Como o mercado de pellets se viu enredado nun ‘efecto papel hixiénico’

A guerra de Ucraína, que pechou o suministro de biomasa de Rusia, desencadeou un aumento da demanda europea a partir da primavera. Ese escenario levou á escaseza puntual de pellets nos puntos de venda, o que unido ó aumento de prezos, xerou un pánico infundado entre os consumidores, que se lanzaron á procura desenfreada de produto en pleno verán

Como o mercado de pellets se viu enredado nun ‘efecto papel hixiénico’

Almacén de viruta verde de Biomasa Forestal. / Arquivo.

O mercado de pellets viña dun 2020 e un 2021 malos, marcados por unha baixada de consumo derivada de invernos suaves e da pandemia. Tanto foi así que a comezos deste ano, Biomasa Forestal (As Pontes), a maior planta de pellets de Galicia, iniciou un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) para a súa plantilla, coa idea de mantelo activado un ano. Só uns meses despois, na primavera, cancelouno e pasou a traballar as 24 horas dos 7 días da semana, en cinco turnos, un ritmo que todavía mantén. Que foi o que pasou?

A orixe de todo o sucedido nos últimos meses arranca na guerra de Ucraína. “Coa invasión rusa e o bloqueo europeo ó mercado ruso de biomasa, perdéronse dous suministradores principais, Rusia e en menor medida Ucraína, que representan arredor do 20% do pellet mundial”, analiza Francisco Álvarez, presidente do Clúster de Biomasa de Galicia e director de Ecowarm (Brión), unha das catro plantas de pellets que operan na comunidade.

“A perda desa fonte de suministro a nós en principio non nos afectaba, pero deixou desabastecidos a algúns países, en especial a Reino Unido, que recurriu entón a importacións masivas do mercado portugués -analiza Álvarez-. “Ao dispararse a demanda de Reino Unido, os fabricantes portugueses, que tradicionalmente exportaban a España parte da súa produción, víronse incapaces de atender a súa rede de distribución habitual en España, o que levou a que os puntos de venda españois que traballaban con pellet portugués se quedasen temporalmente sen mercancía”.

Foi entón, no verán, cando a ausencia de pellets en determinados puntos de venda, aireada por redes sociais e medios de comunicación, iniciou un ‘efecto papel hixiénico’. Os consumidores lanzáronse á compra compulsiva de pellets en plena vaga de calor, sen medida e antes da tempada tradicional de compra en outono – inverno. A situación chegou ó punto de que “un distribuidor noso falounos dun cliente que mercou pellet para tres anos”, conta Álvarez.

“En verdade nunca houbo risco de desabastecemento real do mercado nacional porque temos capacidade para abastecer ó mercado. O problema xurde se un alto número de consumidores se lanza a mercar pellets nos mesmos días porque entón rómpense temporalmente os stocks dispoñibles”, explican en Biomasa Forestal.

España viña producindo cada ano arredor de 740.000 toneladas de pellet para un consumo estatal dunhas 710.000. “Do total de produción, exportábase unha parte a Italia e a outros países europeos, pero compensábase co que entraba de Portugal, quedabamos a pre”, valora Francisco Álvarez.

En Galicia, o Clúster de Biomasa calcula unha produción que supera as 110.000 toneladas para un consumo interno de arredor de 45.000. “E teriamos capacidade de aumentar esa produción ata nun 50% se fose preciso”, aseguraba Álvarez hai uns días na revista editada polo Clúster da Biomasa e a asociación BioEco2.

O mercado español adentrouse desde a primavera nun ‘Matrix’ no que cada saco de pellets percibíase como o último paquete de papel hixiénico do supemercado

Esa é en teoría a realidade, pero a cuestión é que o mercado español adentrouse desde a primavera por outra realidade paralela, unha especie de ‘Matrix’ na que cada saco de pellets percibíase como o último paquete de papel hixiénico na estantería do supermercado.

“O mercado vai agora normalizándose a medida que os distribuidores que traballaban con Portugal están relocalizando os seus puntos de suministro”, subliña Francisco Álvarez. Incluso se dá a circunstancia de que distribuidores da fronteira galega con Portugal están recibindo unha gran demanda de suministro do país veciño, onde se mantén a escaseza de pellet polo tirón da exportación británica.

O sector galego incide en que a demanda británica sobre o pellet portugués e, en menor medida, certo aumento de demanda italiana sobre pellet español, distorsionaron o mercado estatal, pero Álvarez apunta a que novembro xa é un mes no que se foron normalizando as cousas. “En setembro o teléfono non paraba de soar pedindo palés de pellets, pero agora a situación xa é similar a de todas as campañas”, asegura o director de Ecowarm. A mesma percepción manifestan en Biomasa Forestal: “As vendas actuais son a un ritmo normal e sostido”, indican.

Prezos

Unha das consecuencias do aumento da demanda de pellets en toda Europa foi o encarecemento do produto, que subiu de prezo por riba dun 60%, segundo as estimación da Organización de Consumidores y Usuarios (Ocu). O quilo de pellet pasou dos 30 céntimos de hai un ano a arredor dos 50 céntimos / kg. actuais.

É unha suba que, en calquera caso, os fabricantes consideran xusta. “De xaneiro a maio estivemos traballando a perdas porque o mercado seguía baixo e non era capaz de soportar a nosa estrutura de custos. O aumento progresivo de custos enerxéticos deixáranos a todos os fabricantes nun momento crítico, no que as plantas estaban valorando parar ou seguir a un baixo ritmo”, advirte Francisco Álvarez.

Desde Biomasa Forestal coinciden nesa análise: “Desde inicios do 2021, e especialmente nos últimos meses do ano pasado, os custos de produción fóronse disparando, pero nin fabricantes nin distribuidores trasladamos esa suba ó mercado. Por un lado, non podiamos aplicar un aumento de custos a un mercado que estaba parado, e por outro lado esperabamos unha estabilización dos custos enerxéticos que non chegou. O inicio da guerra de Ucraína empeorou toda a situación”.

No último ano, Biomasa Forestal calcula que aumentou os seus gastos enerxéticos nun 320%, unha situación á que hai que sumar o aumento do prezo da súa materia prima de referencia (puntal de piñeiro), que subiu un 40% no último ano. Outra dificultade adicional foi a loxística, tanto por dispoñibilidade como por aumento de prezos.

En vista da situación, Biomasa Forestal, que tradicionalmente exportaba arredor do 60% da súa produción, xa decidira hai un ano reorientar a súa estratexia ó mercado español. “Este ano máis do 80% da nosa produción quédase no mercado nacional. Puxemos tamén en marcha unha tenda online, na mesma idea de priorizar o mercado nacional. Hai que facer un chamamento á calma, no sentido de que o mercado nacional non quedará en ningún caso desabastecido”, conclúen.

Onde quedou a baixada do Ive?
Coa idea de favorecer o consumo de pellets e manter a súa accesibilidade, o Goberno baixou este outono o seu Ive, que pasou do 21 ó 5%. Entre as asociacións de consumidores, sen embargo, advirten de que esa baixada do Ive non tivo repercusión nunha baixada do prezo ó consumidor. As empresas do sector, explican a situación.

“Hai que ter en conta que o pellet ten sempre un prezo de verán e un prezo máis alto coa chegada do outono. A baixada do Ive coincidiu co cambio de prezos, do verán ó outono, o que levou a que o consumidor non a percibise”, explica Francisco Álvarez, que tampouco descarta que se puidese producir algunha situación puntual de abuso dalgún punto de venda.

“A baixada do Ive o que logrou é evitar que o pellet seguise subindo, pois arrastrabamos uns aumentos de custos que aínda non se trasladaran ó prezo final” -advirten en Biomasa Forestal-. “De cara ó futuro, se non hai novos elementos externos de gravidade, semella que os prezos poderán manterse neste nivel nos próximos meses, sen novas subas como as vividas nos meses anteriores”, sinalan.

O combustible máis económico

Malia o seu encarecemento, o pellet, conxuntamente coa leña, mantense como o combustible máis económico para os fogares. A biomasa continúa moi por baixo do prezo equivalente do gasóleo. Se calculamos que 2 quilos de pellets aportan enerxeticamente o mesmo que 1 litro de gasoil, os números son claros. Dous quilos de pellets rondan hoxe en día 1 euro e o gasóleo achégase a 1,40.

“O mercado do pellet ten aínda moito que medrar en España e, en particular en Galicia, onde todas as vivendas unifamiliares que se están quentando con gasóleo teñen moi sinxelo o cambio a pellet. É unha obra que leva un día ou día e medio como moito” -valora Francisco Álvarez-. “Pensa que Italia está xa nun consumo de 5 millóns de toneladas de pellet e en España estamos aínda nas 700.000 toneladas”, compara o director de Ecowarm.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información