Piden un plan de xestión do territorio en Ourense fronte ós lumes

Unións Agrarias considera que se poden recuperar arredor de 40.000 hectáreas de terras agrarias para frear o abandono e ‘selvatización’ da provincia

Piden un plan de xestión do territorio en Ourense fronte ós lumes

Un dos grandes lumes da vaga de Ourense, en Cualedro. / Imaxe: Brif Laza.

A vaga de lumes de Ourense arrasou en poucos días arredor de 10.000 hectáreas de monte, cunha media ducia de lumes que entran no escenario dos grandes incendios forestais, ó superar as 500 hectáreas. Arderon ademais catro casas en Cualedro e perdéronse colmeares de abellas e plantacións de olivos. É un toque de atención que desde Unións Agrarias consideran que obriga a que as Administracións impulsen un plan de xestión do territorio en Ourense.

Desde Unións comparan a situación de Ourense coa de Portugal. “O que sucedeu nos incendios de Portugal do 2017, a 2,5 horas en coche da provincia de Ourense, ten que ser un serio aviso para nós”, valora o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, que onte ofreceu unha rolda de prensa xunto o responsable de Gandería extensiva da organización, José Ramón González.

“O principal problema que temos é o abandono. En Ourense perdéronse unhas 40.000 hectáreas agrarias nas últimas dúas décadas, das que 17.000 son de parcelarias, que se transformaron en mato e silveiras. Iso leva a que cando se orixina un incendio, poida percorrer moitos quilómetros sen atopar discontinuidades, como as terras de labor, que sirvan de cortalumes”, analiza Jacobo Feijoo.

A organización agraria considera posible recuperar parte das terras agrarias perdidas para gandería e cultivos. “Fóra da Limia, onde hai unha agricultura de regadío profesionalizada, na provincia quedan uns 1.000 gandeiros, 1.700 viticultores e unha reducida actividade forestal”, detallan.

Con eses vimbios, en Unións consideran complicado tecer o cesto dunha maior prevención dos incendios. A organización agraria aposta por adicar recursos específicos para lograr novas iniciativas gandeiras e agrícolas en Ourense.

“Extinguir estes incendios de Ourense custou uns 3,5 millóns de euros, arredor de 470 euros por hectárea calcinada. O máximo que pode cobrar un gandeiro no caso hipotético de que percibise tódalas liñas de axuda ás que pode ter acceso, que non é o habitual, serían 425 euros por hectárea” -compara José Ramón González-. “Non ten sentido que sigamos ano tras ano coa mesma política de prevención e extinción que se demostrou fracasada e que e nos custa 90 millóns de euros ó ano”, conclúe.

O caso do Parque Natural do Xurés
O descontento existente no Parque Natural do Xurés, un escenario de incendios recurrentes onde arderon máis de 3.000 hectáreas na última vaga de lumes, foi tamén analizado por Unións. “É un Parque Natural que non ten plan de xestión, onde todo son problemas e trabas para os veciños e para as persoas que queren desenvolver iniciativas produtivas. Para calquera autorización, Medio Rural e Medio Ambiente pásanse a pelota, pero ninguén resolve. Precísanse regras de xogo claras”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.

Na mesma liña se expresa José Ramón González, que culpa ós “burócratas de oficina” de non escoitar as necesidades dos veciños: “Non digo que non teña que haber medidas de protección ambiental, pero o mínimo é sentarse cos veciños a escoitalos e compensalos economicamente polas restriccións que teñan que sufrir na súa actividade”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información