Como mellorar a rendibilidade do monte para os propietarios?

A cadea forestal de Portugal, que comparte similitudes coa galega, aspira a captar fondos europeos do Plan de Recuperación Económica para impulsar plantacións e mellores prácticas silvícolas, así como para obter plantas de alta xenética

Como mellorar a rendibilidade do monte para os propietarios?

De dereita á esquerda, Antonio Amorim (Corticeira Amorim), Rui Correia (Sonae Arauco), José Pina (Altri), Antonio Redondo (Navigator) e máis un orador e a moderadora do debate.

Portugal enfronta retos forestais similares a Galicia, como o minifundio, a falta de xestión do monte, as pragas ou os incendios forestais. É un escenario que dificulta a rendibilidade para o propietario forestal e que tamén supón unha traba para a industria, que carece de suficiente oferta de madeira de calidade. Como mellorar a situación?.

Un debate organizado na feira portuguesa Agroglobal (Santarém) analizou os desafíos para o monte cos directores executivos de catro das principais empresas forestais do país veciño: Rui Correia, de Sonae Arauco, unha competidora internacional da galega Finsa no sector do piñeiro; Antonio Redondo, de Navigator Company, unha pasteira con plantacións e compras de madeira en Galicia; José Pina, de Altri, a outra gran pasteira lusa; e Antonio Amorim, da Corticeira Amorim, o principal grupo produtor de cortiza a nivel mundial.

O encontro abordou a oportunidade que representan para o sector forestal os fondos europeos destinados á recuperación económica pola Covid, que parten cun enfoque verde que debería beneficiar ó agro e a cadea monte – industria.

“Queremos que o propietario vexa o piñeiro como unha árbore rendible, cun retorno equiparable ó doutras especies” (Rui Correia, Sonae Arauco)

“Hai dúas cuestións importantes para impulsar a competitividade do sector forestal” -valora Rui Correia, de Sonae Arauco-. “En primeiro lugar, xestionar mellor o monte, con prácticas silvícolas axeitadas, con formación para os propietarios e con esquemas de certificación forestal. En segundo lugar, identificar as especies e plantas máis produtivas, adaptadas ó noso clima e necesidades. No eucalipto, iso é un tema que está traballado desde hai tempo, pero no piñeiro non”, lamenta.

Como exemplo do que se pode facer en mellora xenética, Correia apunta o traballo que xa está desenvolvendo a súa empresa: “En Sonae Arauco importamos hai un ano de Chile sementes de 136 familias de piñeiro insigne e sementámolas nos nosos viveiros. Este ano xa están no monte, co obxectivo de identificar as familias máis interesantes para as condicións existentes en Portugal. Esas plantas multiplicaranse e poranse a disposición dos propietarios forestais”.

“O obxectivo final -continúa Correia- é lograr maiores crecementos das árbores en monte e máis rendibilidade. Queremos que o propietario vexa o piñeiro como unha árbore rendible e cun retorno comparable ó doutras especies”, valora en alusión ó eucalipto.

“Importamos sementes de 136 familias de piñeiro insigne de Chile co obxectivo de identificar as familias máis interesantes para as condicións portuguesas” (Rui Correia, Sonae Arauco)

O piñeiro insigne (Pinus radiata), cun turno de corta menor que o piñeiro do país (Pinus pinaster), ten en países como Nova Zelanda ou Chile un desenvolvemento xenético avanzado, uns resultados dos que agora se quere beneficiar Portugal. En Galicia, onde o sector forestal tamén está a investir na mellora xenética do piñeiro, valorouse este ano a importación de sementes de piñeiro insigne, pero xa non foi posible, ao expirar os prazos permitidos pola normativa, polo que o sector orientarase a unha mellora xenética a partir das masas de piñeiro insigne que xa hai en Galicia, como xa se fixo e se continúa a facer no caso do piñeiro do país.

Reducción dos piñeirais en Portugal
Portugal perdeu no último medio século a metade dos seus piñeirais, en parte por incendios e abandono, e en parte polo aumento de superficie dos eucaliptais. Desde o 2017, os eucaliptos teñen vetado o seu crecemento en superficie, unha restricción que implantou tamén Galicia o pasado verán. É unha normativa que en teoría debería favorecer a recuperación do piñeiro.

Rui Correia recoñeceu que Sonae vese obrigada a importar madeira pola falta de materia prima en Portugal e criticou que a madeira de piñeiro se estea a queimar para usos enerxéticos. “Hai que dicilo claro, quéimase madeira, non se queima biomasa. Quéimase madeira que podería ter outros aproveitamentos de maior valor”, cuestionou.

A conclusión do director executivo de Sonae Arauco é que a rendibilidade para o propietario forestal pasa por aumentar a produtividade do monte e a calidade da madeira que obtén. “Se se espera que a industria pague máis (pola actual madeira), non vai haber industria. Toda a cadea ten que ser competitiva a nivel global. No 2020, o prezo da madeira que adquiriu a planta de Sonae Arauco en Alemania foi un 60% do custo que pagamos en Portugal, se ben tamén é certo que Alemania ten salarios máis altos”, comparou Correia, que nada comentou sobre a escalada de prezos da madeira do piñeiro a nivel global nos últimos meses.

Eucalipto
O director xeral de Navigator, Antonio Redondo, avogou tamén por mellorar o traballo en monte para lograr maiores produtividades. “Precisamos protexer os montes dos incendios e das pragas e mellorar en produtividade” -defendeu-. “Dentro dunha mesma rexión en Portugal, con similares condicións de solo, hai produtividades moi distintas en función da planta empregada e da xestión forestal do monte”, subliñou.

“A rolla de eucalipto á porta da fábrica en España e Portugal é a máis cara do mundo” (Antonio Redondo, Navigator)

Xunto coa mellora das prácticas silvícolas, Redondo considera preciso afondar na certificación forestal, unha esixencia crecente dos mercados, que demandan produtos cos selos FSC ou PEFC, garantes da sostibilidade ambiental dos aproveitamentos. “Fomos a primeira empresa do mundo en pagar un ‘plus’ na compra de madeira certificada. Ese é o camiño para o propietario”, valorou.

“A rolla do eucalipto á porta da fábrica en España e Portugal é a máis cara do mundo. Outros países cos que competimos teñen un custo moi inferior, polo que existe escaso marxe de manobra” -argumentou Redondo-. “Estamos nun mercado global onde o produto final das pasteiras é unha commodity con prezos que marca o mercado”, lembrou.

Sobreiras
A extracción de cortiza para sobreiras é un sector potente en Portugal, principalmente na zona centro e sur do país veciño. É unha cadea forestal que a moderadora do debate definiu como a “irmá boa do sector”, pois ten unha imaxe máis positiva entre a opinión pública que as cadeas do eucalipto ou do piñeiro. Antonio Amorim, o director executivo da Corticeira Amorim, a maior empresa mundial de cortiza, expuxo no debate algúns dos desafíos de futuro dos sobreirais do país veciño.

“Teriamos a potencialidade de plantar 40.000 ou 50.000 novas hectáreas de sobreiras en dez anos. O noso obxectivo deben ser as sobreiras con regadío, que poden acurtar o tempo da primeira saca de cortiza de 25 anos a 10 anos” -explicou-. “Quizais o Plan de Recuperación Económica, que ten unha vida de poucos anos, non poida afrontar ese cambio estrutural na cadea da sobreira nin outros cambios estruturais no resto do sector forestal, pero si se poden dar uns primeiros pasos na dirección correcta. Un obxectivo para o Plan podería ser a plantación de 7.000 hectáreas de sobreira con regadío nos próximos tres anos”, apuntou Amorim.

“Se plantamos 7.000 hectáreas de sobreiras con regadío nos próximos tres anos, teremos dado un primeiro paso na dirección correcta” (Antonio Amorim)

O director executivo da Corticeira avogou tamén por unha maior mecanización dos aproveitamentos, o que reduce os custos e permite aumentar a rendibilidade para os propietarios, así como por avanzar en novas aplicacións da cortiza e por remunerarlle ó propietario as externalidades ambientais que aportan os sobreirais.

Estratexia Forestal Europea, montes produtivos e protectores

O debate sobre a compatibilidade de aproveitamentos produtivos no monte coa conservación ambiental foi un dos principais puntos abordados no debate. Entre os responsables das principais empresas portuguesas do sector, houbo consenso en afirmar que non serían posibles as áreas protectoras, orientadas á conservación, se non houbese áreas produtivas. “O monte produtor ten que ser xestionado e coidado. Non sería posible se non houbese un monte produtivo que compensase ó propietario”, valorou Antonio Amorim.

Os empresarios foron críticos coa Estratexia Forestal Europea, na que perciben unha “ideoloxía ecoloxista”, e incidiron na importancia de diferenciar os montes públicos das propiedades privadas. “Hai países en Europa nos que a metade do monte é público, pero en Portugal só é un 2%”, analizou Antonio Redondo, que cuestiona a lexitimidade das políticas públicas que queren intervir no monte.

Tamén o director executivo de Altri, José Pina, sinalou que é partidario de “menos intervención pública e máis colaboración”. Os empresarios apuntaron a importancia de actualizar o Catastro en Portugal, de cara a potenciar o asociacionismo e poñer en produción áreas abandonadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información