Ampliado por un mes o prazo de solicitude das axudas para rexeneración ou mellora de masas de frondosas autóctonas

Esta liña de subvencións, dotada con 148.000 euros para o ano 2024 e 1,3 millóns para o 2005, está tamén destinada a fomentar á xestión sostible mediante usos silvopastorais

MADERAS GAYOSO (Vilalba) castiñeiroA Consellería do Medio Rural amplía durante un mes o prazo de presentación de solicitudes de axuda, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de mellora en masas de frondosas autóctonas mediante traballos de desbroce, podas ou desmestes, así como para a xestión mediante usos silvopastorais destas superficies.

O anuncio, publicado no DOG este mércores, establece ademais a obrigatoriedade de, unha vez rematados os traballos silvícolas, extraer ou triturar os restos que se obteñan como consecuencia do tratamento, en consonancia co Decreto que regula os aproveitamentos madeireiros e leñosos e no que se obriga á extracción ou trituración da biomasa forestal residual.

O criterio técnico aconsella a eliminación dos restos que se obteñan dos tratamentos silvícolas porque supoñen un risco para a aparición de pragas ou enfermidades forestais. Ademais, a retirada destes restos do monte contribúe á prevención dos incendios forestais ao eliminar o combustible do sotobosque.

Fíxase un importe de 850€/ha para a eliminación ou trituración dos restos de biomasa consecuencia das actuacións silvícolas realizadas

Tendo isto en conta, a Consellería modifica a orde de axudas publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro para engadir como actuación subvencionable a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento, o que supón engadir e cuantificar un novo prezo unitario, para compensar o custo que supón para a persoa beneficiaria da subvención o cumprimento da lexislación vixente.

Incremento de orzamento

A convocatoria incrementa en 1,24 millóns de euros o orzamento inicial para contribuír á rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Ademais desta liña, dotada agora con case 1,5 millóns de euros, a orde tamén inclúe outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, dotada con algo máis de 420.000 euros, polo que o orzamento total se achega aos 2 millóns de euros para as anualidades 2024 e 2025,

O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril, permitindo modificar aquelas xa formuladas anteriormente

Como consecuencia desta modificación e para garantir a concorrencia competitiva, a Administración autonómica acorda modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido por un mes máis, contado a partir do xoves 7 de marzo, o día seguinte ao da súa publicación no DOG. 

Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.

Actuacións subvencionables

Como actuacións subvencionables resultarían a roza, a formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo, a selección de abrochos, as desmestas e a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.

A densidade final mínima despois do tratamento será de 333 pés/ha e a máxima de 500 pés/ha

Poderán solicitarse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 3.340€, sen incluír os custos de redacción de proxecto e o panel informativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información