Claves básicas para o manexo do comedeiro en vacún de leite

Claves básicas para o manexo do comedeiro en vacún de leite

O comedeiro é xunto coa sala de muxido e as camas un dos tres lugares clave dunha gandería de vacún de leite, pois non só é onde as vacas reciben o alimento -que representa arredor do 60% dos gastos dunha explotación- senón que tamén pode ser unha fonte de problemas de saúde en caso de realizar un mal manexo do mesmo.

Para analizar cales son os aspectos claves a ter en conta, o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa organizou esta semana unha charla online a cargo de Sara Gracia Carbajo, responsable do Servizo Técnico Comercial da cooperativa Xallas Santa Comba SCG.

Velaquí os aspectos básicos que se deben ter en conta:

-Ubicación do comedeiro: O comedeiro debe estar nunha área na que non incida nin o sol nin a chuvia, pois provocarían problemas de quecemento e conservación da comida.

-Materiais: O comedeiro ten que ser unha zona que estea limpa. Para que nos resulte sinxelo limpalo e non se incruste restos de comida podemos utilizar superficies como aceiro inoxidable, plaqueta, pinturas plásticas…etc. Non se aconsella o cemento, pois os ácidos da comida irano degradando e incrustándose restos nos poros que acabarán provocando malos cheiros e problemas de conservación da comida.

-Dimensións recomendadas: O ideal é que haxa un oco por animal na cornadiza, para que se rexistre menos competencia por acceder ao pesebre. Como máximo, nunca debería haber máis dun 30% máis de vacas que cornadizas.

O ancho de comedeiro por animal debe ser de arredor de 70 centímetros, no caso de cornadizas autotrabantes, e duns 80 centímetros no caso de comedeiros libres sen trabantes.

O comedeiro debe estar a unha altura duns 30 centímetros con respecto aos cascos das vacas, para imitar a postura na que o animal pace.

Polo que respecta ao ancho, debería ser de 100 centímetros como mínimo, para evitar problemas de acumulación excesiva de comida, que acabaría rebordando e caendo.

-Máis espazo no comedeiro, menos competencia e menos problemas de saúde: As vacas son animais moi xerárquicos, cuns que asumen o rol de dominantes e codominantes e outras subordinadas. As vacas recén paridas, enfermas, primeirizas ou xovencas serán as que teñan máis problemas de acceso ao comedeiro no caso de que non haxa espazo abondo para todos os animais.

Iso provocará que coman menos, fóra de hora, rápido…o que derivará en problemas como cetose, menor fertilidade…etc.

-Mellor subministrar a comida pola mañá e pola tarde: O ideal é que se subministre comida fresca cantas máis veces se poda mellor. Así, se facemos o carro á mañá e á noite esa comida fresca será máis apetecible e o animal comerá máis.

“Moitas veces só se fai o carro unha vez ao día, e o problema diso é que a comida está máis babeada, no verán sécase máis a superficie…etc. É dicir, a mestura que fixemos cada vez é menos apetecible para o animal. Por iso é recomendable facer o carro dúas veces, sobre todo nas épocas de estrés por calor, cando baixa a inxesta”, destaca Sara Gracia.

O arrimado frecuente da comida tamén é moi importante porque as estimulamos a achegarse ao pesebre.

-Canta comida debe sobrar no comedeiro?: Non debe sobrar moita cantidade de comida, pois de ser así teríamos un problema económico debido ao mal estado da comida ou a que subministra en exceso. O normal é que por cada 50 vacas sobre un carretillo de comida, que normalmente se aproveita para a recría ou vacas secas, aínda que iso non é o ideal, pois sole estar en peor estado de conservación.

A comida que sobre no pesebre debería ser o máis parecida en composición á que lle botamos no comedeiro, pois nos indicaría que as vacas non escollen ingredientes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información