O Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés volveuse converter estes días nunha nova vítima dos lumes. Das máis de 10.000 hectáreas ardidas na vaga de lumes da provincia de Ourense, 3.000 pertencen tanto ó espazo protexido en terras galegas coma ó transfronteirizo Xurés-Gerés. Así é que gran parte da reserva integral do parque quedou totalmente arrasada.
Ademais dos danos á flora e á fauna nun dos espazos naturais de maior valor ecolóxico, os incendios volveron reactivar as protestas veciñais e de distintas entidades sociais pola xestión que se está a facer da reserva natural. O impacto dos incendios, nunha das zonas con maior protección de Galicia, deixa importantes danos medioambientais, pero tamén a nivel económico para concellos como os de Lobios e Muíños.
Restriccións
Resoan de novo as críticas polas restricións existentes no espazo do parque, así como polas carencias na vixilancia e as actuacións levadas a cabo para atallar os focos que se localizaron en pleno corazón do Xurés. “Os veciños están realmente anoxados pola falta de xestión que se está vendo do parque. Logo de volver ver o monte arrasado, moitos están pensando en que é preciso saír á rúa para denunciar esta situación”, comenta Domingo González presidente do Tecor de Lobios e membro da xunta directiva das comunidades de montes Serra de Lobios e Nichos e da de Bouzas, e que estes días participou de forma activa nos labores de extinción do lume no monte.
“Os veciños están realmente anoxados pola falta de xestión que se está vendo do parque” (Domingo González, comuneiro e presidente do Tecor de Lobios)
“Aquí houbo un desastre, que é o lume. Foi un acto criminal, cun efecto devastador a nivel medioambiental, posto que arderon os vales profundos do Xurés, a zona con maior protección, a reserva de animais como o lobo ou a cabra; e tamén supón un drama económico para esta zona”, valora José Yañez Barros, membro da xunta directiva da Comunidade de Montes de Río Caldo (Lobios).
Ás importantes perdas no patrimonio medioambiental engádense as dificultades que se presentan para boa parte dos núcleos que tiñan no Parque do Xurés un medio de vida polo seu atractivo turístico e que se atopan agora con que algunhas das mellores rutas, que atraían a un maior número de visitantes ata a zona, quedaron arrasadas polo lume.
Ás perdas medioambientais súmanse o impacto que os lumes terán na actividade económica dalgúns concellos e a contaminación de puntos de abastecemento de agua
Comezan tamén a verse outros danos que causaron os lumes, como é a contaminación dalgúns dos principais regatos que abastecen núcleos como os de Vilameá, a Devesa ou Os Baños. Ante esta situación, valórase que se declare zona catastrófica para poder asumir a súa recuperación.
Sen instrumentos de xestión axeitados
Xunto coas críticas dos veciños, distintos grupos ecoloxistas como Adega ou Verdegaia denuncian que o Parque Natural do Xurés leva 27 anos agardando polo seu Plan Reitor de Uso e Xestión. “A Xunta segue facendo deixazón de funcións na súa xestión dos espazos naturais protexidos, sen dotalos dos necesarios instrumentos de xestión”, afirman.
“Non pode ser que nin se permitan facer devasas para tentar protexer dalgún xeito estes montes do lume” (Domingo González, comuneiro)
Pola súa banda, entre os veciños dos lugares máis vinculados co Parque acusan as carencias que van constatando no seu día a día. “Non pode ser que nin se permitan facer devasas para tentar protexer dalgún xeito estes montes do lume. No seu afán por protexer algunhas especies ó máximo, están propiciando que acaben arrasadas, como aconteceu agora”, valora Domingo González, que evidencia a descoordinación existente entre administracións. “Medio Rural dáche o permiso e obrígate a desbrozar para manter limpas algunhas zonas e chegas aquí e non te deixan facelo”, indica.
“Durante anos, as culpas dos lumes leváronas os gandeiros e os cazadores, pero hai tempo que a xente se concienciou e saben dos problemas das zonas queimadas. Os gandeiros saben ben que se poden enfrontar a multas de 100 euros por vaca se as atopan nas zonas queimadas ó longo dos próximos anos, polo que non teñen ningún interese niso”, apunta Domingos.
A falta de mantemento dos viais que transcorren polos montes é outra das críticas que fan os veciños da zona. “Tanto as cortas como os camiños de acceso non están limpos e non se manteñen en boas condicións, polo que é imposible que logo sirvan de devasas”, valora Álvaro González, un mozo apicultor do lugar de Torneiros, na parroquia de Río Caldo (Lobios). “O monte ten que valer máis estando cheo de vida, e agora case parece que valese máis morto. Eu quero que siga habendo o parque, que se manteña o espazo protexido, pero non abandonado”, indica.
“Hai moitas zonas destes montes que se están volvendo totalmente inaccesibles. Mesmo hai dificultades para atopar empresas que se encarguen de vir facer desbroces”, apunta Davide Outeiro, veterinario e apicultor na parroquia de San Mamede de Grou. “O lume é so a bandeira visible do abandono que está a sufrir o rural, e en especial a provincia de Ourense, coa supresión de servizos e as continuas trabas, que non fan máis que convidarte a marchar del”, valora.
“O lume aféctanos a todos. Este ano as miñas abellas salvaron, pero terán máis dificultades para atopar polen” (Álvaro González e Davide Outeiro, abelleiros)
Os abelleiros miran con preocupación a superficie arrasada polo lume. Aínda que desta vez as alvarizas destes dous profesionais non se viron afectadas directamente polas lapas, os incendios tamén lles pasarán factura. “O lume aféctanos a todos. Este ano as abellas salvaron, pero terán máis dificultades para atopar polen. Este ano librei, pero dá medo pensar que para o ano pode tocarlle ás miñas colmeas”, reflexionan.
Nas comunidades de montes tamén acusan as trabas que atopan para realizar accións, en moitos casos de protección a masas boscosas. “É difícil comprender como a maior parte das axudas europeas que veñen para a xestión dos montes van parar ós concellos, no canto de ser as comunidades de montes as que poidan acceder a elas, para poder investilas no monte”, explica Domingo González.
Os operativos de vixilancia e extinción de incendios dos días pasados tampouco serviron para aplacar as queixas dos veciños, que asistiron incrédulos á aparición de focos nalgúns dos puntos de maior protección e con maiores medidas restritivas, mesmo de acceso restrinxido. Ademais, numerosas voces cuestionan as decisións tomadas para conseguir apagar os lumes. “Había unha total descoordinación e falta de comunicación entre os equipos de terra e aire. Fixéronse descargas en puntos onde xa non se precisaba mentres noutros puntos onde había graves problemas non chegou a axuda dos medios aéreos”, valora Domingo González.
Trátase dunha opinión que comparten moitos veciños que asistiron incrédulos ás decisións de mobilizar os efectivos noutros puntos, ante as alertas que se viviron ó longo de varios días na provincia de Ourense, e que permitiron o avance do lume. “Non podemos estar gastando sempre en extinción, a Xunta ten que darse de conta de que só cabe prevención e organización”, valoran.
Sumar esforzos para a recuperación
Logo da desfeita polo paso do lume, comezan a darse nestes días os primeiros pasos para a recuperación do espazo. “Temos que sumar esforzos entre todos para tentar recuperar o perdido e tentar protexer o que queda”, explica José Yañez, membro da Comunidade de Montes de Río Caldo. De feito, nestes días traballan xa para conformar unha mancomunidade de comunidades de montes, un órgano que agardan sirva para sumar esforzos para a preservación e a organización destes montes. Das 18 comunidades de montes que se integran nos montes do Xurés, 11 delas xa comprometeron o seu apoio a esta proposta.
Pretenden crear unha mancomunidade de comunidades de montes coa que traballar na organización do territorio e incidir na prevención
Buscan establecer unha mesa de traballo na que poidan colaborar as distintas entidades e organismos na procura de solucións tanto a curto como a medio prazo para a xestión destes montes. De xeito inmediato propoñen recuperar os espazos queimados e realizar accións que eviten escorreduras nas ladeiras máis pronunciadas para evitar novos episodios de contaminación. Ademais, pretenden crear máis faixas de protección tanto para os núcleos como nos montes e afrontar unha nova organización e planificación do monte.
“A emigración, a orientación cara unha explotación forestal destes montes ou o abandono do pastoreo propiciaron o abandono do monte. Vemos que a xestión que se fixo non está funcionando, polo que haberá que probar novas estratexias para evitar que se repitan os lumes ano tras ano”, apunta Yañez. “Hai moita xente que retornou e que ten interese en manter vivos os montes. É necesario que a Administración tamén escoite ós propietarios e veciños da zona, que non sigan traballando de costas a nós”, explica.
Nestes días a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, así como a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantiveron unha xuntanza por videoconferencia cos alcaldes de Lobios e Muíños para comezar a trazar a estratexia de recuperación do parque. Polo momento, os axentes medioambientais tanto da consellería de Medio Ambiente como de Medio Rural continúan a colaborar coas forzas de seguridade para esclarecer as causas destes lumes e localizar ós seus responsables.
Máis información
Polo visto todo é “os veciños” pois xa postos saber quen foi ou quen foron tamen seria boa idea, agás que fose un raio, o lume alguen o prendeu e quen fai estas cousas soen ser os veciños….. ademáis iso de quitar a matogueira a un parque natural , os valores dun parque natural non son simplemente as árbores, tralos incendios habería que non pisar moito a zona , se se pode asegurar a terra para que non a leve a chuvia pois mellor e despois eliminar especies invasoras e alleas a zona que aproveitan o lume para extenderse, o resto xa o fai a propia natureza