As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Como a Política Agraria Común favorece a cualificación dos produtores

A nova PAC para o período 2023-2027 focaliza boa parte dos seus esforzos en mellorar o sistema de formación e innovación agraria para que o coñecemento aplicado responda realmente ás necesidades das explotacións e favoreza a súa modernización en aspectos como a dixitalización e a sustentabilidade

Ademais de apoiar a renda dos agricultores e de garantir á sociedade europea alimentos nutritivos e seguros, a Política Agraria Común busca unha transformación do sistema produtivo nos vindeiros anos cara á mellora da eficiencia, a sustentabilidade e a dixitalización.

Para acadar estes obxectivos, é fundamental a transferencia de coñecementos e novas técnicas cara aos produtores, algo no que fai fincapé a nova PAC para o período 2023-2027 a través do denominado AKIS, o sistema de asesoramento e innovación agraria do que forman parte tanto entidades de carácter público como privado.

Entre as submedidas que compoñen a PAC hainas que focalizan directamente o esforzo sobre a investigación e, en concreto, a investigación de tipo aplicado destinada a agricultores, gandeiros e selvicultores.

 “O principal obxectivo da PAC non é a investigación agraria; aínda así contribúe de forma decidida á investigación a través dos fondos de cooperación”, destaca Javier Iglesias, do sindicato Unións Agrarias.

A PAC contribúe de forma decidida á investigación a través dos fondos de cooperación

No ámbito da PAC búscase unha investigación eminentemente aplicada para resolver problemas concretos do sector e para mellorar a súa posición nun mundo cada vez máis competitivo. Esta medida específica de cooperación integra tanto proxectos piloto como grupos operativos.

“Son distintas maneiras de enfocar dun xeito colaborativo problemas ou melloras para aportar solucións ao mundo agrario”, defende Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) a entidade pública dependente da Xunta de Galicia encargada da coordinación dos fondos da PAC para formación agraria na comunidade.  

A AGACAL é o organismo encargado de desenvolver as submedidas da PAC relativas a investigación, formación e asesoramento agrario en Galicia

A AGACAL conta con 350 traballadores e dela dependen centros de investigación agraria de referencia en Galicia, como o CIAM de Mabegondo, ou 6 centros de Formación e Experimentación agraria repartidos polo territorio (Ribadeo, Becerreá, Monforte, Guísamo, Sergude e Lourizán), que ofrecen formación regrada complementada con formación continua.

“No último ano fomos capaces de ofertar ata 299 prazas para ciclos formativos do ámbito agrario e forestal. Estamos facendo unha aposta moi importante por conseguir man de obra para o sector agrario a través da formación dos nosos futuros mozos e mozas agricultores”, destaca Manuel.

Investigación colaborativa e achegada á realidade

En Portugal, os proxectos de formación e investigación financiados a través da PAC obrigatoriamente teñen que integrar aos produtores e ás súas asociacións, conta María Custódia Correia, xefa de división da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural e responsable da Rede Rural Nacional de Portugal. “Apóiase o desenvolvemento experimental con proxectos de innovación en consorcio nos que participan investigadores e produtores”, explica. Deste xeito, di, “están dirixidos cara ás súas necesidades”.

En Portugal desenvólvense proxectos de innovación en parcería que ademais de investigadores teñen que integrar obrigatoriamente a produtores

A investigación que se financia coas axudas da PAC é tanto básica como aplicada, dirixida aos problemas que realmente lles preocupan aos produtores. “En xeral en Galicia a investigación agraria está moi próxima á realidade e necesidades do sector, non só produtor, senón tamén agroindustrial e, de feito, algunhas iniciativas empresariais xurdiron da investigación”, lembra Javier.

Agás a viticultura e a enoloxía, así como o sector forestal, que contan con instalacións específicas (a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, respectivamente), o resto da investigación agraria da AGACAL desenvólvese no CIAM de Mabegondo, o buque insignia en materia de investigación agraria en Galicia.

Entre o ano 2020 e 2022 desenvolvéronse no CIAM un total de 54 proxectos de ámbito español e europeo, buscando sobre todo proxectos colaborativos que involucren ao sector nunha investigación de carácter aplicado.”O 90% da investigación que se realiza é investigación aplicada e a petición do sector”, explica Manuel. 

Dentro do universo agrario existente en Galicia, o CIAM investiga sobre produción de leite, novas tecnoloxías, puríns, mitigación de gases de efecto invernadoiro, secuestro de carbono, estratexias para frear o mato, producións gandeiras, recursos autóctonos, cereais, etc.

En Galicia temos unha capacidade investigadora moi grande e os resultados poñémolos ao servizo do sector

As instalacións de Mabegondo dispoñen de 320 hectáreas de terreo con campos de ensaio, invernadoiros e distintos tipos de rabaños de gando. “Somos capaces de abarcar todo o abano de necesidades que nos demanda o sector”, insiste Manuel.

No bienio 2020-2022 o EVEGA estivo implicado en 16 proxectos relacionados coas variedades minoritarias, a valorización de residuos, a viticultura ecolóxica, uso de fitosanitarios, cultivos sostibles, resistencia a enfermidades, etc. Destaca a parte de conservación de recursos fitoxenéticos, con preto de 60 variedades galegas de vide.

A produción de castaña en Galicia foi desenvolta en grande medida grazas a Lourizán. As 23 variedades galegas de produción de castaña foron propostas para rexistro grazas ao traballo deste centro, que tamén desenvolveu 32 clons para madeira e patróns híbridos. No período 2020-2022 Lourizán estivo involucrado en 22 proxectos de carácter nacional e europeo.

Transferencia de coñecemento

“Hai un esforzo moi importante pola transferencia dos coñecementos que realmente se poden trasladar ao campo. Do que se trata é de poñer en contacto a través dunha comunicación directa dos centros de coñecemento, a través dos seus investigadores e tecnólogos, co sector, non só co produtor final, senón tamén cos asesores que ao final teñen que facer de cadea de transmisión deses coñecementos cara ao ámbito agrario”, opina Manuel. 

Nos últimos anos as novas tecnoloxías están acelerando o proceso de transferencia e variando as formas de traslado. Pero desde Unións Agrarias Javier Iglesias reprocha que “en xeral os mecanismos de transferencia do coñecemento desde os grupos de investigación non son de todo eficientes, sobre todo no relativo á inmediatez”, afirma.

Tamén a responsable da Rede Rural Nacional de Portugal recoñece que “o sistema precisa e pode ser mellorado con novas formas de divulgación, especialmente reforzando a aprendizaxe entre iguais, de produtor a produtor, apoiando visitas técnicas a explotacións e granxas de referencia tanto dentro do país como noutros Estados membros da UE”, defende.

A nova PAC promove o intercambio entre produtores a través de visitas e estancias formativas en explotacións modelo

A transferencia de coñecementos cara ao produtor final vaise reforzar neste novo período con medidas específicas para iso. “A PAC apoia claramente a transferencia do coñecemento xerado, tanto pola vía dos apoios aos grupos operativos como tamén a través de apoios dirixidos á cualificación dos produtores”, asegura María Custódia.

En Portugal, a Rede Rural Nacional promove o espallamento da información e o coñecemento entre os distintos axentes. “A divulgación aos produtores ten sido unha das prioridades. Creáronse os Centros de Competencia, 24 en total, que reúnen a produtores, empresas, centros de I+D, entidades públicas, organizacións do sector, municipios e outros socios, co fin de desenvolver axendas de innovación que expresen as necesidades reais dos produtores e axuden á transferencia do coñecemento xerado”, explica. “Na definición de prioridades, na programación de plans de acción formativas e no desenvolvemento de actividades o que se busca é crear e diseminar coñecemento útil”, asegura María Custódia.  

En Galicia, no período 2020-22 desenvolvéronse máis de 1.000 accións formativas financiadas a través da PAC e dirixidas ao sector e no novo período haberá máis de 3 millóns de euros focalizados exclusivamente na formación a demanda dos agricultores, avanza Manuel. “As solicitudes parten precisamente de entidades e organizacións de produtores. Polo tanto, estes programas de formación teñen un enfoque eminentemente aplicativo e práctico”, insiste. 

A PAC financia e promove unha formación continua que permite aos agricultores e gandeiros adaptarse aos novos desafíos, como son a dixitalización e o coidado do medio ambiente

Dous dos ámbitos nos que a formación promovida pola PAC fai fincapé son o da sustentabilidade medioambiental e o da dixitalización dos sistemas produtivos. “A sustentabilidade foi xa unha prioridade no período comunitario 2014-2020, apoiando tanto desde o segundo piar como desde o primeiro medidas na procura de técnicas de produción máis sustentables e ese esforzo aínda foi reforzado na nova PAC. No caso da dixitalización, en Portugal existe unha Estratexia Nacional para a dixitalización da agricultura e o Plan Estratéxico da PAC inclúe varias medidas que buscan afondar na utilización das novas tecnoloxías por parte dos produtores”, destaca María Custódia.

Pero aínda que “as tecnoloxías chegaron para quedar”, Manuel insiste en que “as novas tecnoloxías hai que interpretalas para converter os datos que proporcionan en información útil e, por iso, a formación dos equipos humanos é fundamental”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información