As choivas e treboadas que se deron no viñedo na época de floración e nas últimas semanas fan prever que o 2019 non será un gran ano na maioría das denominacións de orixe. Coa perspectiva dunha colleita limitada e dunha demanda alta pola uva, os vogais de Unións Agrarias nos Consellos Reguladores das denominacións de orixe mantiveron hoxe unha reunión en Santiago para consensuar propostas comúns. O seu obxectivo, contratos multianuais e maior control dos rendementos por parcela nas cinco denominacións de orixe galegas.
Trala reunión cos seus vogais, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, expuxo as demandas comúns. Son cuestións que a organización agraria vén demandando de tempo atrás, aínda que con escaso éxito.
Contratos
Unha primeira cuestión é o establecemento de contratos escritos entre viticultor e adega, con prezos fixados e prazos de pago a 30 días, “tal e como esixe a lei”, sinala García. “Agora mesmo temos contratos de adhesión, que o viticultor asina sen prezo ou con prezo en branco, e hai casos de viticultores que aínda non cobraron a uva do ano pasado”, cuestiona o secretario xeral de Unións, que compareceu en rolda de prensa acompañado dos vogais de Unións nas distintas denominacións.
“Temémonos que estea a entrar uva de fóra en campañas cunha colleita limitada, como a actual” (Roberto García, Unións)
Unións considera que esta campaña, na que se prevé unha demanda alta para as uvas, é unha boa oportunidade para que adegas e viticultores negocien compromisos multianuais que lles dean estabilidade e seguridade a ambas partes. García pide a intervención na materia do conselleiro do Medio Rural, José González, “que presume de ser coñecedor do sector”. “Teno moi fácil se decide priorizar nas axudas ás adegas que aposten por contratos cos viticultores”, subliña García.
Unións desenvolverá reunións cos viticultores nas distintas denominacións e valora medidas de presión se non se establecen mesas de negociación en pé de igualdade antes da vendima.
Controis de rendementos
A segunda cuestión que preocupa a Unións é o control de rendementos nas denominacións de orixe. “Ata agora o único control que se fai é nas adegas. Contrólase que as adegas non procesen máis uvas que as marcadas polo cupo de rendemento de cada denominación, pero non se fan controis de campo das parcelas”, advirte Roberto García.
A organización agraria témese que a ausencia de controis de campo estea a derivar nalgunhas campañas na entrada de uva foránea. “En campañas de pouca uva, como a actual, moito nos tememos que as adegas estean a mercar uva de fóra, co conseguinte perxuízo para os viticultores e para as propias denominacións”, cuestiona Roberto García.
En Rías Baixas, Unións avoga por establecer rendementos diferentes en función da subzona e do tipo de cultivo (emparrado, espaldeira)
Unións pide que se establezan controis aleatorios de rendementos das parcelas, a fin de comprobar que os rendementos que declaran as adegas se corresponden cos reais. É unha cuestión que se pode determinar “con bastante exactitude” -din- en función do tipo de cultivo (emparrado, espaldeira), da densidade das cepas, das variedades e do desenvolvemento das plantas. “Os nosos vogais non aprobarán ningún balance de colleita sen ter acceso antes a toda a información dos rendementos e parcelas de colleita declaradas por cada adega”, advirte Roberto García.
A maiores, para o caso da DO Rías Baixas, avogan polo establecemento de rendementos diferenciais en función da subzona e do tipo de cultivo, pois alegan que “non ten sentido manter os mesmos rendementos en Cambados que no Rosal, cando son dúas zonas moi distintas”.
Esa situación leva a que en anos de boas producións, nalgunhas zonas moi produtivas parte dos viticultores decidan vender en B a colleita que excede dos rendementos autorizados. Unións recoñece que hai que poñerlle freo a esas prácticas pero pide tamén unha normativa máis realista.
En anos de colleita peor, como se espera que sexa o actual, o perigo vén da entrada de uva de fóra, unha práctica que a organización sospeita que se está a facer con bastante impunidade nalgunhas denominacións, sen un axeitado control da Administración.
Axudas para reestruturación
Un terceiro punto polo que aposta Unións é en centrar os apoios públicos nos pequenos viticultores. “En Galicia hai 15.000 viticultores que teñen menos de 2 hectáreas e arredor de 500 con máis de 2 hectáreas. Pedimos que os apoios vaian para os que teñen menos de 2 hectáreas ou entre 2 e 5 hectáreas. Estamos en contra de que se apoien as plantacións das grandes adegas, sen garantía de compra da uva ós pequenos viticultores, que son os que manteñen a actividade no rural”, sinala Roberto García.
Controis da Seguridade Social
Desde Unións amosan tamén preocupación polos controis que se están facendo en distintas comarcas de Galicia sobre á cotización á Seguridade Social e as declaracións a Hacienda dos viticultores. Unións anuncia contactos coa Administración para buscar acordos que solucionen o problema.