Carmen Rodríguez, elixida presidenta de Agaca

Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa Clun, substitúe no cargo a José Montes Pérez. Cambia tamén parte da configuración do resto do Consello Reitor. Crece globalmente un 4% a facturación conxunta das cooperativas asociadas

Carmen Rodríguez, elixida presidenta de Agaca

Integrantes do novo Consello Reitor de Agaca xunto co presidente saínte, José Severino Montes.

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) celebrou este mércores a súa asemblea xeral, na que levaron a cabo a renovación do Consello Reitor. Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa Clun, resultou elixida como presidenta, en substitución de José Severino Montes, que non presentaba candidatura.

Rodríguez é a quinta presidenta da entidade dende que se constituíu en 1988 e compaxinará o novo cargo coa vicepresidencia da cooperativa de Clun. Rodríguez agradeceu a confianza que deposita nela o novo Consello Reitor, asumindo o cargo “con orgullo, honor, ilusión e responsabilidade”. 

José Montes deixa o cargo reivindicando no seu discurso final, a necesidade de incrementar a presenza feminina nos órganos directivos e reitores das cooperativas, e lamentou irse coa “espiña cravada de non ter avanzado máis na integración das cooperativas nos distintos sectores”, a pesar de que, segundo Agustín Herrero, director xeral de Cooperativas Agro-alimentarias “as integracións desenvolvidas en Galicia son a envexa doutras Comunidades Autónomas”.

Montes quixo dar relevancia tamén, á participación de Agaca en órganos como Cooperativas Agro-alimentarias de España, o Foro pola Economía Social Galega ou Cepes. Por último agradeceu a oportunidade de ter estado tan preto das cooperativas durante estes últimos oito anos en que exerceu de presidente.

Instante da asemblea celebrada este mércores, na que se renovaron os cargos e se deu conta das contas do 2020.

Instante da asemblea celebrada este mércores, na que se renovaron os cargos e se aprovaron as contas do 2020.

Xunta reitora

A participación na asemblea foi numerosa nos debates e votacións, tanto de forma presencial como on line e aglutinou máis do 85% da facturación e da base social das cooperativas socias. Así mesmo, as entidades suman preto de 6.0000 empregados entre cooperativas e empresas da súa propiedade, ao que hai que engadir o emprego indirecto xerado e que representan a máis de 28.000 agricultores e gandeiros.

Ademais da presidencia, producíronse tamén algúns cambios no Consello Reitor que se encargará da orientación da Asociación durante os vindeiros catro anos, así como os representantes das sete Xuntas Sectoriais activas. Así, na vicepresidencia está José Manuel López Tellado (Cooperativa Aira), na secretaría José Luis Rey Rodríguez (Cooperativa Coren), en tesourería Javier Iglesias Sendín (Cooperativa Viña Costeira), e de vogais exercen Rafael Tejeda Vázquez (Cooperativa Proterga), Alberto Amil Chaves (Cooperativa Horsal) e Xoan López Allegue (Cooperativa Martín Códax). 

As xuntas sectoriais para o período 2021-2025 son as seguintes: 

1.- Xunta sectorial de Abastecementos e Servizos
Representante: D. José Manuel López Tellado (Aira)
Suplente: D. Juan Novo Novo (El Plantel de Betanzos)

2.- Xunta sectorial de Gandería Intensiva. Avicultura, Porcino e Coellos
Representante: D. José Luis Rey Rodríguez (Coren)
Suplente: D. Natalio García Corral (Cogal)

3.- Xunta sectorial de Vacún de Carne, Ovino, Caprino e outras carnes
Representante: D. Rafael Tejeda Vázquez (Proterga)
Suplente: D. Susana Trastoy Polo (Almoga)

4.- Xunta sectorial de Froitas e Hortalizas
Representante: D. Alberto Amil Chaves (Horsal)
Suplente: D. José Rodríguez Cornes (Erica Mel)

5.- Xunta sectorial de Leite- Derivados Lácteos
Representante: Dna. Carmen Rodríguez Rodríguez (Clun)
Suplente: D. Jose Antonio Presedo Miranda (Campo Capela)

6.- Xunta sectorial de Viño – Interior
Representante: D. Javier Iglesias Sendín (Viña Costeira)
Suplente: D. Manuel Fernández Pérez (Jesús Nazareno)

7.- Xunta sectorial de Viño – Costa
Representante: D. Xoán López Allegue (Martín Códax)
Suplente: Dna. Dolores Calvo Méndez (Condes Albarei)

Un cooperativismo preparado

Na asemblea tamén se aprobaron as contas anuais e fíxose un repaso da actividade desenvolvida durante o 2020, marcado pola pandemia. Agricultura e gandería non foron dos sectores máis afectados, salvo o vacún de carne, a carne de aves, as flores e plantas vivas e o viño. Neste exercicio, o conxunto das empresas que integra Agaca lograron un crecemento da facturación superior ao 4%. 

Á marxe do impacto da Covid-19, na xunta abordaron algunhas das incertezas que xa existían antes da pandemia: enorme presión sobre os prezos por parte da gran distribución, os efectos do Brexit, os aranceis de Estados Unidos e a suba especulativa das materias primas de alimentación animal. “Todo isto levará a que os resultados globais para os produtores gandeiros do ano 2021 sexan posiblemente peores que os de 2020”, apuntan dende Agaca.

“É imprescindible apoiar, máis que nunca, a produción agraria e gandeira e a transformación e valorización da mesma nas cooperativas”

Indican que a presión sobre os prezos da gran distribución obriga aos produtores e industria alimentaria a axustar continuamente as marxes, o que provoca que moitas empresas alimentarias presenten un elevado endebedamento a curto prazo. “A recesión económica tra-la pandemia non axudará a mellorar a situación”, valoran. Así, para Agaca a reforma da Lei da Cadea convértese nunha oportunidade para asegurar a viabilidade do sector agroindustrial. Temen que debido ao confinamento e a mala evolución do turismo, os provedores de alimentos cárnicos e de viño poden seguir sufrindo deterioro nas vendas.

“É imprescindible apoiar, máis que nunca, a produción agraria e gandeira e a transformación e valorización da mesma nas cooperativas, ata a saída do produto cara os puntos de consumo. Despois do vivido en 2020, podemos afirmar que o sector está preparado para continuar no esforzo diario e adaptarse aos cambios”, reivindican.

Análise 2020 por sectores

Na xunta realizaron un repaso da situación que atravesan os distintos sectores agrogandeiros. As súas estimacións apuntan a que a renda media dos profesionais da agrogandería galega reduciuse en 2020, pese ao incremento de prezos da alimentación. Tamén apuntaron a que neste ano tan crítico e volátil, os sectores de froitas e hortalizas saíron moi reforzados fronte aos sectores gandeiros, moito máis afectados no impacto do consumo no canal de hostalería, restauración e catering. “Debemos lembrar que Galicia é unha comunidade eminentemente gandeira, fronte a España con producións centradas nas froitas e hortalizas de carácter agrícola”, inciden.

O sector de carne de aves acusou un 15% de caída de prezos medios no ano. O vacún de carne, con gran prestixio e importancia en Galicia, estima medias de prezos en 2020 superiores aos dous díxitos. Mesmo os prezos da carne de porcino tiveron unha forte redución en relación ao ano 2019. Porén, outros sectores como o da carne de coello mantiveron unha estabilidade altamente valorada ao ser comparada co resto de especies.

O sector lácteo tivo un comportamento globalmente positivo: creceron as entregas de leite preto dun 4% cun prezo de 1,2% superior ao de 2019, nun contorno de custos de produción globalmente estables. Iso si, preocupa moito nos sectores gandeiros galegos a escalada das materias primas de alimentación animal iniciada no mes de agosto, e que ameaza fortemente os custos de produción dos sectores gandeiros galegos de cara ao ano 2021 e seguintes. En 2020, dous elementos claves na alimentación como son a soia e o millo experimentaron un incremento dos custes do 28% e o 15% respectivamente.

Nos sectores agrícolas as cousas tampouco foron excesivamente mellor que nos sectores gandeiros. O viño viuse duramente afectado pola pandemia. Certo é que foi un sector con gran axilidade comercial e pronto atopou na alimentación e na exportación unha vía de escape que minorou os efectos económicos perversos da pandemia. “Ao final, no sector do viño podemos afirmar que foi un mal ano en comparación coa expectativa comercial que había sobre o mesmo, e non tan mal ano en relación ao peche obrigado da restauración e do enoturismo que tiveron que xestionar”, sentencian.

O sector da flor e planta viva tivo un ano tan negativo coma os sectores gandeiros máis afectados. Non puideron vender a flor e as plantas vivas no intre en que se achegaba a campaña de primavera, o momento de maior produción e tampouco polas festas do verán, nin na campaña de defuntos, que coincidiu cos peches perimetrais do outono polo coronavirus.

O sector do mel manifestou un comportamento positivo no exercicio e o sector hortícola mantivo unha campaña de prezos bos e de producións razoablemente positivas.

As cooperativas vinculadas cos sectores produtivos, de subministro e servizos, con fábricas de penso, almacéns de venda de alimentación, adobos, plásticos, así como as cooperativas con prestación de servicios aos socios: servizos veterinarios, agronómicos, seccións de crédito, de maquinaria etc., mantiveron a actividade normalmente, coas implicacións que a pandemia obrigou, como a adopción de medidas preventivas ou limitación das actividades.

“En resumo, se nos comparamos coa agricultura do resto de España, con moita máis presencia agraria que gandeira, podemos concluír que o 2020 foi un mal ano para o agro galego, non só polas perdas humanas da pandemia, senón tamén pola perda económica causada pola mesma nas contas dos nosos agricultores e gandeiros socios, pese a ser cualificados reiteradamente coma esenciais. Novamente os elos da cadea alimentaria máis beneficiados desta traumática situación foi a gran distribución que medrou preto do 15% en vendas e comercializou os alimentos a prezos maiores cos mesmos custos”, conclúen dende Agaca.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información