Mazás e abellas en Boborás, unha combinación en beneficio mutuo

Visitamos a plantación de maceiras de Ouro de Feás e as colmeas de Mel da Alborada, dous proxectos que comparten espazo, o monte veciñal de Ventosa

Publicidade

Unha plantación de maceiras con dous colmeares nun monte comunal de Ventosa (Boborás, Ourense) centrada na produción ecolóxica de mel e mazás. Así é a colaboración que xurdiu da man de Ouro de Feás (Manuel Lastres e Sergio Rey) e Mel da Alborada (Daniel Caiña), que nos explican como naceu esta iniciativa e os puntos clave do seu traballo.

No ano 2019, Manuel Lastres e Sergio Rey, veciños de Meaño e Vilanova de Arousa respectivamente, comezaron coa súa empresa “Ouro de Feas”, plantando mazá para sidra e mesa en ecolóxico nunha finca de 22 hectáreas situada a 600 metros de altura en Ventosa.

Cando estaban acondicionando a finca, contactou con eles Daniel Caiña, bombeiro, apicultor e veciño de Boborás, establecéndose unha relación de amizade. Desta amizade xurdiu a idea de copiar un modelo que xa viran en varias plantacións, abellas e maceiras coexistindo nas mesmas fincas. O resultado desta colaboración é un beneficio mutuo, mazás e mel dunha calidade e características organolépticas óptimas e un 15-20% máis de produción.

Os inicios do proxecto
“Estabamos buscando terreos grandes e Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, púxonos en contacto coa comunidade de veciños de Ventosa, a aldea na que se sitúa a plantación, chegando ao acordo dun arrendamento por 30 anos no seu monte comunal. Era monte que estaba moi abandoado e ao que non lle sacaban proveito, pois ademais tiveran incendios”, conta Manuel.

A execución da plantación levou consigo un importante traballo:”Houbo que subsolar o chan cun bulldozer, executamos un peche perimetral… Pedimos algunhas axudas para peches, pistas, cortalumes,pero non recibimos ningunha axuda económica. En Galicia, hai axudas para outro tipo de plantacións pero non para as plantacións de maceiras. Tamén fixemos analíticas do terreo, para saber como estaba a nivel de nutrientes. Como a terra tiña un exceso de acidez decidimos contrarrestalo con cal para que as raices creceran mellor. ”, di Manuel.

Sobre o estado do monte, Daniel aclara que “era unha zona de matorrais, había moita silva, moito toxo, estaba bastante boscosa. O que houbo que facer foi un acondicionamento previo, desbrozar todo, remover a terra, e unha vez que a terra estaba osixenada, plantouse de forma sectorizada. Tamén se fixo un gran traballo perimetrando e cerrando a finca con postes e con telas para protexela de animais como o corzo ou o xabarín, que poderían entrar a comer os froitos”.

“Ademais, creamos pistas, sempre respectando a orografía do terreo. En definitiva, o que buscamos é colaborar co medio ambiente e coa agricultura, poñer en valor as aldeas e montes abandonados… Limpar, facer cortalumes, traballar de forma totalmente natural”, sinala Daniel.

As maceiras está nos primeiros anos de produción.

As maceiras están nos primeiros anos de produción.

Ouro de Feás: Mazás á carta
Os impulsores da plantación de maceiras, Manuel e Sergio, decidiron plantar 11 das variedades de mazá máis demandadas no mercado nacional, que son: Madiedo y Amariega (amargas), Raxao, Regona y Durona de tresali (ácidas), De la Riega, Carrió y Collaos (semiácida), Verdialona y Paragües (dulce), y Florida y Carrió (mixtas).

Fixérono de forma sectorizada, para poder ter un control total e poder servir as variedades específicas que busque cada cliente. O manexo límitase a abono orgánico ecolóxico, desbrozado e poda. A plantación está inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega.

O proxecto está aínda nas súas primeiras fases, pero en canto ao mercado da mazá, Manuel asegura que, polo que escoita no sector, o prezo ao que se paga o kilo de mazás en Galicia “a penas cubre gastos de produción”.

“Resulta moi complexo facer unha estimación da produción, pois ata dentro de 2-3 anos non teremos suficiente produción como para poder comercializar a mazá, pero cada maceira pode dar entre 200 e 60 kg, dependendo de varios factores, como a vecería, que é a tendencia a dar unha produción máis pobre nos anos pares. É moi complexo de contrarrestar, pero pódese facer algo con certos sistemas de poda e abonado que pretendemos implantar aquí”, aclara Manuel.

Outra mellora chegará das colmeas colocadas por Daniel no monte, que contribuirán a unha mellor polinización: “As mazás acadan un maior tamaño, pel máis crocante, cor máis intensa, conservan o seu punto de acidez mellor e teñen alto índice de azúcar, podendo aumentar a produción entre un 5 e 15%”.

“Todo isto débese tanto ao beneficio que lles aporta a polinización das abellas como ás características da finca, orientada ao sur e co norte tapado, protexida de temporais e totalmente exposta ao sol, a 600 metros de altura e con notables oscilacións térmicas. A polinización das abellas e as características da finca outórganlle ás mazás unha calidade excepcional”, destaca Daniel.

Mel da Alborada: mel de calidade e variedade de productos
Respecto ao mel e ás abellas, o que se consegue na plantación de maceiras é un crecemento temperá dos enxamios e a posibilidade de obter un mel monofloral, que o propio apicultor recoñece que será dificil, pois trátase dunha finca rodeada dunha gran variedade de fontes de mel, como a silva, castiñeiro, carballo, carrasco… Trátase dunha “paraxe virxe” que facilita a produción dun mel de calidade.

De cara ó futuro, valoran crear un selo relacionado coa zona de Boborás e tamén incorporarse á IXP Mel de Galicia, cunha liña de produción ecolóxica e outra convencional.

En canto ás variedades de mel que traballan, a idea é dirixirse cara o mel de sabor máis forte, que sería o mel de castiñeiro e o de carrasco, ben en meles monoflorais ou multiflorais. Nas últimas análises que fixeron do mel, o resultado foi un 78% de castiñeiro, excepto un colmear que teñen apartado a modo experimental, que saiu un 70% de carrasco.

Ademais do mel, tamén comercializan outros produtos primarios das colmeas como a tintura de propóleo, os propios panais de cera, o pole seco, así como licores e botes nos que combinan o mel con froitos secos da zona: noces, améndoas e castañas.

Daniel pensa que colocar o mel a nivel nacional resulta máis complexo que a nivel autonómico ou internacional. Asegura que en Francia, Suiza ou Alemaña, por exemplo, valórase moito o mel galego e o prezo pode triplicar o que se paga en España. Na súa opinión, deberíase estandarizar un mínimo de 10 euros polo bote de kilo de mel, menos diso pensa que non compensa para o apicultor.

Daniel explica que “o noso obxectivo é ir medrando pouco a pouco e chegar a ter unha produción de miles de kilos.A idea é expandir os nosos produtos a nivel internacional. Para isto, interesaríanos crear un selo de garantía da nosa zona (Boborás), ademáis de levar a etiqueta da IXP Mel de Galicia. Coas mazás a filosofía é a mesma”.

Loita biolóxica con aves
Nesta zona xa había aves,pero colocando caixas, os produtores favorecen o seu aniñamento na finca.

Esta idea sacárona dalgunhas plantacións profesionais que visitaron e nas que viron que facían isto para combater certas plagas. “Contra o pulgón e o verme o único control é o biolóxico, as mariquiñas, os paxaros… Realmente ainda non tivemos ningunha plaga significativa, só pequenos casos illados, pero o que está claro é que nos interesa que se autorregule o medio e intervir o menos posible” recalca Manuel.

A velutina é outro dos graves problemas ós que se enfrontan de cara ó futuro.

Caixa niño nunha árbore.

Caixa niño nunha árbore.

Plan de traballo
“O traballo de campo na colmea queremos seguir facéndoo igual, como se fixo toda a vida, con afumador, con pinzas… traballar sempre de xeito natural coas colmeas. Despois, no proceso de extracción si que valoramos mecanizar porque é moito máis rapido desopercular a máquina que a man. Ese sería o único proceso que poderíamos chegar a mecaniza” conclúe Daniel.

Pola súa banda, Manuel declara que “actualmente as maceiras son moi pequenas e podemos facer todos os procesos nós mesmos coas nosas propias mans, planta por planta, tanto abonado como poda. Co tempo, cando as maceiras medren, será inevitable mecanizar estes procesos e outros”.

Ademais, tamén teremos que contratar a xente para que nos axude no mantemento da finca, e iso nos pon frente a outro dos grandes problemas no rural actualmente: a falta de man de obra. Tamén será necesario instalar unha estación meteorolóxica para poder rexistrar os datos de forma seria e un sistema de rego automático centralizado. Son grandes investimentos, pero necesarios”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información