Convocadas axudas para instalacións e equipamentos das cooperativas

Convocadas axudas para instalacións e equipamentos das cooperativas

Instalacións de Clun na Mariña lucense. / Arquivo.

O desenvolvemento en común de iniciativas no rural e con iso, o emprego de sistemas e infraestruturas en réxime asociativo, permite aumentar as posibilidades de retorno económico ás explotacións agrogandeiras, por iso se realizan achegas tanto desde a UE como das outras administracións para fomentar esta política agrogandeira. É por iso que Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde na que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

O orzamento total para esta liña de achegas é de catro millóns de euros. O seu obxectivo é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, co fin de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ademais, tamén busca reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Trátase dunha convocatoria plurianual e faise dentro do réxime de concorrencia competitiva. Está dirixida a cooperativas agrarias, que poderán financiar todo tipo de instalacións e investimentos de uso común, tanto de reforma como de nova construción, pero que supoñan unha redución dos custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén son financiables cuestións como a compra de terreo, os honorarios técnicos ou as licenzas.

A maior novidade en relación ás anteriores convocatorias é a esixencia dun mínimo de 10 socios nas cooperativas solicitantes. Ao tratarse dun réxime de concorrencia competitiva aplicarase un baremo de puntuación, no que se terán en conta cuestións como o número de explotacións agrícolas na cooperativa, investimentos en aforro enerxético, a súa limitación con zonas naturais ou a porcentaxe de mulleres que haxa na asociación.

Con axudas coma estas materialízase o compromiso da Xunta de Galicia en prol do asociacionismo das explotacións agrarias, para facilitar o seu acceso á produción e a modernización dos procesos inherentes ó sector. Neste sentido, refórzase o asociacionismo como compoñente esencial nunha agricultura competitiva, sustentable e orientada ao mercado global.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información