Colaboración entre produtores de castañas e cazadores polos danos do xabarín

As sociedades cinexéticas de Ourense comprometen batidas preventivas nos soutos de castiñeiros para reducir as perdas provocadas polo porco bravo

Colaboración entre produtores de castañas e cazadores polos danos do xabarín

O xabarín xera perdas na colleita de castañas.

Representantes dos propietarios de soutos de castiñeiros e colectivos de cazadores de Ourense chegaron a un acordo para reducir as perdas que provoca o xabarín cada outono nos soutos. O compromiso de colaboración dos cazadores céntrase en priorizar a realización das batidas nas zonas de soutos, a fin de que a caza sirva para previr os danos antes da recollida da castaña.

O acordo pechouse nun recente encontro no Concello de Riós no que participaron sociedades de cazadores das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, representantes da Unión de Tecores de Galicia (Unitega), o Servizo de Conservación da Natureza de Ourense, propietarios de soutos e outras entidades.

Desde Unitega lembran que a colleita de castañas realízase en plena tempada de caza, polo que non é preciso solicitar permisos especiais para realizar as batidas preventivas nos soutos. Só é preciso que os propietarios dos soutos contacten coas sociedades de cazadores locais para solicitarlles que escollan os seus soutos como lugar no que priorizar as próximas batidas. Deste xeito, redúcese a presión dos animais sobre a castaña durante a época de recollida.

Unitega considera que este tipo de actuacións contribuirán a reducir a conflictividade que xera o xabarín entre produtores de castañas e cazadores a causa das reclamacións por danos.

Unitega cuestiona o sentido de manter o 10% dos Tecores vedados para a caza maior, xa que facilítanse así puntos tranquilos para o xabarín

Novas propostas en prevención de danos
Os colectivos presentes no encontro aproveitaron a presenza da xefa territorial de Medio Ambiente, Victoria Núñez, así como dos técnicos da Consellería, para trasladarlles outras propostas de prevención de danos agrícolas. En concreto, planteouse se ten sentido manter vedado para a caza maior o 10% do territorio dos tecores, pois na práctica ofrécenselle territorios tranquilos ó xabarín durante dous anos. Unitega propón que os vedados só sexan de aplicación para a caza menor.

Os cazadores tamén suxeriron a realización de métodos de prevención antes da detección de danos. Entre os posibles métodos, apuntaron ó uso de pequenos grupos de cans, soltos ou atraillados, para desprazar o xabarín de zona. Tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de realizar batidas sen armas. A cuestión é buscar xeitos de previr os danos de primavera -verán antes de que se produzan e nunhas épocas que están fóra da tempada de caza.

Unitega apunta que o nivel de danos obriga a cambiar o chip e a intensificar o diálogo entre as distintas partes na busca de solucións axeitadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información