A FRUGA-AGV, en colaboración coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo, organizan unha serie de eventos para promover os viños da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, oficializada en febreiro de 2023. Estas actividades forman parte dun convenio de promoción que comezou no 2023.
O primeiro evento terá lugar este venres, 10 de maio, na sala de exposicións da Deputación de Lugo. Consistirá nunha charla-coloquio aberta ao público e contará coa participación de Isabel Lozano de EnVinissi, Maira Ratón, técnica en elaboración de viños, e Francisco Sanromán de Adega Sidrón, en Negueira de Muñiz. Ao finalizar a charla, os asistentes poderán degustar os distintos viños que ofrece a IXP Terras do Navia, descubrindo así a riqueza e variedade desta zona vitivinícola.