Ampliado ata o 15 de xuño o prazo para presentar a solicitude única da PAC en Galicia

Establécese tamén que, unha vez finalizado este prazo, os solicitantes poderán modificar a solicitude ata o 30 de xuño incluído

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía ata o vindeiro día 15 de xuño o prazo de presentación da solicitude única das axudas da Política Agraria Común (PAC). Ademais, establécese tamén que, unha vez finalizado este prazo, os solicitantes poderán modificar a solicitude ata o 30 de xuño incluído.

Estas e outras modificacións na lexislación da PAC introdúcense tanto por esixencias técnicas como pola adecuación á nova normativa de aplicación. Así, tense en conta o Real Decreto 4/2023, do 11 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes fronte á seca e as consecuencias da invasión rusa de Ucraína. Esta norma regula unha adaptación de diversos prazos e condicións para a campaña 2023 da PAC que, en particular, afecta aos prazos de presentación e modificación da solicitude única na presente campaña.

Realízanse ademais unha serie de cambios no reparto de axudas supeditados á aprobación por parte da Comisión Europea

Ademais, a consecuencia do proceso de xestión da primeira modificación do Plan Estratéxico da PAC,múdanse dous artigos da orde coa finalidade de que a degresividade poida aplicarse sen deixar ningunha superficie comprometida sen axuda. A maiores, tamén se modifica outro artigo para aliñar os compromisos da axuda cos obxectivos da agricultura ecolóxica, polo que se elimina o compromiso de comercialización. En todo caso, a disposición adicional quinta da orde da PAC condiciona o disposto nela a que a Comisión Europea dite a decisión de aprobación desta modificación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información