Traballadoras de diversos departamentos da granxa ecolóxica, Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía (A Coruña), quixeron visibilizar un ano máis os seus esforzos por lograr a igualdade. Nesta ocasión fixérono nun vídeo e cunha coreografía na que amosan que as mulleres rurais ‘pisan’ forte pola igualdade.
O vídeo da acción ten unha narrativa propia da rede social Tiktok, coa que busca achegarse ao público máis novo e promover este tipo de valores nas novas xeracións.
No vídeo, as mulleres dan un chimpo e caen dentro dunhas botas de auga violetas que levan estampado o texto “As mulleres do rural pisamos forte”. Hoxe en día este é o tipo de calzado que se usa nas granxas pero, antigamente, as mulleres daban os seus pasos cara a igualdade con zocos. Por isto, para pechar o círculo, a granxa sorteará entre os seus subscritores uns pequenos zocos lilas de Elena Ferro, artesá e zoqueira galega.
Unha granxa pola igualdade
Esta é unha acción de responsabilidade social corporativa de Casa Grande de Xanceda. A granxa emprega a 54 persoas, un 62% mulleres rurais.
Outras accións da marca realizadas outros anos foron o símbolo da muller segado en herba máis grande do mundo ou un enorme graffiti feito en pacas de herba seca para reivindicar a imprescindible figura da muller no rural.