Como o piñeiro radiata de Chile se convertiu nunha referencia mundial?

Dous investigadores forestais chilenos, Miguel Ángel Peredo e Fernando Droppelmann, visitan este mes montes e industrias galegas da madeira, convidados pola Fundación Arume. O sector procurou o apoio dos expertos latinoamericanos para asentar as bases da estratexia galega de mellora xenética das coníferas

Como o piñeiro radiata de Chile se convertiu nunha referencia mundial?

Un dos investigadores chilenos, Fernando Droppelmann, durante a súa visita a un piñeiral galego.

O piñeiro radiata de Chile é a historia dun éxito. No país andino, o cultivo forestal da conífera acompáñase desde hai máis de 45 anos dun intenso programa de mellora xenética que continúa na actualidade. O resultado son plantas melloradas que, hoxe en día, demostran unha ganancia en produtividade de entre un 35 e un 50%, en comparación cunha planta convencional. Co obxectivo de beneficiarse da experiencia chilena, que é un referente mundial, a Fundación Arume convidou este mes a Galicia a dous reputados investigadores chilenos, Miguel Ángel Peredo, e Fernando Droppelmann.

Os números do piñeiro radiata en Chile falan por si sós. En terreos e climas axeitados, o piñeiro produce en Chile 20 – 25 metros cúbicos por hectárea e ano, cunha quenda máxima de corta final de 24-25 anos, nos que a plantación acumulará unha produción total de 500 – 600 metros cúbicos.

Fernando Droppelmann e Miguel Ángel Peredo.

Fernando Droppelmann e Miguel Ángel Peredo.

Eses números convirten ó piñeiro radiata nunha especie de gran atractivo para a produción madeireira en Chile. Dos terreos adicados no país a plantacións forestais, sen contar bosques nativos e protexidos, o piñeiro radiata ocupa un 56% das plantacións, en tanto o eucalipto globulus supón un 25% e o eucalipto nitens un 11,8%, segundo os datos expostos por Miguel Ángel Peredo nunha xornada celebrada onte no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

A tendencia actual é a que o piñeiro radiata, que ocupa 1,8 millóns de hectáreas en Chile, continúe aumentando a súa superficie, en tanto o eucalipto globulus, moi afectado pola praga do gorgullo, está a reducir a súa presenza, en beneficio do eucalipto nitens e do propio piñeiro radiata.

Proceso
Como convertiu Chile ó piñeiro radiata nunha das especies con maior atractivo forestal?. A clave foi a mellora xenética emprendida a mediados dos anos 70. Fernando Droppelmann, profesor da Universidade Austral de Chile, dirixe unha Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal que se creou no ano 1976.

Unha das vías de traballo da Cooperativa foi a creación de horto sementeiros con planta seleccionada. A estratexia da Cooperativa iniciouse coa localización de árbores de calidade superior, cos que iniciar ensaios. “De cada 80 hectáreas, seleccionouse un piñeiro que destacaba por ser superior en volume e calidade, tendo en conta factores como rectitude, diámetro e ángulo das pólas, forma cilíndrica do fuste, sanidade ou rectitude das fibras da súa madeira, entre outros factores”, explica Droppelmann.

Con eses horto sementeiros, procedeuse a cruces controlados, co obxectivo non só de mellorar en calidade e volumes da madeira, senón en homoxeneidade de resultados.

As sementes das árbores finalmente seleccionadas convertíronse na base para un proceso de reproducción meteórico, pois a partir de só 1.000 sementes, cun proceso de reproducción por estaquillado, os viveiros podían conseguir en só catro anos arredor de 2 millóns de plantas. Para ese tipo de desafíos, Droppelmann precisou que é necesario contar cunha estrutura eficiente capaz de afrontar o reto.

Na actualidade, a Cooperativa ofrece no mercado unha ampla oferta de plantas clonais -procedentes de multitude de individuos e familias-, que demostraron melloras en produtividade e rendibilidade de entre un 35 e un 50%, en comparación coa planta convencional.

Chile mantén 12 programas de mellora xenética de coníferas, cada un deles en zonas con características diferenciadas de solos e clima. Tódolos ensaios, que desenvolven distintas empresas e entidades, compártense e fanse cuns criterios homoxéneos de medición de resultados.

Logo de máis de catro décadas de traballo, os avances xenéticos acadados por Chile son unha referencia mundial. En Portugal, a firma Sonae Arauco está a facer ensaios con 136 familias de piñeiro radiata importadas de Chile para valorar a súa adaptabilidade ás condicións lusas.

Manexo silvícola do piñeiro radiata en Chile
O modelo de manexo de plantacións que segue unha das grandes empresas forestais do país, Arauco, é o seguinte:

– Plantación a unha densidade de 1.100 – 1.600 plantas / hectárea, en función do terreo e das choivas.

– Dúas podas, ós 6-7 anos e ós 7-10 anos, sobre 600 árbores.

– Primeiro rareo ós 8-10 anos para deixar unha densidade de 700-800 árbores / hectárea.

– Segundo rareo ós 10-14 anos para deixar unha densidade final de 400-500 árbores por hectárea.

– Corta a unha quenda máxima de 24-25 anos.

O caso do Gloni, un eucalipto híbrido de globulus e nitens

Outra das especies que está xerando gran interese forestal en Chile nos últimos anos é o gloni, un híbrido de eucalipto globulus e nitens que destaca pola súa rendibilidade. O gloni logrou quedarse coas principais virtudes de ambas especies. Mantén os crecementos do eucalipto nitens (superiores ós do globulus) e ten o mesmo rendemento para pasta de papel que o eucalipto globulus, pois precísanse arredor de 3,1 toneladas de madeira para unha tonelada de pasta de papel.

Outra especie híbrida con boas expectativas é o carballo – raulí, un híbrido de dúas especies dos bosques nativos chilenos. O híbrido do carballo – raulí presenta interese pola súa produtividade e adaptabilidade a distintas condicións de terreo e climáticas.

Coníferas
Preguntados os investigadores na xornada de Lourizán sobre posibles coníferas de interese como alternativas ó piñeiro radiata, Droppelmann descarta en principio especies como o piñeiro taeda, “de máis interese en zonas de clima tropical”. A única especie que contemplan en Chile como alternativa, para o caso de que o piñeiro radiata afronte serias dificultades fitosanitarias nun futuro, é o piñeiro pátula.

Masa de piñeiros radiata en Chile. / Imaxe: Comaco Forestal.

Masa de piñeiros radiata en Chile. / Imaxe: Comaco Forestal.

En calquera caso, o piñeiro radiata presenta polo de agora boa sanidade forestal en Chile. Sobre o problema das bandas que afecta na Península ós piñeirais do Páis Vasco e, en menor medida, ó resto da Cornisa Cantábrica, Droppelmann precisa que en Chile rexistrouse hai anos un impacto moi grande en masas que quedaran sen manexo silvícola de podas e rareos. “Houbo que proceder a tratamentos aéreos desas masas con óxido cuproso, pero unha vez que se recuperaron os manexos de podas e rareos, de xeito que as masas quedaron máis aireadas, desapareceron os problemas das bandas”, sinala.

O cambio climático, non obstante, xera incertidume de cara ó futuro, tanto en Chile como en Galicia, se ben os investigadores confían en que os programas de mellora xenética poidan dar resposta a ese reto, seleccionando ás familias e individuos que mellor comportamento ofrezan ás novas condicións.

“Todo metro cúbico de madeira que saia sen transformar de Galicia é un fracaso”

Jacobo Aboal, primeiro pola esquerda, na súa intervención na xornada do CIF de Lourizán.

Jacobo Aboal, primeiro pola esquerda, na súa intervención na xornada do CIF de Lourizán.

O novo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, tivo na xornada de Lourizán o seu primeiro acto público. Na súa intervención, recoñeceu o traballo do seu predecesor no cargo, Ignacio Lema, e apuntou o desafio para o sector de “aproveitar as oportunidades” que ofrecen as novas tendencias da bioeconomía, como a construción en madeira ou as fibras téxtiles a partir da madeira.

Nese contexto, Aboal valorou que “todo metro cúbico de madeira que saia sen transformar de Galicia é un fracaso”, unha cuestión que considera que debe comprometer a toda a cadea da madeira, “pois para montar novas liñas ou industrias é preciso un suministro de madeira en calidade e cantidade suficiente”.

Para ese fin, a mellora xenética forestal configúrase como a base sobre a que construír o futuro, con plantas máis produtivas e que resistan os problemas fitosanitarios. “É previsible que os problemas que ten o piñeiro radiata en todo o norte da Península coa enfermidade das bandas vaian a máis nun futuro polo cambio climático”, lembrou.

En Galicia, o piñeiro radiata representa na actualidade unhas cortas de arredor de 1,8 millóns de metros cúbicos. O piñeiro do país (Pinus pinaster) suma unha cantidade similar (1,77 millóns de metros cúbicos), en tanto o piñeiro silvestre, característico en alta montaña, ten unhas cortas de arredor de 150.000 metros cúbicos. A presenza das restantes coníferas é testemuñal (57.000 metros cúbicos de cortas no 2021).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información