“Estas vacas son moito máis fortes, moito máis duras e necesitan moitos menos coidados especiais. Son vacas que paren, empreñan e dan leite. Non dan problemas, polo que o traballo é moito máis simple e rutinario. Con elas gañamos en rendibilidade económica na explotación pero, sobre todo, gañamos tranquilidade e calidade de vida, tanto nós coma os nosos traballadores”.
Así resumen Ramón Lamas e Susana Vázquez o cambio producido na súa granxa, Condado SL, ubicada no lugar da Piñor, na parroquia de Santa Leocadia, no concello de Castro de Rei, desde que hai 6 anos decidiron cambiar a estratexia reprodutiva da explotación, inseminando con touros de raza montbeliard e rojo sueco.
Empezamos con moito medo e cunha gran presión en contra do noso entorno
“Empezamos con moito medo e cunha gran presión en contra do noso entorno. Viñamos de ser durante dous anos a granxa a 2 muxiduras con máis produción por vaca de Galicia e tiñamos medo de perder todo ese traballo de mellora xenética que fixeramos”, recoñecen.
Sen embargo, ese medo enseguida desapareceu porque “para ter boas vacas cruzadas tes que ter primeiro boas vacas puras”, defende Ramón. “Aquí nótase a xenética da casa, nós tiñamos moi boas vacas holstein, ao que se engade o vigor híbrido que aportan os cruzamentos”, di.
Durante dous anos Condado SL foi a gandería a dúas muxiduras con máis produción media por vaca de Galicia
No ano 2011 a explotación de Ramón e Susana acadara os 13.379 kilos de produción media. Ao ano seguinte repetía podio, cun total de 13.299 kilos, ao 3,72% de graxa e 3,15% de proteína.
Hoxe, co 60% das súas vacas xa cruzadas, Condado segue manténdose no top ten por produción a dúas muxiduras da provincia de Lugo (é sexta). Na última memoria publicada, a do 2021, logrou unha produción media en Control Leiteiro de 13.549 kilos, cun 4,44% de graxa e un 3,44% de proteína.
“Para min son vacas máis rendibles, porque a nivel de produción mantéñense ao nivel das outras, mesmo con máis sólidos, gastas menos nelas e dan menos que facer”, describe.
Hai moitos menos imprevistos e problemas. Iso facilítache a vida, tanto a nós como aos nosos traballadores
Este é un aspecto fundamental para Ramón, pois permítelle ter máis tempo para dedicar á súa familia. “Se tes algo programado o normal é que poidas facelo sempre. Hai moitos menos imprevistos e problemas. Iso facilítache a vida, tanto a nós como aos nosos traballadores. De feito, cando empezamos a cruzar, os propios empregados foron os primeiros que dixeron que non querían máis frisonas”, lembra.
En Procross desde o 2017
Condado SL conta a día de hoxe con 220 animais, dos que 130 son vacas en muxidura. Ramón foi antes camioneiro e no ano 2000 incorporouse á gandería que tiñan os seus pais, unha pequena explotación cunhas 20 vacas en produción nun establo trabado, que agora reformou para a recría.
No 2006 construíron a nova nave de produción, que dobraron no 2015 e a súa intención é estabilizar a granxa no número de cabezas actual, incrementando lixeiramente o gando en produción e reducindo as necesidades de recría.
O 100% da recría e o 60% das vacas adultas son xa procross
O 100% das xatas e o 60% das vacas adultas son xa cruzadas, un sistema no que comezaron no Nadal de 2017 traendo 11 vacas procross de Holanda, 3 paridas e o resto sen parir. Delas, as 11 chegaron á segunda lactación e 9 á terceira. “Iso ata empezar a cruzar eu nunca o vivira na explotación, porque de 9 xovencas que che parían o normal era que chegaran 4 como moito á segunda lactación”, di.
“Tiñamos vacas moi boas e moi produtivas pero moitas veces parían a primeira vez e xa non eramos capaces de volver a empreñalas e se o lograbamos era despois de moitos intentos, polo que as lactacións se alongaban moitísimo, co que iso conleva: vacas moi gordas ao secado e os conseguintes problemas de retención de placenta e desprazamento de abomaso”, describe.
“Froito de varias visitas a granxas procross por diversos lugares decidímonos a probar. No 2017 empezamos a inseminar. Foi unha decisión consciente e meditada porque nalgunha das granxas que visitamos as condicións non eran favorables, ao contrario, e sen embargo os datos eran inmensamente mellores ca os nosos”, lembra.
Ao empezar a cruzar enseguida vimos que os datos melloraban
Condado comezou a hibridación cruzando as vacas que tiña no establo con montbeliard e pouco a pouco foi estendéndoa tamén ás xovencas, que xa son todas cruzadas. “Neste momento quedan unhas 50 vacas adultas holstein, pero a recría é toda cruzada”, explica. Ao mesmo tempo, nunha fase de crecemento que tivo a explotación, incorporou gando procedente de granxas Procross de Holanda e Aragón.
Problemas de fertilidade
Ramón describe un panorama frecuente en moitas granxas de leite: “O grave problema que tiñamos aquí era de fertilidade, os datos reprodutivos eran moi malos e a taxa de reposición era case insoportable”, recoñece.
O grave problema que tiñamos aquí era de fertilidade, os datos reprodutivos eran moi malos e a taxa de reposición era case insoportable
“Antes téñense ido de aquí vacas espectaculares en produción pero que non empreñaban, que estaban en 800 días en lactación e non había máis remedio que mandalas. Agora nas cruzadas aos 40 días de parir moitas sáeche xa en celo, xa a inseminamos e xa empreñan”, di.
“Aquí o tema de poñer hormonas practicamente desapareceu por completo. Máis do 90% é celo natural. Podes pinchar algunha que che sae baleira no control reprodutivo, que facemos os mércores, pero non para que saian en celo a primeira vez”, explica.
Redución de gasto en medicamentos
Asegura ademais que “as procross engraxan menos que as holstein” porque aínda que teñen máis masa corporal, “é músculo, non é graxa”, aclara, polo que os problemas postparto diminuíron.
“As cetoses e hipocalcemias desapareceron case por completo, o que evita tratamentos e gastos en suplementos. Antes a todas as vacas se lles poñía o bolo de kestone, agora nas procross non é necesario, só llo poñemos ás holstein”, explica.
O ciclo de antibióticos no que entraramos coas frisonas non conduce a nada
A incidencia de mamites tamén baixou pero, aínda así, di Ramón, “os gastos na comercial veterinaria caen case sempre do lado das frisonas”. Condado SL fai secado selectivo desde fai xa bastantes anos e recoñece que as vacas Procross levan menos antibiótico en comparación coas holstein. Para axudarlles a baixar ao leite separan as vacas a secar e cámbianlles a alimentación. O habitual é que ao terceiro día xa poidan secar, pero nalgún caso danlles mesmo 4 e 5 días de marxe para que a baixada sexa progresiva.
Vivir mellor
Seis anos despois, Ramón está plenamente convencido da decisión que tomou no seu momento: “Mantivemos as medias de produción, incrementando graxa e proteína, e logramos mellorar moito no aspecto reprodutivo, que é facilmente cuantificable; pero tamén en moitos outros aspectos, como na saúde xeral do rabaño, porque hai moita menos prevalencia de enfermidades; no manexo, que é moito máis sinxelo; e na carga de traballo”, di.
A problemática da granxa diminuíu moitísimo e iso facilítache o traballo diario
A explotación aténdena habitualmente entre el e dous empregados. A súa muller, Susana, cubre as libranzas dos traballadores, que sempre descansan un día en fin de semana. “Os horarios son levadeiros: de 7 e media da mañá a 12 e media do mediodía e de 6 da tarde a 9 e media da noite e as fins de semana menos. Procuramos deixar o traballo adiantado, por exemplo, deixamos encamado do venres para que non haxa que encamar a fin de semana, as xatas tamén estradas, para atender só a muxir e á alimentación”, explica.
Pero isto é posible, di, “porque a problemática diminuíu moitísimo, non chegas e tes vacas tiradas, por exemplo, nin ese tipo de problemas que dificultan moito o traballo diario”. Hai moita menos prevalencia de enfermidades e iso facilítache moito o manexo do rabaño no día a día, porque as vacas son máis duras e dan moito menos que facer. Isto é outra historia, é outra maneira de traballar completamente distinta”, asegura.
As vacas Procross dan unha cousa moi importante para nós pero moi difícil de cuantificar, que é calidade de vida. Iso é moi difícil de ver nunha gráfica
“As vacas Procross dan unha cousa moi importante para min pero moi difícil de cuantificar, que é calidade de vida. Iso é moi difícil de ver nunha gráfica”, insiste. Aínda que os resultados económicos marcan o devir da explotación, Ramón e Susana valoran eses outros aspectos, como ter calidade de vida. E quérena tanto para eles como para os seus empregados. “Queremos que os nosos traballadores vivan tamén mellor para que estean máis contentos con nós”, conclúen.
Amamantadora para a recría
Tamén as xatas pequenas son máis ávidas á hora de mamar, polo que son máis independentes e non requiren tanta axuda inicial. “Aos 3 ou 4 días xa as pasamos á amamantadora e saen adiante sen ningún problema”, conta Ramón.
Destetan aos 84 días e Ramón considera que as amamantadoras serven para acelerar o crecemento das becerras, pero “non poden estar saturadas, nin tampouco infrautilizadas”. “Se teñen poucos animais tampouco van ben. A miña experiencia dime que funcionan mellor se teñen máis tráfico e se hai animais pequenos mesturados con outros un pouco máis grandes, porque así nunca queda leite parado nas tuberías, porque se unha xata máis pequena non esgotou o crédito que tiña marcado entra unha máis grande e acábao”, asegura.
Coa amamantadora aforramos unha hora de traballo diaria
Na programación das curvas de lactación procura un ascenso rápido da inxesta ao principio e un descenso moito máis escalonado de cara ao destete. Aos 10 días chegan a tomar máis de 8 litros e aos 30 días 12 litros para comezar a descender a partir dos 2 meses.
A amamantadora conta cun cercado de 30 metros cadrados para asegurar unha superficie mínima de 3,5 metros cadrados por animal e para minimizar os contaxios estableceron un plan sanitario específico que inclúe vacinar de diarrea ás nais e intranasal ás xatas cando pasan á amamantadora. “O principal risco da amamantadora é a neumonía porque se tes un caso ao mamar todas da mesma tetina pode contaxiarse ao resto”, recoñece Ramón.
Angus e azul belga para carne
Ao aumentar a lonxevidade do rabaño e reducir a taxa de reemprazo as necesidades de recría da granxa diminuíron, o que lles permitiu poñer máis seme de carne. “En 2022 notamos moito a diferenza de ingresos por venda de xatos, foi unha suma considerable”, di.
Unha porcentaxe importante dos ingresos da granxa procede do desvelle e a venda dos xatos de cruce industrial
Agora están inseminando máis con angus, en vez de con azul belga, porque “as vacas atrasan máis e paren con máis edema”, admite. Por iso prefire “sacrificar un pouco o valor dos xatos e buscar o benestar da vaca e que estea dando leite antes”.
Máis lactacións no mesmo tempo
“Ás vacas cruzadas aos 40 días se lles vemos un celo claro xa as inseminamos, polo que logramos vacas que paren mesmo 2 veces no mesmo ano”, explica. O intervalo entre partos é de 376 días nas procross por 398 nas frisonas.
A idade ao primeiro parto é neste momento de 21,4 meses e a media de inseminacións 2,25 doses
Tamén na recría, di, se gaña moito tempo cos cruzamentos. “As xatas F1 de frisón con montbeliard chegamos a inseminalas con 9 e 10 meses; agora retrasamos un pouco o momento da primeira inseminación porque estamos inseminando xa moitas xatas trihíbridas e co rojo sueco o tamaño é un pouco menor”, aclara.
En canto ás doses empregadas, Ramón explica que aposta polos mellores sementais de cada raza. “Eu sigo facendo o mesmo que facía antes: antes metía os mellores touros holstein e agora meto os mellores touros montbeliard, rojo sueco e holstein. Para min escatimar cartos no seme non é rendible, é mellor inseminar menos vacas para reposición pero as que inseminas inseminalas con boa xenética”, afirma.
“Coas limitacións ao uso do purín as ganderías temos que tratar de ter a menos recría posible”
Condado SL ten aprobado un Plan de Mellora para facer unha pequena ampliación, máis coa intención de reformar a canle que leva o purín á fosa de xurro que coa de aumentar o número de cabezas.
“Non creo que sexa a solución ter máis vacas. Moitas veces cando unha granxa medra ao meu modo de ver non se fai dúas preguntas fundamentais que un se ten que facer: a de por que e a de para que. Se un ten a resposta clara a iso, adiante, pero se non, non ten sentido medrar por medrar, e menos coas trabas que nos van vir agora enriba co tema do abonado”, razoa.
Antes facíannos falla 100 xovencas; agora o noso obxectivo é que con 50 nos cheguen
Dispoñen dunha superficie dunhas 55 hectáreas, polo que a carga gandeira é xa elevada. “O problema que temos aquí é de base territorial e coas limitacións medioambientais que veñen hai que tentar xerar o menos purín posible e para iso temos que tratar de ter na granxa o menor número posible de animais que non estean producindo”, di.
Nese sentido, baixar a taxa de reposición serviulles para necesitar menos recría. “Con este volume de vacas en produción antes necesitabamos 100 xovencas; agora o noso obxectivo é que con 50 animais, entre tenreiras e xovencas, nos cheguen. Iso é menos gasto e menos xurro”, destaca.
55 hectáreas de superficie moi produtivas
Na zona na que se atopa a explotación o terreo é moi produtivo desde o punto de vista agronómico e a dispoñibilidade de purín garante boas producións, polo que Ramón móstrase crítico coa fixación dos mesmos topes de fertilización que noutras zonas.
“O ano pasado aquí non tivemos problemas de seca e obtivemos de media uns 50.000 quilos por hectárea de millo máis outros 25.000 de herba. Por iso penso que non ten sentido fixar o mesmo límite ao abonado nunha hectárea que produce 75.000 kg de forraxe a nunha que produce 4.000 quilos de pasto, igual que non poido comer eu o mesmo que un xogador da NBA que mide 2 metros”, compara.
Temos pouca terra pero moi boa; nun ano podemos sacar 75.000 kilos de forraxe por hectárea sumando millo e herba
Este ano botaron 45 hectáreas e media a millo, nas que rotan con raigrás. Aínda que nas campañas de ensilado e sementeira botan unha man con algúns traballos, a maioría das labores subcontrátanas a unha empresa de servizos para axilizar os tempos.
“Este ano o 11 de maio tiñamos o millo todo botado con dous cortes de herba feitos”, explica Ramón, aínda que o habitual é facer a sementeira uns 10 ou 15 días máis tarde. A calidade do silo de herba foi “excepcional” nesta zona, di.
Carro propio
O nutrólogo da granxa, Javier Murias, é quen lles formula a ración, que leva neste momento 30 quilos de silo de millo, 12 kg de silo de herba, 9,2 de concentrado e 3 de soia para un total de 54,20 kg por vaca.
Dispoñen dun carro mesturador propio co que elaborar as racións. O verán pasado facían a de leite dúas veces ao día, para subministrárllela máis fresca ás vacas.
Fan a maiores unha ración para as vacas secas e dúas para as xovencas, en función da idade. “Aproveito a ración da recría adulta e engádolle máis concentrado para as xatas máis pequenas”, explica.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics