Os centros de formación agroforestal de Sergude (Boqueixón) e Monforte de Lemos acollen dúas xornadas para gandeiros sobre a xestión das súas explotacións. A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza estas formacións centradas na optimización fiscal e a formación económica.
A primeira xornada será no CFEA de Sergude o mércores 7 de febreiro e a segunda será o xoves 8 en Monforte. O horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Para participar é preciso inscribirse no teléfono 881 996 279 ata completar aforo.
Tres bloques formativos
O primeiro bloque centrarase na tributación básica e a optimización fiscal. Ofrecerase coñecemento sobre as diferentes formas que teñen para emprender e desenvolver a súa actividade gandeira a través das súas propias vantaxes e inconvenientes e a súa fiscalidade. Tamén lles permitirá identificar medidas ou incentivos que facilitarán a redución da súa factura fiscal.
O segundo versará sobre a contabilidade para non financeiros e facilitará formación para comprender conceptos básicos que favorezan a súa toma de decisións e o deseño de estratexias relacionadas coa súa explotación gandeira. Tamén permitirá aos participantes ler os estados financeiros básicos (balance de situación e conta de resultados) e entender a súa relevancia para xestionar a súa actividade de modo dilixente. Poderán implantar ferramentas financeiras básicas que lles ofrezan que lles ofrezan información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do seu negocio.
O terceiro módulo formativo, titulado “xestionar de modo eficiente” ofreceralles coñecemento sobre as ferramentas informáticas que faciliten a xestión diaria do seu negocio. Poderán deseñar un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) cos que obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da súa explotación, que lles axudará na súa toma de decisións ao instante.