Primeira cata de viños da IXP Terras do Navia

Publicidade

cataTerraDoNaviaPORTADAO Pazo de San Marcos acolleu a primeira cata dos viños elaborados baixo o selo de calidade IXP Terras do Navia, acadado o pasado xullo e impulsado pola FRUGA coa colaboración de Medio Rural da Deputación.

Foi unha degustación enfocada a profesionais á que acudiron o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro,o deputado de Medio Rural Daniel García e a deputada de Cultura Iria Castro, no que se presentaron oito viños de distintas elaboracións coas variedades máis representativas da zona como a branca lexítima (branca do país) ou a tinto serodo, entre outras. Trátase de viños de Adega Panchín, de Negueira de Muñiz, pioneira na elaboración de viños na zona (Panchín e Nesta Ourela), Adega Sidrón, tamén de Negueira de Muñiz (DPieiga) e Bodega da Señora, de Navia de Suarna, que ven de incorporarse á IXP (Solarega).

Daniel García parabenizou á Asociación Galega de Viticultura, a Federación Rural Galega e os adegueiros pola traballo realizado durante os últimos catro anos para lograr o selo de calidade que “pode ser unha gran ferramenta para impulsar a comercialización destes viños, animar a novas produtoras e produtores, e, en definitiva, para recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas ultimas decadas”.
O deputado lembrou “a colaboración mantida ao longo dos dous  últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, que permitiu desenvolver diferentes accións de formación, asesoramento e divulgación dos viños de Terras de Navia” e mostrou “a  vontade seguir traballando conxuntamente nesa dirección, para aproveitar o potencial vitivinícola desta zona que será chave para o mantemento do territorio e da poboación nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia de Suarna”, apuntou.

O responsábel da Federación Rural Galega en Lugo, Elías Somoza, explicou que “o obxectivo é converter a IXP Terras do Navia nunha referencia na produción e no consumo de viños deste país, na quinta IXP que se pon en marcha na Galiza nos últimos tempos, e a primeira na provincia de Lugo” e remarcou que “se queremos un rural vivo é necesario dar un nivel de vida digno ás persoas que se adican ao sector agrogandeiro”.

A cata, comentada por Martiño Santos e Roberto Regal, contou coa asistencia de profesionais de hostelería lucense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información