Convocadas as axudas para estancias formativas de mozos agricultores

Nos próximos días abrirase o prazo para presentar as solicitudes. As estancias nas explotacións agrarias e gandeiras prolongaranse ata finais de marzo de 2022

Convocadas as axudas para estancias formativas de mozos agricultores

O programa de estancias formativas permite a gandeiros mozos coñecer como traballan explotacións modélicas. // Foto de arquivo.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de publicar as bases reguladoras das subvencións do Programa Cultiva, que permite as estancias formativas de novos agricultores en explotacións modelo, así como a convocatoria de axudas para o ano 2021.

O Programa Cultiva 2021, coñecido popularmente como Erasmus agrario, conta cun orzamento de 1 millón de euros para a organización de estancias de entre 5 e 14 días que contribúan á transferencia de coñecemento e á formación práctica dos mozos profesionais agrarios.

Nos próximos días abrirase o prazo de solicitude das subvencións para entidades de ámbito nacional representativas e vinculadas co sector agrario destinadas á organización de estancias formativas en explotacións modelo do Programa Cultiva 2021. As entidades interesadas terán 20 días hábiles para presentar a súa solicitude a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

Poderán participar as organizacións profesionais agrarias de carácter xeral e ámbito estatal, así como calquera entidade, asociación ou organización representativa dos sectores agrícola ou gandeiro de ámbito nacional sen ánimo de lucro. Estas entidades serán as encargadas de identificar as explotacións modelo de acollida e deseñar as estancias e os programas formativos, así como de preparar, xestionar e coordinar loxisticamente as estancias.

Estas entidades terán que acompañar a súa solicitude cun plan de estancias formativas co conxunto de explotacións modelo de acollida e as estancias programadas en cada unha delas. Este plan será de carácter suprautonómico e debe incluír explotacións con mulleres á fronte das mesmas. Ademais, todas as explotacións agrarias de acollida terán que estar vinculadas á entidade que as presente e ser modélicas desde o punto de vista da innovación, os medios produtivos, o modelo de negocio ou as características sociais, ambientais ou climáticas.

O conxunto dos plans presentados polas entidades solicitantes conformarán o Catálogo de Estancias Formativas de 2021 e será a base para a selección de estancias por parte dos novos agricultores e gandeiros.

Este ano poderán participar no Programa Cultiva aqueles mozos profesionais instalados por primeira vez na actividade agraria como responsables de explotación en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016 e que teñan menos de 41 anos no momento da súa incorporación ao sector. Na asignación das estancias formativas priorizaranse os mozos máis recentemente instalados, as mulleres agricultoras e gandeiras e aqueles que non participasen no programa do ano pasado.

As estancias formativas empezarán a desenvolverse no cuarto trimestre deste ano e estenderanse até o 31 de marzo de 2022. Toda a información sobre o Programa Cultiva 2021 pódese consultar no espazo de Mozos Rurais na web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información