Comezan a aparecer as primeiras manchas de mildio no viñedo

Publicidade
Comezan a aparecer as primeiras manchas de mildio no viñedo

Envés de folla de vide no Salnés cunha lixeira esporulación do mildio. Foto: Estación de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu boletín fitosanitario desta semana da aparición das primeiras manchas de mildio en distintos viñedos das Rías Baixas.

En concreto, os técnicos da estación pontevedresa avisan de que “observamos que aparecera a primeira mancha de mildio na nosa viña de Areeiro (aínda sen tratamento algún na campaña) e noutra da nosa rede cunha aplicación funxicida, ademais de en sendas parcelas doutras persoas (….) e non só en Albariño senón nalgunha variedade tinta”.

Debido ás condicións meteorolóxicas moi cambientes que se prevén para esta semana (choivas en forma de chuvascos ou máis persistentes segundo a axencia) pero en xeral con temperaturas mínimas na contorna dos 11-13º C as condicións son propicias para a esporulación do fungo do mildio.

Con esta situación, a recomendación da Estación Fitopatolóxica do Areeiro é “facer unha constante revisión das viñas, aínda que se estea dentro do período de protección teórico do tratamento anterior, para poder detectar posibles síntomas novos que deben ser freados debido a que as viñas están xa nun estado fenolóxico (acios visibles/separados), onde síntomas mal controlados poden ter impacto na potencial colleita”.

Debido ao tempo chuvioso, recomenda a adición dun mollante ao caldo pois favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas. “E lembren tamén que, cos produtos que se soen empregar nestes momentos (sistémicos, penetrantes) pódese intervir sempre que a viña estea seca e que pasen 1-2 horas despois da aplicación sen que se produzan precipitacións”, subliñan.

Outros parásitos da viña

Por último, os técnicos informan de que “diferentes persoas nos informaron da presenza, localmente, de poboacións bastante importantes de pedroulo nalgunhas viñas do Salnés”. Por outra banda, tamén hai as primeiras capturas Lobesia botrana nas trampas, síntomas de erinose e abundantes caracois nalgunhas viñas.

Adulto de pedroulo en viña. Foto: Estación do Areeiro

Adulto de pedroulo en viña. Foto: Estación do Areeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información