que Galicia ten arredor de 85.000 hectáreas en zona de interface urbana – forestal, as chamadas faixas secundarias de seguranza, sen ter en conta as faixas primarias e terciarias arredor de vías e comunicación e de camiños e pistas forestais.

No caso das faixas secundarias, pódese estimar que arredor dun 30% delas precisa de rozas periódicas, en tanto o resto da superficie estase a manter despexada pola actividade agraria e gandeira. O custo da roza dese 30% de faixas secundarias que o requiren roldaría uns 32 millóns de euros anuais, segundo estiman desde Asefoga.

Os colectivos forestais apunta que boa parte destas franxas que precisan de roza correspóndense con parcelas minifundistas, con escasa superficie e, con frecuencia, faltas de xestión por ese mesmo minifundismo.

Sistema público de xestión da biomasa de terreos rústicos incluídos en faixas secundarias
O sistema público de xestión de biomasa actualmente en vigor dende 2018 vén regulado na propia Lei 3/2007 de prevención de incendios de Galicia. Engloba á Consellería de Medio Rural, á Federación Galega de Municipios e Provincias e á empresa pública SEAGA como órgano instrumental para a execución dos traballos de mantemento nas faixas. Actualmente agrupa a 273 dos 315 Concellos de Galicia e conta cun orzamento anual de 12.250.000 euros.

As intervencións que contempla este convenio para os concellos adheridos son de dous tipos:

  1. Execucións subsidiarias en parcelas de descoñecidos e propietarios que non compren en prazo e forma as súas obrigas de xestión. Hai un tope de 10 ha por concello, polo que esta parte do Convenio interviría en 2.730 ha.
  2. Execucións a través de convenio con persoas propietarias para a execución dos traballos de mantemento, unicamente nas 154 parroquias clasificadas como prioritarias, e que suman 10.287 ha totais, das que 1.378 ha (13 % do total) subscribiron convenio os seus propietarios a través dos concellos, para a roza das súas faixas, a un custo bonificado para as persoas propietarias de 350 euros/ha.

Na actualidade, apuntan as asociacións de propietarios, só se lle está a dar unha solución de xestión pública ás faixas de 154 parroquias declaradas de alta prioridade polo risco de incendio. Nestas parroquias, os propietarios poden acceder a unha roza dos seus terreos a un prezo bonificado de 350 euros / hectárea, que se pode estimar, como media, que representa un 25-30% do prezo real dos traballos.

“Esta situación representa unha grave discriminación en relación ó resto de propietarios e comunidades de montes veciñais de Galicia, polo que cómpre que a Xunta busque unha solución de xestión pública para o conxunto de faixas de seguranza”, pecha a Asociación Forestal de Galicia.

Acusan á Xunta de “criminalizar á sociedade” polos lumes forestais

Outro colectivo que se pronunciou por medio dunha nota de prensa contra o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais é a Organización Galega de Comunidades de Montes, que considera que a Consellería do Medio Rural está a criminalizar á sociedade, e en particular ás comunidades de montes, ante posibles incendios.

“O anteproxecto da Lei especifica que as comunidades de montes poden ser sancionadas cando se produza un lume nas súas terras, aínda que o lume sexa provocado por terceiros”, argumentan.

En lugar dun sistema baseado en sancións, a Organización Galega de Comunidades de Montes propón que a Consellería impulse medidas para promover un monte veciñal multifuncional e chama a combatir o que considera causas estruturais dos lumes: “monocultivos forestais con especies de crecemento rápido, desordenación das masas boscosas ou abandono do rural e despoboación, entre outras”.

Outra cuestión na que incide a Organización Galega de Comunidades de Montes -tamén advertida polo Colexio de Xornalistas de Galicia- é a posible limitación á liberdade de información que introduciría a nova Lei.

“O anteproxecto semella apuntar implícitamente ós datos oficiais da Administración como única fonte posible en materia de superficies queimadas”, advirte o Colexio de Xornalistas. O texto establece que se perseguirá a comunicación de “feitos e datos falsos” sobre os incendios, pero queda na indefinición o que se poden considerar feitos e datos falsos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información